Xardíns de Vincenti e Colón

Localización: situados no centro da cidade de Pontevedra, entre o Instituto Valle-Inclán, os dous edificios da Deputación Provincial e o Goberno Militar.

Coordenadas: 42º 25' 47.31'' N, 8º 38' 54.66'' O (42.429810, -8.648518)

Propietario: Concello de Pontevedra 

Acceso libre (986 804 300)

E-mail: contacto@pontevedra.gal

Webwww.visit-pontevedra.com/esp/28/64/xardins+de+vicenti.html

  HISTORIA

As primeiras referencias históricas deste lugar falan do traslado do convento de San Domingos desde As Corvaceiras ata a actual alameda, no século XIII. Entón era coñecido como Campo da Verdade, xa que neste lugar se executaban os reos en virtude de sentenzas xudiciais. Máis tarde tamén se coñeceu como Campo das Rodas, xa que aquí se asentaban os cordeeiros coas súas grandes rodas. Pero quizais o nome máis difundido foi o de Campo de San Domingos, por pertencer ao convento e albergar a porta de entrada ao recinto amurallado, xa que naquela altura Pontevedra era unha vila fortificada.

Chegando ao século XVII, o Campo de San Domingos foi perdendo espazo e protagonismo, xa que, por mor da guerra de Independencia de Portugal, se edificou nel o cuartel da Mestranza (actual Facultade de Belas Artes) e se abriron novas rúas.

Seguramente, a etapa de maior relevancia para a cidade e para o Campo de San Domingos comezou no século XIX, debido ás reformas formuladas pola burguesía liberal, que fomentaban desamortizacións, exclaustracións de ordes relixiosas e reformas fiscais, entre outras medidas que aceleraron a transformación das antigas cidades, amuralladas e con forte carácter señorial, para convertelas en cidades abertas. A nova idea de cidade baseábase en tres piares fundamentais: dotar a urbe de infraestruturas—traída de auga, pavimentación, saneamento—, embelecer o centro urbano e incrementar as redes viarias e comunicacións, o que carrexou a apertura de máis rúas e a creación de novas estradas. Estas actuacións de mellora viaria e estacional conseguiron crear espazos abertos nos que a burguesía podía pasear e gozar do tempo libre, para o cal se ampliou a alameda existente.

En 1852 comezaron as obras para celebrar neste enclave unha feira, autorizada por concesión real e de tres días de duración, que propiciou a fin da muralla e favoreceu a comunicación coas zonas extramuros. En 1854 comezaron as obras de remodelación no Campo de San Domingos e urbanizáronse varias rúas, ademais de cedérense terreos a particulares para facer vivendas. As obras incluíron o arranxo do camiño de Marín (actual rúa Marqués de Riestra) e a construción da estación do tranvía. Desta época tamén son a Escola Normal de Artes, o edificio de Correos e Telégrafos, a Audiencia e o actual Instituto Valle-Inclán.

En 1876 chegou a Pontevedra, en calidade de arquitecto interino, Alejandro Rodríguez Sesmero, que será considerado por moitas persoas o verdadeiro renovador da cidade. Durante os seus anos no Concello abordáronse proxectos de moito interese, coma a mellora dos eixes viarios, as dotacións sanitarias e educativas ou as distintas actuacións de ornato público, e nesta época tamén se derrubaron as torres arcebispais e a igrexa e exconvento de San Domingos, dos que só se conservou a cabeceira. E así, pouco a pouco, o espazo que noutrora pertencera ao convento vaise transformando na alameda, nos xardíns de Colón e nos xardíns de Vincenti.

En 1899 a feira trasladouse á praza de Barcelos e comezou o proxecto de axardinamento do espazo. Os xardíns de Vincenti naceron como unha gran praza que nunca chegou a articularse, que derivou no parque das palmeiras, a especie máis representativa de cantas alí crecían.

A idea de homenaxear a Eduardo Vincenti Reguera polos seus incontables servizos á cidade xurdiu da última proposta realizada polo alcalde Isidro Martínez Casal, en 1889, aínda que houbo que agardar case unha década para que o proxecto comezase.

En 1901 Francisco Posada Fernández ofreceulle ao Concello traballar de xardineiro de forma gratuíta no espazo e foi contratado o ano seguinte polo seu bo labor. En xaneiro de 1902 presentou un proxecto para o axardinamento da praza de Vincenti, aprobado dous meses máis tarde. A finais do mesmo ano mercáronse as plantas para o xardín proxectado por Posada Fernández. Nesta época instalouse, asemade, o edificio do Teatro Circo, grande expoñente cultural da cidade grazas ás proxeccións de cine e espectáculos realizados entre os anos 1900 e 1924, cando rematou a controvertida concesión pola que o propietario tiña que lle pagar 25 pesetas (0,15 euros) anuais ao Concello.

