Parque de Monte Porreiro

Localización: no barrio de Monte Porreiro, situado ao noroeste da cidade de Pontevedra

Coordenadas: 42º 26' 38.37'' N; 8º 37' 40.46'' O (42.443994; -8.627906)

Propietario actual: unha parte do xardín orixinal, na que se situaba a residencia de Casimiro Gómez, pertence na actualidade á Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED), mentres que a superficie restante é propiedade do Concello de Pontevedra.

Acceso libre  (986 804 300)

E-mail: contacto@pontevedra.gal

Webwww.pontevedra.gal/areas/parques-e-naturaleza/os-parques-de-pontevedra/

  HISTORIA

A mediados do século VIII o Catastro de Ensenada presentou Monte Porreiro como un espazo territorial dedicado a monte, con carballos e castiñeiros. Fai aproximadamente século e medio o aproveitamento comunal correspondíalle á veciñanza de Mourente, aínda que en 1855, debido á lei de desamortización, foi expropiado e vendido. Nese momento atopábase dividido en dúas unidades: Monte Porreiro de Arriba, cunha extensión aproximada de 600 ferrados (30 ha), e Monte Porreiro de Abaixo, cunha extensión de 282 ferrados (14,1 ha), e en ambas as parcelas medraban carballos.

O conxunto foi mercado por Joaquín Baeza Nieto, co fin de cortar o arborado e vendelo, pero a veciñanza alzouse na súa contra, o que propiciou que en 1867 decidise poñer o predio en venda. A principios da última década do século xix, Monte Porreiro, tamén coñecido como Alquería de San Antonio Abad, estaba nas mans do mestre Antonio Feijoó García.

Foi no ano 1900, a través do seu amigo o marqués de Riestra, cando Casimiro Gómez comprou arredor de 70 ha en Monte Porreiro, ao que rebautiza como Villa Buenos Aires. Este monumental predio foi urbanizado progresivamente e dotado de paseos, parques e avenidas; nel creouse unha granxa con plantacións de árbores froiteiras, viñedos e cultivos e na que tamén se criaba gando, que nalgunhas ocasións Casimiro fixo traer das súas propiedades arxentinas.

Casimiro Gómez Cobas naceu o 21 de marzo de 1854 na parroquia de Santiago de Viascón (Cerdedo-Cotobade), procedente dunha familia modesta. Cando tiña 13 anos emigrou á Arxentina coa esperanza de reencontrarse co seu tío e alí comezou a súa aprendizaxe nos negocios da talabartería. Con apenas 24 anos xa estaba consolidado como un gran comerciante e industrial, e contraeu matrimonio coa filla de Agustín Palmés, dono de La Nacional, o que supón o inicio dunha serie de factorías que, baixo o seu mando, recibirán innumerables premios de calidade.

Foi unha importante figura filantrópica no desenvolvemento da cidade de Pontevedra, un dos pioneiros á hora de realizar proxectos enfocados a atraer e canalizar o turismo ata as Rías Baixas. Pouco despois de regresar á capital do Lérez, en 1900, propuxo crear unha cadea hoteleira de calidade, enfocada fundamentalmente a cubrir a demanda de turistas de Inglaterra e dos Estados Unidos.

A antiga Alquería de San Antonio Abad contaba cun chalé de estilo suízo e cun extenso territorio no que había dous mananciais de augas mineiro-medicinais. Estes nacedoiros espertaron en Casimiro a idea de emprender a explotación comercial destas augas e para iso solicitou a declaración da súa utilidade pública un ano despois de mercar o terreo, aínda que esta non se lle concedeu ata 1904.

Para levar a cabo todo o seu proxecto, a súa propiedade sufriu unha serie de transformacións. Abriu novas vías de comunicación, internas e coa cidade, embeleceuna con fermosos e coidados xardíns, grutas e labirintos e deulle maiores proporcións á famosa fervenza do Lérez. Así, conseguiu resaltar as xa naturais belezas da súa magnífica posesión.

