Xardín do Balneario de Mondariz

Localización: no centro urbano do concello de Mondariz-Balneario, a carón da estrada PO-254 ou estrada de Mondariz

Coordenadas: 42º 13' 34.95'' N; 8º 27' 58.45'' O (42.226376, -8.466237)

Propietario actual: Balneario de Mondariz, S. L. 

Acceso libre (986 65 61 36)

E-mail: concello@mondarizbalneario.es

Webwww.mondarizbalneario.com

  HISTORIA

Da existencia e utilización das augas de Mondariz non se coñecen datos fidedignos anteriores a 1848. Por tradición, críase que as augas da Gándara eran utilizadas xa na Idade Media polas e polos moradores do castelo feudal de Sobroso, e que nas loitas cos señores do castelo de Soutomaior foron destruídas estas termas. Mesmo non tería nada de estraño supoñer que Mondariz figurase entre os moitos baños destruídos en España por orde do rei Afonso VI tras a batalla de Uclés, en 1108.

A primeira publicación na que as atopamos citadas é o Diccionario geográfico-estadístico de España y sus posesiones de ultramar, de Pascual Madoz, cuxa primeira edición data de 1848, na que aparece o seguinte:

"MONDARIZ: ...Hay en el término dos fuentes de aguas medicinales que producen muy buenos efectos a los enfermos que las beben: la que se haya en los márgenes del río Tea es nitrosa y sirve para curar enfermedades cutáneas; y la del barrio de San Pedro ferruginosa, facilita la digestión y abre el apetito. Como no se ha realizado análisis de estas aguas, ni los habitantes de esta feligresía han dado publicidad a las virtudes que encierran, no podemos hablar con más extensión de ellas".

Entre 1870 e 1872 chegou a Mondariz o licenciado en Medicina e Cirurxía Sabino Enrique Peinador Vela, do que se dicía que "descubriu" o segundo dos mananciais, o da Gándara. O mérito deste home, sempre en compañía do seu irmán, o licenciado en Dereito Gumersindo Ramón, estribou en ser o primeiro que lles aplicou ás augas os regulamentos sanitarios de entón. Realizou análises e obtivo a declaración de utilidade pública xunto coa súa concesión: en definitiva, foi o creador do Gran Balneario de Mondariz. Existen diversas opinións en canto a como, cando e por que chegou a Mondariz. Seguindo a versión que o doutor Pondal, primeiro médico oficial do establecemento, deu en 1877, a fonte da Gándara foi descuberta en 1872 por Enrique Peinador, que, acompañado dun enxeñeiro, percorreron a conca hidrográfica desta comarca e atoparon esta fonte, na súa orixe unha charca escavada na terra vexetal. En tal estado inspeccionaron o manancial e convidaron a facelo tamén ao médico hidrólogo Isidoro Casulleras; todos estiveron de acordo en opinar que se trataba de augas fortemente mineralizadas.

Após a declaración de utilidade pública das augas en 1873 e a creación do Balneario de Mondariz, a actividade económica no lugar experimentou un cambio radical, e pasou a destacar sobre o resto da comarca.

O edificio do Gran Hotel comezou a construírse en 1893 e inaugurouse en 1898, a partir dun proxecto de Jenaro de la Fuente, autor de moitas outras edificacións en Vigo. Os xardíns deben ser desa época, aínda que elementos coma o invernadoiro e a escalinata da capela son posteriores; daquela xa existía a carballeira e detrás do hotel había unha zona de horta e uns xardíns xeométricos con sebes recortadas.

En 1905 as fontes pasaron a ser propiedade da familia Peinador, que lles daría un novo aspecto aos mananciais. A familia propietaria, consciente da importancia que para o desenvolvemento do Balneario tiña dispoñer de boas comunicacións, puxo en marcha case enseguida un servizo de carruaxes para trasladar os agüistas desde Ponteareas e O Porriño á estación de ferrocarril máis próxima.

Desde 1908 as compañías navieiras inglesas desembarcaban no porto de Vigo centos de pasaxeiros para visitar a provincia de Pontevedra e parte da Coruña, cunha escala no Balneario de Mondariz. Verdadeiramente, tras a inclusión de Mondariz nas rutas turísticas destas compañías a afluencia de estranxeiros, especialmente de ingleses, foi masiva. A forma máis doada de ir a Mondariz desde Inglaterra era embarcar nun vapor, ben da Boath Line, que facía o traxecto Londres-Vigo vía Le Havre, ben da Royal Mail Steam Packets, desde o porto de Southampton; os prezos oscilaban entre as catro e as seis libras.

En 1908 comezaron as obras para a construción do actual edificio que alberga a fonte, que tardaron bastantes anos en rematar.

O Gran Hotel converteuse en centro de festas e encontros, entre os que destaca a reunión que tivo lugar en agosto de 1929 entre o xefe de Goberno español, Miguel Primo de Rivera, e o primeiro ministro de Portugal, Arthur Ivens Feraz, aos que se lles uniu posteriormente o novísimo John Rockefeller III, herdeiro da maior fortuna dos Estados Unidos. Outras figuras coma Emilia Pardo Bazán, Isaac Peral ou Benito Pérez Galdós  tamén estiveron aloxadas neste hotel.

A partir da guerra civil este entra en decadencia, e o seu final chegou co incendio que o destruíu o 9 de abril de 1973, do que só ficaron as fachadas en pé. Afortunadamente, en 2004,o edificio foi restaurado e converteuse nun complexo de apartamentos; os xardíns foron recuperados uns anos despois e actualmente están en ampliación.