En 1949 ampliáronse os xardíns, que se dotaron dun parque infantil, dun estanque, pombais, bancos de madeira, dunha caseta de ladrillo para que os patos tivesen acubillo e dun valado que delimita o espazo. Nese ano a Deputación de Pontevedra arranxou os xardíns de Colón para instalar a estatua do almirante que ata aquel entón se atopaba no pazo de Lourizán.

Con posterioridade realizáronse varias obras de restauración dos xardíns, entre as que destacan a realizada na década dos anos oitenta do século xx e que segue o proxecto do arquitecto municipal J. M. Padín. A última gran remodelación levouna a cabo o Concello de Pontevedra no 2000.

  UN PASEO POLO XARDÍN

Comezamos o noso percorrido na fachada da casa consistorial, un dos accesos á alameda e desde onde podemos observar o monumento dedicado aos heroes de Ponte Sampaio pola súa intervención na guerra de Independencia os días 7 e 8 de 1809 e algunhas das ruínas do antigo convento de San Domingos.

A Alameda está formada por catro ringleiras de árbores, cuxas especies máis numerosas son o carballo (Quercus robur), o chopo prateado (Populus alba ‘Pyramidalis'), tileiras (Tilia platyphyllos e T. tomentosa) e os plátanos de sombra (Platanus x hybrida), con algúns exemplares de plátano occidental (Platanus occidentalis). Remata a alameda con dúas escaleiras de pedra que baixan á avenida Raíña Vitoria Uxía, presididas a ambos os lados por cadansúa columna pétrea coroada por leóns que sosteñen o escudo da cidade.

No límite entre a alameda e a gran vía de Montero Ríos atopamos distintas xardineiras ornamentadas con buxos (Buxus sempervirens), orgullos da Madeira (Echium candicans), diferentes cultivares de azalea (Rhododendron sp.) e margaridas africanas (Euryops chrysanthemoides).

Nos xardíns de Colón, presididos por unha estatua do ilustre navegante e ornamentados por unha notable colección de camelias, entra as que destacan os cultivares ´Francesco Ferruccio´, ´Alba Plena´ ou ´Madame Henri Cormerais´, entre outras, están acompañadas de pradairos xaponeses (Acer palmatum), dun magnolio (Magnolia grandiflora) e dunha cordilina (Cordyline australis) de grandes dimensións.

Nos xardíns de Vincenti, dedicados a este notable político —o cal está representado por unha estatua na entrada—, destacan os cedros do Himalaia (Cedrus deodara), incluídos no Catálogo galego de árbores senlleiras, os cefalotaxos (Cephalotaxus harringtonii) e a gran diversidade de magnolias (Magnolia × loebneri 'Merrill'; M. × soulangeana; M. grandiflora; M. liliiflora e M. stellata), que enchen de flor esta zona do xardín.

Entre o paseo de Rosalía de Castro e a rúa Marqués de Riestra esténdese o xardín das palmeiras. Aquí crecen gran variedade e cantidade destas árbores, distribuídas nunha dobre aliñación ou avenida, entre as que destacan algunhas centenarias, coma as dúas ducias de palmeiras canarias (Phoenix canariensis) e cinco palmeiras de abano mexicanas (Washingtonia robusta), acompañadas doutras de máis recente introdución, coma palmeiras muíño de vento (Trachycarpus fortunei) e palmeiras butiá (Butia odorata). Na zona máis próxima ao paseo de Rosalía de Castro atopamos o estanque, coas súas características casetas para os patos e cunha araucaria da illa de Norfolk (Araucaria heterophylla) situada no centro, a modo de illa, ben acompañada por dous pequenos pés de palmeira anana (Chamaerops humilis). Ao seu carón está o pombal, que tanta importancia tivera noutrora e que na actualidade carece de inquilinas aladas.

  PUNTOS DE INTERESE

*Cedros do Himalaia (Cedrus deodara)

Nos xardíns de Vincenti encóntranse un grupo de cedros do Himalaia incluídos no Catálogo galego de árbores senlleiras. Son individuos con gran diversidade morfolóxica debido ás actuacións de poda, á competencia coas demais árbores da contorna e aos fortes ventos que moldearon a súa fisionomía. De grandes fustes, grosos e robustos, forman estruturas en forma de candeeiros ou ben con ramificacións máis desordenadas e copas irregulares. Mágoa que episodios de ventos ciclónicos coma o temporal Klaus, en xaneiro de 2009, desfigurasen a copa dalgún exemplar, actualmente suxeito con cables para evitar que caian pólas.

