Palacete das Mendoza
Localización:atópase no límite oeste da zona vella da cidade de Pontevedra, situado entre a avenida de Santa María e a rúa Arcebispo Malvar./p>
Coordenadas: 42.432891, -8.647644
Propietario: Deputación de Pontevedra. Sede de Turismo Rías Baixas.
Acceso libre | Plano (pdf)
E-mail: info.riasbaixas@depo.gal
Web: https://turismoriasbaixas.com/gl/inicio
HISTORIA
O palacete das Mendoza, emblemático edificio construído no século xix, inspirado na arquitectura francesa, sitúase na praza de Santa María, na zona vella da cidade de Pontevedra. O autor do proxecto e director de obra foi Alejandro Rodríguez Sesmeros, arquitecto de gran renome na súa época en Pontevedra, artífice, entre outros, de edificios tan relevantes coma a casa do concello (1877) ou o Pazo provincial (1883).
Na actualidade, esta construción pertence á Deputación Provincial de Pontevedra, que a adquiriu en 2004, e nela fundou a sede de Turismo Rías Baixas.
Antes de construír o palacete, no lugar erixíase o castelo medieval do Arcebispado de Santiago (tamén chamado dos Churruchaos). Logo do asalto inglés (1719), este conservou unicamente dúas torres, que destacaban por riba da deteriorada muralla da cidade, a cal mandou derribar o Concello a mediados do século XIX.
Este terreo, daquela coñecido como torres de Santa María e sitio dos Churruchaos, comprouno, en 1877, Soledad Méndez Núñez, irmá do famoso mariño Casto Méndez Núñez, quen estivo á fronte das Forzas Navais do Pacífico durante o reinado de Isabel II.
O palacete, mandado construír por Soledad, sempre estivo vinculado á familia de Méndez Núñez. Soledad Méndez Núñez cedeullo á súa sobriña, Carmen Babiano, quen o converteu nun centro de reunión de importantes celebridades da época relacionadas coa cultura.
As súas fillas, Concha e María Mendoza, déronlle o nome co que se coñece a edificación na actualidade: palacete das Mendoza. As irmás continuaron realizando concertos, conferencias e faladoiros, e tiveron unha grande influencia na sociedade e na cultura da cidade de Pontevedra.
Debido a problemas económicos, víronse obrigadas a realizar un contrato cunha compañía de seguros, pero, aínda que perderon a propiedade, continuaron vivindo nel ata a súa morte en 1971.
Posteriormente, pasou a ser propiedade de Alimentos de Arousa S. A., ata que en 1989 adquiriuno Caja Madrid, que levou a cabo o proxecto de remodelación do edificio, a través da empresa Construcciones Malvar, e dos seus xardíns, pola empresa Panasco.
A restauración dos xardíns supuxo un grande esforzo, xa que durante os anos de abandono sufrira unha importante deterioración. A prioridade foron os traballos de limpeza, poda e saneamento, e a recuperación das especies botánicas máis relevantes do xardín.
Realizouse o traslado de dúas camelias (Camellia japonica) de gran porte, que se situaron a ambos os dous lados das palmeiras; retiráronse numerosos pés de ailanto (Ailanthus altissima), que nos anos de abandono naceran de forma espontánea na parte traseira do edificio e facían perigar a estabilidade do muro perimetral; e mantívose o exemplar maior, que destaca polas súas dimensións e que pode observarse na actualidade, xunto a un pitósporo (Pittosporum undulatum), tamén recuperado.
Na rehabilitación do xardín incluíronse outras especies, coma rododendros e azaleas (Rhododendron sp.)no lateral frontal dereito; cerdeiras de flor (Prunus serrulata ‘Kanzan') bordeando o xardín da parte esquerda da edificación; dúas plantas de evónimo (Euonymus japonicus) na parte traseira; así como céspede, flores de tempada e exemplares de Ophiopogon japonicus en todos os espazos axardinados da propiedade.
A adquisición do palacete pola Deputación supuxo a súa apertura como sede de Turismo Rías Baixas o 28 de xullo de 2004, "co ambicioso obxectivo de promover a chegada de visitantes a esta provincia e ser punto de encontro de todas aquelas persoas que traballan por este esforzo", continuando así o labor cultural realizado na provincia desde a súa orixe.
Desde o momento da compra, os labores de mantemento do xardín que rodea o palacete corren a cargo do persoal da Deputación de Pontevedra, que inicialmente acondicionou o espazo realizando as tarefas de limpeza e as podas necesarias, e instalou o céspede con terróns e un sistema de rega automatizada. Ademais, o persoal técnico da Estación Fitopatológica Areeiro (EFA) visitou os xardíns en varias ocasións durante o verán de 2004 co obxecto de estudar e clasificar as especies botánicas que se atopaban nel. Para levar a cabo este estudo numeráronse todas as especies; posteriormente, identificáronse e situáronse sobre un bosquexo dos xardíns e efectuáronse as correspondentes medicións.