No tramo do Lérez que flúe desde a parroquia de Bora a Xeve, Lérez e Mourente, asentábanse numerosos muíños de pedra que desaparecían coas crecidas cando chegaba o inverno. A instalación dun muíño eléctrico na granxa foi a fin dalgúns destes antigos muíños. Ademais dos elegantes xardíns, labirintos, invernadoiros e gaiolas con animais exóticos, o conxunto completábase cun espléndido miradoiro de ferro forxado, rodeado dunhas fermosas estatuas de porte clásico, como se pode apreciar nas fotografías da época. En 1904 declaráronse de utilidade pública as augas do Lérez e o señor Gómez proxectou a construción dun balneario na marxe esquerda do río.

Ademais, sempre atraídos pola forte personalidade do seu propietario, acudían en numerosas ocasións destacados membros da política provincial e nacional, os cales converteron a cidade nun dos centros máis atractivos da política española. Gobernantes coma o marqués de Riestra, Augusto Gónzalez Besada, Cobián Roffignac ou Montero Ríos tomaron, ademais das augas, importantes e cruciais decisións para o país entre os muros do balneario do Lérez.

En 1911 inaugurou unha nova vía que une a cidade con Monte Porreiro co nome de avenida Buenos Aires, que facilitaba o acceso ao balneario.
Coa chegada da Primeira Guerra Mundial en 1914,  o señor Gómez decidiu regresar a Bos Aires para prover as potencias que participaban na confrontación. Cando en 1919 regresou a Pontevedra a situación na que se atopaba o balneario era ben distinta, polo que decidiu transformalo nunha granxa experimental, apoiado polo crecente progreso da agricultura e gandería que trouxo consigo a chegada de Daniel de la Sota á Deputación de Pontevedra.

A información reflectida nos periódicos de 1925 presentou totalmente reconvertida a actividade en Villa Buenos Aires. Casimiro Gómez abandonou a súa aventura termal para centrar agora as súas inquietudes na gandería e na agricultura, polo que cambiou o nome do predio a Granxa Monte Porreiro. Maila que derivou en actividades diferentes da termo-balnearia, continuou sendo un agradable lugar para gozar dos seus salóns e paseos.

En 1925 faleceu o seu cuñado e home de confianza, que se encargaba, xunto con Francisco Hermida, da administración dos seus terreos na Arxentina. Neste tempo Monte Porreiro xa era apreciado como granxa avícola.

A chegada da Guerra Civil e da posguerra supuxeron unha paralización da modernización. Tras a morte de Casimiro Gómez Cobas en 1940, a Granxa de Monte Porreiro continuou en funcionamento algúns anos máis.

Após a fin da granxa avícola, a historia de Monte Porreiro enmarcouse indirectamente dentro das condicións da posguerra española, de gran necesidade de vivenda e con importantes movementos migratorios do campo á cidade. Na actualidade pouco queda da obra comezada polo señor Gómez, agás unha notable colección de elementos arbóreos de distintos lugares arredor do mundo. Villa Buenos Aires está ocupada na actualidade polo barrio de Monte Porreiro, onde viven algo máis de 4.000 persoas, e nel aínda se atopan as árbores máis destacadas, recordo de tempos pretéritos, que rodean o edificio da UNED ou situadas no parque do miradoiro.

O xardín foi creado despois de que Casimiro adquirise este lugar na primeira década do século  XX. Na actualidade pouco queda do orixinal, deseñado polo horticultor e paisaxista portugués Jacintho de Mattos a comezos do citado século.

Nas fotografías históricas pódense observar elegantes xardíns xeométricos, labirintos, invernadoiros e gaiolas con animais exóticos nas proximidades da vivenda. O conxunto completouse cun espléndido miradoiro de ferro forxado rodeado de enormes estatuas de porte clásico ao que se chegaba por unha grande avenida de eucaliptos de distintas especies, dos que aínda se conserva unha boa representación na actualidade. Desde o miradoiro podíanse contemplar unhas espléndidas vistas da cidade de Pontevedra.

