Parque-Xardín e Carballeira de Caldas de Reis
Localización: no centro urbano de Caldas de Reis, entre a rúa José Salgado, que se dirixe a Cuntis, e o río Umia
Coordenadas: 42º 36' 11.27'' N, 8º 38' 21.14'' O (42.603661, -8.640401)
Propietario actual: Concello de Caldas de Reis
Acceso libre (986 540 002; 665 286 957)
E-mail: turismo@caldasdereis.com
Web: www.caldasdereis.com/visitar_c.php
HISTORIA
O xardín botánico e carballeira de Caldas de Reis, de gran valor histórico, cultural e botánico, posúe unha estrutura e distribución singular e está situado nun enclave único á beira do río Umia.
A súa historia está ligada ao auxe do termalismo local, que tivo lugar a finais do século xix e que na modernización urbana de Caldas de Reis trouxo consigo a creación de espazos axardinados, co fin de dispoñer de lugares recreativos para o gozo das e dos habitantes e de todas as persoas visitantes atraídas polas súas augas termais e balnearios.
Coincidindo con este período de modernización urbana, o alcalde Antonio Román López promoveu, en 1883, a expropiación do terreo chamado La Torre, propiedade do conde de Canillas, por 25.000 pesetas (150 euros). O predio de 3 hectáreas, situado na marxe dereita do río Umia, incluía unha carballeira, un terreo de labradío e mais os terreos que hoxe en día ocupan o asilo, o centro médico, o xulgado, o auditorio e a biblioteca. Este quedaría dividido en espazos destinados a converterse no campo da feira (a carballeira), o asilo, as escolas e nunha alameda-xardín.
No Arquivo Municipal atópase tamén o Proyecto, presupuesto de gastos y plano de un jardín público en la villa de Caldas, asinado o 12 de febreiro de 1884; a persoa designada para elaboralo foi Francisco Alcarraz, enxeñeiro agrónomo e director da Escola Provincial de Agricultura de Pontevedra (pertencente á Deputación de Pontevedra e situada na Caeira), quen deseñou un xardín de estilo paisaxista con matices xeométricos.
Ese mesmo ano iniciáronse no parque-xardín a transformación e as primeiras plantacións; moitas das cales procedían da citada Escola de Agricultura de Pontevedra, xa que esta foi un dos sitios de abastecemento de plantas ornamentais máis importantes da súa época en Galicia. Unha proba disto é que no Libro de actas do Concello está escrito, o 26 de xuño de 1892, o seguinte: "Quince pesetas a D. José Salgado por plantas que, según factura, adquirió en el Jardín de La Caeira de Pontevedra para este ayuntamiento". Tamén está documentado que en 1931 (Libro de actas, sesión de 4 de outubro) se adquire unha importante partida de plantas procedentes da Casa M. Rodríguez da Coruña.
En 1962 foi declarado como lugar pintoresco e xardín histórico, o que fixo que fose considerado, xa naquel momento, un dos parques e xardíns máis fermosos de España. Na actualidade conta, ademais, coa catalogación de ben de interese cultural.
Foron moitas as actuacións restauradoras de mellora e de acondicionamento que se realizaron desde a súa creación ata a actualidade, o que demostra a implicación que o Concello de Caldas de Reis sempre tivo neste espazo. Nada teñen que ver a estrutura e o deseño actual do conxunto coa proposta inicial, máis rústica e de maior simplicidade.
Entre estas actuacións destacan a construción dos muros para evitar os posibles danos que puidesen provocar as crecidas do río Umia; a creación do miradoiro fluvial, coñecido popularmente como O Malecón; a construción das escalinatas de paso desde a estrada de Cuntis; a reestruturación e as continuas actuacións na carballeira; a plantación de novas especies no xardín que deron paso ao amplo catálogo arbóreo actualmente dispoñible e formado por arredor de 110 especies; ou a recuperación da pradería da ribeira fluvial, máis coñecida como parque dos Choróns.
O conxunto natural é, ademais, un lugar de homenaxe con monumentos escultóricos que converteron este espazo no lugar da memoria de Caldas de Reis.