De cada un dos exemplares realizouse unha ficha de identificación, na que constaban a altura total da árbore, os diámetros da proxección da copa no chan, a altura e o perímetro do tronco, e os diámetros maior e menor a 1,3 m do chan (cando na planta se separan varios troncos próximos ao chan mediuse o perímetro total a nivel do colo da planta antes da separación dos troncos principais, e os diámetros de cada tronco a 1,3 m do chan). Nas especies que presentaban síntomas de problemas sanitarios tomáronse mostras e leváronse ao laboratorio da EFA para identificar as pragas e as enfermidades que lles afectaban.
Ao longo destes anos o xardín sufriu varias baixas; primeiro, en 2009 rompeu a preciosa moreira que crecía ao bordo dun pequeno estanque central; en 2015 secou totalmente o magnífico exemplar de Taxus baccata, que foi obxecto dunha intervención artística para manter o tronco e as ramas principais; e tamén secaron os exemplares de Prunus serratula. Desde que en 2009 se eliminou o estanque central, o xardín se mantén con céspede a modo de anfiteatro para realizar actos públicos, e creouse unha sebe con diferentes cultivares de camelia para ter certa privacidade.
UN PASEO POLO XARDÍN
O xardín que rodea o palacete non é moi extenso, pero ten gran relevancia pola historia do edificio ao que acompaña e pola súa situación na zona vella de Pontevedra.
Desde a entrada do inmoble pode xa apreciarse a inquedanza polo mantemento das especies que forman parte deste espazo desde hai tempo. Nos xardíns dispostos na entrada do edificio, á man esquerda, atopamos unha camelia de tronco groso, arroupada na súa base con convalaria, e na marxe dereita érguese a escultura creada polo artista Paco Pestana, que empregou como elemento principal o esqueleto do gran teixo que formaba parte do arboredo orixinal, que comparte espazo cun conxunto de rododendros e cunha árbore de Xúpiter, que ocupa o xardín disposto no lateral dereito da edificación. Na parte traseira cohabitan un ailanto de grandes dimensións, un pitósporo e dous evónimos de porte redondeado.
Na zona esquerda, que coincide coa parte máis extensa do xardín da propiedade, atopamos dúas altas palmeiras que presiden a entrada ao espazo, con dúas camelias de bo porte a carón de cada unha. O resto do xardín está conformado por céspede enmarcado por unha sebe de camelias de distintas especies, plantada na última reforma do xardín e que lle dan cor desde o outono ata finais da primavera.
PUNTOS DE INTERESE
DESCRICIÓN DAS ESPECIES BOTÁNICAS DO XARDÍN
*AILANTO (Ailanthus altissima)
O ailanto forma parte da estrutura orixinal do xardín, recuperado despois da compra por Caja Madrid. O exemplar supera os 22 m de altura e posúe un importante perímetro de tronco de arredor de 3 m.
*CAMELIA XAPÓNICA (Camellia japonica)
Os tres exemplares de camelia máis antigos que crecen neste espazo consérvanse da época de restauración do xardín. Un deles (frontal esquerdo) supera os 5 m de altura, ten tres grosos troncos desde a súa base; os situados a carón das palmeiras miden 3 m de altura aproximadamente, un deles parte dun só tronco desde a base e o outro ramifícase a partir de catro troncos basais, que lle confiren unha fermosa estrutura á planta. A sebe de camelias que bordea a parte más ampla do xardín comezouse a plantar partir de 2014.
*ÁRBORE DE XÚPITER (Lagerstroemia indica)
É un exemplar de grande envergadura que destaca pola beleza do seu tronco envellecido e pola súa espectacular floración a finais do verán. Ten unha altura aproximada de 10 m.
* ESCULTURA DETEIXO (Taxus baccata)
É unha obra realizada en 2005 polo artista multidisciplinar lucense Paco Pestana (escultor, poeta e icona do surrealismo falecido en 2021).
A árbore morreu, pero o seu tronco e as súas ramas principais serviron de base para crear unha escultura que hoxe en día preside o lateral dereito dos xardíns da entrada principal ao pazo.
A retirada da súa cortiza, a poda selectiva das ramas principais e a colocación de elementos artísticos (bagas de 40 kg e 1,10 m) levounas a cabo persoal da EFA.
CATÁLOGO BOTÁNICO
- Ailanthus altisima (nº 23)
- Buxus sempervirens (nos 21 y 22)
- Camellia japonica (nos.2, 14, 15)
- Camellia japonica ‘Mercury'
- Camellia japonica ‘Dr. Tinsley'
- Camellia japonica 'Sangre de Toro'
- Camelia hibrida
- Camelia sasanqua
- Trachycarpus fortunei (nº 18)
- Evonimus japonicum (nos 19 y 20)
- Lagerstroemia indica (nº 26)
- Ophiopogon japonicus (nº 29)
- Prunus serrulata ‘kwanzan'
- Phoenix datilifera (nos 16 y 17)
- Pittosporum undulatum (nº 24)
- Rododendron sp (nº 25, 27 y 30)