*As palmeiras

A colección de palmeiras centenarias é quizais un dos elementos de maior relevancia, entre as que destacan as palmeiras canarias (Phoenix canariensis) e as palmeiras butiá (Butia odorata), orixinarias das primeiras plantacións do conxunto.

*OUTRAS ESPECIES DE INTERESE

Nos xardíns de Vincenti as araucarias están ben representadas, con exemplares de araucaria do Brasil (Araucaria angustifolia) e araucaria da illa de Norfolk (A. heterophylla), plantadas na primeira década do século XX.

No conxunto consérvanse moitos exemplares plantados nas primeiras actuacións de axardinamento deste espazo e que, posiblemente, merecerían algunha catalogación como arborado singular. Trátase de varias camelias (Camellia japonica), cuningamias (Cunninghamia lanceolata), unha pícea vermella (Picea abies), carballos (Quercus robur) e tileiras (Tilia platyphyllos), plantados a finais do século xix e a comezos do XX.

Nos xardíns de Colón destacan unha magnolia (Magnolia grandiflora) e unha cordilina (Cordyline australis), ambas as dúas plantadas cara a 1910.
Na alameda sobresae unha centenaria palmeira de abano mexicana (Washingtonia robusta), que se atopa entre as de maiores dimensións de Galicia, e unha araucaria da illa de Norfolk (Araucaria heterophylla), plantada no último cuarto do século xix e que xa ten cerca de 29 m de altura.

Hai que lamentar a perda de dúas grandes falsas acacias (Robinia pseudoacacia), plantadas cara a 1873, recollidas no Inventario de árbores sobresaíntes de Galicia, realizado pola Xunta de Galicia en 1985.

  CATÁLOGO BOTÁNICO
  • Aesculus × carnea Zeyh.
  • Aesculus hippocastanum L.
  • Araucaria angustifolia (Bertol.) Kuntze
  • Araucaria heterophylla (Salisb.) Franco
  • Aucuba japonica Thunb.'Crotonifolia'
  • Brachychiton acerifolius (A. Cunn. ex G.Don) F. Muell.
  • Butia odorata (Barb. Rodr.) Noblick
  • Calliandra tweedii Benth.
  • Calocedrus decurrens (Torr.) Florin 'Aureovariegata'
  • Camellia japonica L.
  • Casuarina cunninghamiana Miq.
  • Cedrus atlantica (Endl.) Manetti ex Carrière Grupo Glauca
  • Cedrus deodara (Roxb. ex D. Don) G. Don
  • Ceiba speciosa (A. St.-Hil.) Ravenna
  • Cephalotaxus harringtonii (Knight ex J. Forbes) K. Koch
  • Chamaecyparis pisifera (Siebold & Zucc.) Endl. 'Plumosa'
  • Choisya ternata Kunth
  • Cinnamomum camphora (L.) J.Presl
  • Citrus × aurantium L. Grupo Laranxa Amarga
  • Cleyera japonica Thunb.'Tricolor'
  • Coprosma 'Golden Gleam'
  • Cordyline australis (G. Forst.) Endl.
  • Cornus florida L.
  • Cunninghamia lanceolata (Lamb.) Hook.
  • Erythrina caffra Thunb.
  • Hibiscus syriacus L.
  • Hypericum 'Hidcote'
  • Ilex aquifolium L. 'Aureomarginata'
  • Jacaranda mimosifolia D. Don
  • Magnolia × loebneri Kache 'Merrill'
  • Magnolia × soulangeana Soul.-Bod.
  • Magnolia grandiflora L.
  • Magnolia liliiflora Desr.
  • Magnolia stellata (Siebold & Zucc.) Maxim.
  • Nandina domestica Thunb.
  • Nerium oleander L. 'Variegata'
  • Osmanthus heterophyllus (G. Don) P.S. Green
  • Phoenix canariensis Chabaud
  • Picea abies (L.) H. Karst.
  • Platanus × acerifolia (Aiton) Willd.
  • Platanus occidentalis L.
  • Populus alba L. 'Pyramidalis'
  • Prunus cerasifera Ehrh. 'Nigra'
  • Quercus pubescens Willd.
  • Quercus robur L.
  • Quercus rubra L.
  • Robinia pseudoacacia L.
  • Tilia platyphyllos Scop.
  • Tilia tomentosa Moench

Fotos