Parque botánico do castelo de Soutomaior

En Soutomaior (Pontevedra), no val do río Verdugo, orixe da ría de Vigo, atópase este castelo medieval en perfecto estado de conservación. Aínda que se descoñece a data exacta da primitiva construción, a hipótese máis probable é que data do século xii, vinculada a Payo Méndez Sorrende. A finais do último terzo do século xv o castelo alcanza o seu máximo esplendor, coa figura de Pedro Álvarez de Soutomaior, máis coñecido como Pedro Madruga, quen participou en numerosos episodios da historia de Galicia, coma as guerras Irmandiñas, e nos enfrontamentos entre a nobreza e o clero.

Tras un período de deterioración, en 1870 os marqueses de la Vega de Armijo transfórmano nun palacio neogótico ao construír a galería de Damas e a capela e crear os xardíns e o parque botánico que rodean o castelo. Posteriormente, coa marquesa de Ayerbe constrúese un sanatorio e outras dependencias.

En 1982 pasa a ser propiedade da Deputación Provincial de Pontevedra e é rehabilitado para dedicalo a fins culturais.

O seu xardín botánico, que ten unha extensión de treintaicinco hectáreas, é considerado o máis importante de Galicia, xa que reúne máis de cen variedades de camelias, castiñeiros milenarios e árbores dos cinco continentes. O clima deste outeiro é adecuado para que palmeiras e laranxeiras convivan en harmonía entre eucaliptos e magnolios xigantes.

O castelo é unha mole desafiante á que se chega a través dunha ponte levadiza que dá acceso a unha praza de armas, cunha segunda muralla apoiada na grosa torre da homenaxe. Tras o patio dános a benvida a porta en arco apuntado co seu escudo, tantas veces reposto por mor dos sucesivos cambios de propiedade.

Os marqueses de la Vega de Armijo foron os que, desde 1870, puxeron empeño en embelecer os arredores do castelo abrindo camiños, limpando bosques e trazando os xardíns, todo iso con gran respecto e acerto.

Entre o parque botánico e as parcelas lindeiras existen 442 plantas de camelia de vinte e cinco especies distintas e moitos híbridos. No conxunto destacan os dezanove exemplares de Camellia japonica que xa existían cando este foi adquirido pola Deputación, algúns dos cales datan do século xix. Un destes exemplares, formado por dezaoito troncos que crecen desde a base da árbore, ten a circunferencia do tronco máis grande de Galicia e un diámetro de copa de dezasete metros.

Durante o Congreso Internacional da Camelia, celebrado na China en febreiro de 2012, o castelo de Soutomaior foi designado Xardín de Excelencia Internacional de Camelias pola Sociedade Internacional da Camelia.

  CATÁLOGO BOTÁNICO
  • Abies × masjoanis D. Soto, et al.          
  • Abies nordmanniana (Steven) Spach      
  • Abies pinsapo Boiss.
  • Acacia melanoxylon R. Br.                    
  • Acer platanoides L. 'Crimson King'
  • Acer pseudoplatanus L. 
  • Araucaria araucana (Molina) Koch          
  • Araucaria heterophylla (Salisb.) Franco  
  • Betula pendula Roth      
  • Betula pubescens Ehrh.
  • Buxus sempervirens L.  
  • Calocedrus decurrens (Torr.) Florin         
  • Camellia japonica L.
  • Camellia reticulata Lindl.
  • Camellia rosiflora Hook.
  • Camellia saluenensis Stapf ex Bean      
  • Camellia sasanqua Thunb.
  • Camellia sinensis (L.) Kuntze var. assamica       
  • Castanea × coudercii A. Camus 
  • Castanea sativa Mill.     
  • Casuarina cunninghamiana Miq. 
  • Cedrus atlantica (Endl.) Manetti ex Carrière Grupo Glauca
  • Cedrus deodara (Roxb. ex D. Don) G. Don        
  • Cedrus  libani A. Rich.   
  • Chamaecyparis  lawsoniana (A. Murray bis) Parl. 
  • Cryptomeria japonica (Thunb. ex L. f.) D. Don.   
  • Cupressus lusitanica Mill.          
  • Cupressus macrocarpa Hartw.   
  • Eucalyptus cinerea F. Muell. ex Benth.   
  • Ginkgo biloba L.
  • Ilex aquifolium L. 'Ferox'
  • Kalmia latifolia L.          
  • Magnolia grandiflora L.  
  • Nothofagus menziesii Hook. f.
  • Picea abies (L.) H. Karst.          
  • Picea sitchensis (Bong.) Carrière           
  • Pinus patula Schiede ex Schltdl. & Cham           
  • Pittosporum undulatum Vent.     
  • Platanus × acerifolia (Aiton) Willd.
  • Prunus avium (L.) L.      
  • Pseudotsuga menziesii  (Mirb.) Franco   
  • Quercus robur L.           
  • Quercus rubra L.           
  • Robinia pseudoacacia L.
  • Sequoia sempervirens (D. Don) Endl.    
  • Sphaeropteris cooperi (F. Muell.) R.M. Tryon
  • Taxodium distichum (L.) A. Rich.
  • Thuja plicata Donn ex D. Don
  • Tilia platyphyllos Scop. 
  • Tilia tomentosa  Moench          
  • Tsuga canadensis (L.) Carrière                                       
  • Wisteria sinensis (Sims) Sweet  
  • Yucca gloriosa L.          

Fotos