  UN PASEO POLO XARDÍN

Na actualidade o xardín divídese en dous espazos perfectamente diferenciados e separados fisicamente pola rúa Dinamarca. Se se accede ao xardín da UNED, aberto ao público no horario da universidade, pola porta principal, neste primeiro espazo atópase unha pequena aliñación de palmeiras canarias (Phoenix canariensis) de grandes dimensións, acompañadas de pequenos arbustos ornamentais na entrada do edificio principal. O máis vistoso deste espazo é a copa dunha grande araucaria do Brasil (Araucaria angustifolia), que sobresae por riba do edificio; para observar a súa base é necesario acceder ao interior das instalacións, xa que na transformación do espazo respectouse esta fermosa árbore, situada no interior dun pequeno patio de luces.

Rodeando o edificio pola esquerda áchanse algúns exemplares coma un inmenso ciprés de Monterrei ou da California (Cupressus macrocarpa), unha faia vermella (Fagus sylvatica ´Atropurpurea´), sequoias vermellas (Sequoia sempervirens), falso lodoeiro (Brachychiton populneus), criptomerias (Cryptomeria japonica), melaleucas (Melaleuca linariifolia) e un exemplar de palmeira butiá (Butia odorata), ademais dunha zona de carballeira na que hai unha nutrida representación de acacias negras (Acacia melanoxylon).

Ás árbores herdadas do pasado uníronselles outras de máis recente plantación coma cedros (C. deodara e C. atlantica), casuarinas (Casuarina cunninghamiana) ou castiñeiros de Indias (Aesculus hippocastanum), acompañados no dosel arbustivo por especies ornamentais coma aucubas (Aucuba japonica ´Crotonifolia'), azaleas (varios cultivares) ou bérberis purpúreos (Berberis thunbergii 'Atropurpurea').

Desde a fachada posterior comeza unha estrada que conduce ata a saída do recinto e que se une coa avenida que leva ao miradoiro. No proxecto orixinal de Jacintho de Mattos tratábase dunha única traza que unía a residencia co miradoiro; na actualidade é atravesada pola rúa Dinamarca, que rompe a continuidade da avenida.

A dobre aliñación de eucaliptos, que conserva a traza orixinal do proxecto xardinístico, transcorre baixo as copas de enormes eucaliptos, pertencentes a especies escasamente representadas en Galicia con exemplares de grandes dimensións, coma a caoba do sur (Eucalyptus botryoides), eucalipto rosado (Eucalyptus grandis) ou o eucalipto do maná (Eucalyptus viminalis).

Ao final da avenida atópase o miradoiro, unha pequena estrutura de pedra e formigón cunha escaleira exterior para acceder á planta superior. O antigo invernadoiro de estilo vitoriano que ocupaba este espazo foi substituído por esta estrutura moderna, que, a pesar de ser funcional, dista moito de posuír o gran valor estético e clásico que a anterior peza lle outorgaba ao espazo.

O parque do miradoiro complétase cunha fermosa pérgola de madeira, pola que sobe unha  glicinia (Wisteria sinensis), e numeroso equipamento deportivo. O patrimonio botánico incrementouse ao incorporar numerosas árbores e arbustos de flor coma corneira florida (Cornus florida), ciclamor do Canadá (Cercis canadensis), carballos australianos (Grevillea  robusta), cerdeiras de flor (Prunus serrulata ´Kanzan´) e rododendros (Rhododendron  ponticum).

  PUNTOS DE INTERESE

*Especies exóticas 

Na parcela da UNED atopamos unha fermosa colección de árbores, entre as que destacan un ciprés da California (Cupressus macrocarpa), ou unha faia vermella (Fagus sylvatica ´Atropurpurea´) dos bosques do norte de Europa. Pero se hai un grupo realmente destacado é o das plantas da rexión suramericana, coma as do Brasil e, sobre todo, da Arxentina, lugares onde Casimiro Gómez pasou gran parte dos seus anos na emigración. Entre este grupo de árbores están unha araucaria do Brasil (Araucaria angustifolia), o pitanga (Syzygium australe) e o aguaribai (Schinus areira), ambas as dúas do sur da Arxentina. No recinto hai tamén algunhas árbores de orixe australiana, coma as acacias negras (Acacia melanoxylon) ou o falso lodoeiro de Australia (Brachychiton populneus). Cómpre mencionar as raramente cultivadas melaleucas (Melaleuca linariifolia) e a presenza de exemplares de sequoia vermella (Sequoia sempervirens), abeto de Douglas (Pseudotsuga meiziesii) e tuia xigante (Thuja plicata) de gran tamaño