UN PASEO POLO XARDÍN
O parque-xardín e carballeira atópase nun lugar privilexiado, situado na marxe dereita do río Umia, cun longo paseo que se estende pola beira deste e que se ensancha no mesmo xardín para formar un bonito miradoiro sobre as augas. Aínda que en realidade non son dúas, senón tres, as zonas que conforman este espazo verde, xa que debe incluírse tamén a antes citada pradería da ribeira fluvial.
O parque-xardín inclúe unha gran diversidade de plantas ornamentais, arbustos e especies arbóreas, na súa maioría exóticas, que destacan polos seus grandes portes. Está bordeado por catro amplos paseos que o encadran, tres dos cales están delimitados por fileiras de grandes árbores: o paseo das criptomerias, na parte superior que coincide coa rúa José Salgado, o paseo dos carballos, que constitúe o límite entre o parque-xardín e a carballeira, o paseo dos tileiros, cara á beira do río, e que no momento de creación do xardín foi un paseo de plátanos (Platanus x acerifolia), e o paseo de Román López, que se corresponde coa entrada natural ao xardín e está bordeado por exemplares aliñados de camelia (Camellia japonica).
Cómpre destacar tamén o paseo dos plátanos, constituído por pés antigos —seguramente orixinais da creación do xardín—, os cales presentan grandes portes, e que atravesa o interior do parterre na zona superior.
Este parterre está formado por cadros polimórficos axardinados, distribuídos de maneira asimétrica, que albergan unha gran diversidade de especies vexetais e de monumentos conmemorativos, entre os cales discorren sinuosos camiños que levan ás diferentes zonas que o forman e ata amplas praciñas, con bancos, fontes e farois que se reparten por todo o xardín. Tamén acolle un parque infantil.
Entre as especies presentes podemos destacar pola súa floración os rododendros, os magnolios e as camelias (Camellia japonica, Camellia sasanqua e C. reticulata); pola súa singularidade os pés de cunninghamia (Cunninghamia lanceolata) e de araucaria do Brasil (Araucaria angustifolia), catalogados como árbores senlleiras, o mirto de armela (Melaleuca armillaris) de gran tamaño e os monumentais eucaliptos (Eucalyptus globulus), con máis de 100 anos e que alcanzaban preto dos 50 m de altura, aínda que na actualidade foron podados, polo que perderon gran parte da súa copa.
Á carballeira chégase atravesando o paseo dos carballos; trátase dunha formación en retícula, o que nos indica a súa orixe antrópica, que alberga arredor de 150 exemplares de diversas dimensións, debido aos diferentes momentos de plantación que tiveron lugar ao longo da historia do espazo.
Esta formación ofrece un marco incomparable que nos conduce ata o parque dos Choróns, situado a carón do río, no que destaca a presenza de pradairos negundos (Acer negundo), amieiros (Alnus lusitanica), chopos (Populus alba ‘Pyramidalis'), tileiros (Tilia sp.), freixos (Fraxinus angustifolia e F. excelsior), abeleiras (Corylus avellana) e salgueiros choróns (Salix babylonica ‘Chrysocoma'), que lle dan o nome ao lugar. Desde esta zona xorde unha ruta que bordea o río Umia e nos leva ata a fervenza de Segade e ata a histórica fábrica da luz.
PUNTOS DE INTERESE
*Cunninghamia (Cunninghamia lanceolata)
Situado en pleno centro do parque-xardín e rodeado de árbores de gran tamaño, atópase un exemplar de cunninghamia que data da época en que se creou o xardín (finais do século xix), de aspecto irregular e desgairado. Esta árbore destaca pola súa elevada altura, que ronda os 30 metros, e está incluída no Catálogo galego de árbores senlleiras (Decreto 67/2007).
*Araucaria do Brasil (Araucaria angustifolia)
Á esquerda do estanque das Cunchas, onde se atopa o monumento ao apóstolo Santiago e ao mundo xacobeo, atópase a senlleira araucaria do Brasil (Araucaria angustifolia), unha das árbores máis destacadas do xardín, pola súa antigüidade e pola súa rareza. Forma parte do proxecto inicial de creación do xardín e tamén está incluída no Catálogo galego de árbores senlleiras. O exemplar, de 34 m de altura, considerado o maior de Galicia, comparte espazo cun exemplar de tuia xigante (Thuja plicata) e outro de criptomeria elegante (Cryptomeria japonica ‘Elegans').