O parque do miradoiro estivo dedicado exclusivamente a especies do xénero Eucalyptus (procedentes de Oceanía), entre as que sobresaen a caoba do sur (Eucalyptus botryoides), o eucalipto rosado (E. grandis), a árbore do maná (E. viminalis) ou o eucalipto branco (E. globulus). Neste conxunto hai que destacar a presenza dun exemplar de caoba do sur de máis de 40 m de altura, considerado o máis alto de España na súa especie. Todas estas árbores proceden do viveiro central de Areas (Tui) e forman parte dos cultivos levados a cabo polo enxeñeiro de montes Rafael Areses.

A presenza destas especies no predio de Monte Porreiro queda, en parte, explicada no libro de López e Sánchez (2006), no que afirman: "se puede comprobar que la mayor presencia de especies vegetales exóticas en colecciones privadas se encuentra en aquellos lugares donde sus habitantes han sentido profundamente la emigración".

  CATÁLOGO BOTÁNICO
  • Acacia dealbata Link.
  • Acacia melanoxylon R.Br.
  • Acer negundo L.
  • Aesculus hippocastanum L.
  • Araucaria angustifolia (Bertol.) Kuntze.
  • Aucuba japonica Thunb. ´Crotonifolia´
  • Berberis thunbergii DC ´Atropurpurea'
  • Betula pendula Roth.
  • Brachychiton populneus (Schott & Endl.) R.Br.
  • Butia odorata (Barb. Rodr.) Noblick
  • Camellia japonica L.
  • Casuarina cunninghamiana Miq.
  • Catalpa bignonioides Walter
  • Cedrus atlantica (Endl.) Carrière
  • Cedrus deodara (D. Don) G. Don
  • Chamaecyparis lawsoniana (A. Murray) Parl.
  • Chamaecyparis pisifera (Siebold & Zucc.) Endl. ´Squarrosa´
  • Cordyline australis (G. Forst.) Endl.
  • Cornus florida L.
  • Cryptomeria japonica (L.f.) D. Don
  • Cryptomeria japonica (L.f.) D. Don ´Elegans´
  • Cupressus lusitanica Mill.
  • Cupressus macrocarpa Hartw.
  • Eucalyptus botryoides Sm.
  • Eucalyptus globulus Labill.
  • Eucalyptus grandis W.Hill
  • Eucalyptus botryoides Sm × Eucalyptus grandis W.Hill
  • Eucalyptus viminalis Labill.
  • Euonymus japonicus Thunb.
  • Fagus sylvatica L. Grupo Atropurpurea
  • Grevillea robusta A.Cunn. ex R. Br.
  • Juniperus x pfitzeriana (Späth) P.A.Schmidt
  • Liquidambar formosana Hance
  • Liquidambar styraciflua L.
  • Liriodendron tulipifera L.
  • Magnolia grandiflora L.
  • Melaleuca linariifolia Sm.
  • Melia azedarach L.
  • Phoenix canariensis Chabaud.
  • Photinia serratifolia (Desf.) Kalkman
  • Picea abies (L.) H.Karst
  • Pinus pinea L.
  • Pittosporum tobira (Thunb.)
  • Platanus x hispanica Mill. ex Münchh.
  • Prunus avium L.
  • Prunus cerasifera Ehrh ’Pissardii’ Carr.
  • Prunus laurocerasus L.
  • Prunus serrulata Lindl. ´Kwanzan’
  • Pseudotsuga menziesii (Mirb.) Franco.
  • Quercus robur L.
  • Quercus robur L. ´Fastigiata´
  • Rhododendron ponticum L.
  • Robinia pseudoacacia L.
  • Salix atrocinerea Brot.
  • Schinus areira L.
  • Sequoia sempervirens (D. Don) Endl.
  • Strelitzia reginae Aiton
  • Syzygium australe (J.C.Wendl. ex Link) B.Hyland
  • Viburnum odoratissimum Ker Gawl.
  • Wisteria sinensis  (Sims) Sweet

Fotos