*Carballeira (Quercus robur)
Trátase dunha formación senlleira que alberga arredor de 150 exemplares e que aínda conserva algún dos pés que pertencían á antiga propiedade comprada polo Concello no ano 1883. As árbores están distribuídas, na súa maioría, en ringleiras perpendiculares ao río, o que nos indica a súa orixe antrópica. Os exemplares presentan diferentes morfoloxías, dimensións e estados de conservación.
Nos últimos anos leváronse a cabo unha serie de actuacións co fin de mellorar o seu estado xeral: descompactación do terreo, fertilizacións, podas de saneamento, novas plantacións para repoñer faltas...
É unha das carballeiras urbanas de maior reputación de Galicia e forma parte tamén do elenco de árbores pertencentes ao Catálogo galego de árbores senlleiras.
*Outros exemplares de interese
O xardín conta tamén cun excelente exemplar de Cedrus libani, de 32,7 x 4,1 m; con grandes exemplares de Cryptomeria japonica —a máis alta con 34 x 3 m—; con varios pés de gran tamaño de Liriodendron tulipifera —o maior de 35,2 x 2,9 m— e con dous destacables plátanos de sombra, Platanus x acerifolia, de 30 x 4,2 e 32,5 x 5,3 m. Todos estes exemplares son centenarios, seguramente das plantacións orixinais e dos mellores de Galicia.
Así mesmo, destaca a Camellia japonica ‘Caldas', nomeada en honor de Francisco José de Caldas y Tenorio, renomeado científico e heroe da guerra de Independencia de Colombia nacido nesta vila. A camelia plantouse neste parque-xardín no 2016 para conmemorar o bicentenario da súa morte
CATÁLOGO BOTÁNICO
- Acer negundo L.
- Acer palmatum Thunb.
- Aesculus hippocastanum L.
- Ageratina ligustrina (DC:) R. King & H. Robinson
- Alnus glutinosa (L.) Gaertn.
- Araucaria angustifolia (Bertol.) Kuntze
- Arbutus unedo L.
- Betula pubescens Ehrh.
- Brugmansia insignis(Barb. Rodr.) Schult.
- Callistemon citrinus (Curtis) Skeels
- Camellia japonica L.
- Camellia reticulata Lindl.
- Camellia sasanqua Thunb.
- Casuarina cunninghamiana Miq.
- Catalpa bignonioides Walter
- Cedrus atlantica (Endl.) Manetti ex Carrière Grupo Glauca
- Cedrus deodara (Roxb. ex D. Don) G. Don
- Cedrus libani A. Rich.
- Cephalotaxus harringtonii (Knight ex J. Forbes) K. Koch
- Cercis siliquastrum L.
- Chamaecyparis lawsoniana (A. Murray bis) Parl.
- Cinnamomum camphora (L.) J.Presl
- Cordyline australis (G. Forst.) Endl.
- Corylus avellana L.
- Cotoneaster glaucophyllus Franch. var. serotinus (Hutch.) L.T. Hu & Brach
- Cryptomeria japonica (Thunb. ex L. f.) D. Don.
- Cunninghamia lanceolata (Lamb.) Hook.
- Eucalyptus globulus Labill.
- Fagus sylvatica L.
- Fraxinus excelsior L.
- Ginkgo biloba L.
- Liquidambar styraciflua L.
- Liriodendron tulipifera L.
- Magnolia grandiflora L.
- Melaleuca armillaris (Sol. ex Gaertn.) Sm.
- Myrtus communis L.
- Picea abies (L.) H. Karst.
- Platanus × acerifolia (Aiton) Willd.
- Populus alba L. Pyramidalis'
- Prunus cerasifera Ehrh. 'Nigra'
- Prunus laurocerasus L.
- Pseudotsuga menziesii (Mirb.) Franco
- Quercus robur L.
- Quercus rubra L.
- Quercus suber L.
- Salix (Grupo Sepulcralis) 'Chrysocoma'
- Thuja plicata Donn ex D. Don
- Tilia × europaea L.
- Tilia platyphyllos Scop.
- Tilia tomentosa Moench