  UN PASEO POLO XARDÍN

Diante da fachada do edificio do antigo hotel disponse unha ampla explanada con algunhas árbores e arbustos, onde destacan os plátanos de sombra (Platanus x acerifolia) podados e una gran criptomeria (Cryptomeria japonica) de 30 m de altura e 3 m de perímetro á altura do peito. Chama tamén a atención o palco da música de sección octogonal sito na parte norte, xunto á criptomeria. Un valado metálico e unha sebe separan este espazo da avenida de Mondariz que discorre contigua.

A entrada ao parque, tras o edificio, faise pola súa banda oeste. Pasamos a carón do regato, canalizado por muros de pedra e que discorre pola valgada, e no extremo oeste da parcela vense os restos da antiga lavandería do Gran Hotel.

Despois de pasar o lateral do edificio, a uns metros da entrada atopamos un bo exemplar de criptomeria (Cryptomeria japonica ‘Elegans') con varios troncos e, algo máis adiante, un gran pé de Cryptomeria japonica de 30 m de altura. Detrás desa última árbore están os restos do antigo invernadoiro que fornecía de flores o hotel; ten base de pedra e teito de estrutura metálica, enferruxada actualmente. A continuación, vense os restos dunha zona de xogos cunhas ramplas de cemento con obstáculos, que semellan que foron utilizadas, hai xa décadas, para xogar ao croquet.

Nesta banda, o parque consta dunha pradería con arboredo disperso, con exemplares de entre 30 e 60 anos de idade. Destacan algúns de bo tamaño, como dous cedros (Cedrus deodara). No fondo sur do predio, por onde entra o regato, medran uns salgueiros (Salix atrocinerea) e amieiros (Alnus glutinosa), ademais de píceas (Picea abies) de bo tamaño.

Na marxe leste do regato, após o edificio e os seus xardíns privados, hai dúas zonas axardinadas de recente creación cunhas sebes baixas e algunhas árbores podadas; entrambas está o recinto da piscina, pechado por unha sebe e de acceso restrinxido.

O terzo leste do parque é a zona máis boscosa e con máis encanto; ocupa unha pendente, sombreada por diversas árbores ornamentais, como tileiros (Tilia tomentosa) ou castiñeiros de Indias (Aesculus hippocastanum), entre outros. Neste lugar destacan os numerosos e fermosos carballos (Quercus robur e Q. x andegavensis), anteriores ao hotel e ao xardín e de bo tamaño — de case 30 m de altura— e que forman unha carballeira diante do lateral do edificio, e un gran cedro do Atlas (Cedrus atlantica ‘Glauca'). Uns arcos de pedra, restos do antigo mosteiro de Casteláns en Covelo, e outros elementos pétreos e restos de antigas edificacións decoran este espazo. No extremo nordeste da carballeira e do predio atópase unha pequena capela, ademais  dunhas escaleiras que baixan ata a fonte da Gándara.

  PUNTOS DE INTERESE

*Antigo Gran Hotel

O edificio do antigo Gran Hotel é de grandes  dimensións, cunha fachada de pedra con soportais na planta baixa. Foi restaurado en 2005 e goza de protección legal polos seus valores arquitectónicos e históricos. Actualmente está dedicado a apartamentos.

*A fonte da Gándara

Ao nordeste do hotel está a fonte da Gándara, obra do afamado arquitecto Antonio Palacios,  nunha edificación de planta en cruz, cos brazos formados por semicírculos e unha cúpula central sostida por altas columnas cilíndricas de pedra; unhas escaleiras baixan ata a fonte, de augas ferruxinosas.

*Árbores de interese

  • As criptomerias (Cryptomeria japonica), situadas diante do hotel e unha no parque traseiro, son centenarias e duns 30 m de altura, das mellores da provincia.
  • A carballeira centenaria, anterior ao hotel, consta duns 50 individuos de bo porte en bo estado sanitario, o maior con 28 m de altura e o máis groso con 5,2 m de perímetro. Entre eles (Quercus robur) medran dous pés do híbrido Quercus x andegavensis, raramente visto en zonas verdes e descoñecido en Galicia con ese tamaño.
  • O cedro do Atlas (Cedrus atlantica ‘Glauca') da parte norte do parque, de 33 m de altura, é o máis alto da provincia e dos mellores de Galicia.
  CATÁLOGO BOTÁNICO
  • Acer negundo L.              
  • Aesculus hippocastanum L.       
  • Alnus glutinosa (L.) Gaertn.
  • Camellia japonica L.      
  • Cedrus  atlantica (Endl.) Manetti ex Carrière Grupo Glauca
  • Cedrus deodara (Roxb. ex D. Don) G. Don          
  • Cephalotaxus harringtonii (Knight ex J. Forbes) K. Koch             
  • Corylus avellana L.
  • Cotinus coggygria Scop. 'Palace Purple'
  • Cryptomeria japonica (Thunb. ex L. f.) D. Don.
  • Cupressus lusitanica Mill.           
  • Euonymus japonicus Thunb.      
  • Gleditsia triacanthos L.
  • Ilex aquifolium L.            
  • Lagerstroemia indica L.
  • Ligustrum lucidum W.T. Aiton  
  • Liquidambar styraciflua                L.
  • Magnolia grandiflora L.               
  • Nandina domestica Thunb.                        
  • Nerium oleander L.        
  • Phoenix canariensis Chabaud
  • Phyllostachys nigra (Lodd. ex Lindl.) Munro     
  • Picea abies (L.) H. Karst.              
  • Platanus × acerifolia (Aiton) Willd.        
  • Prunus avium (L.) L.     
  • Prunus cerasifera Ehrh.
  • Prunus lusitanica L.      
  • Quercus x andegavensis Hy
  • Quercus robur L.
  • Salix atrocinerea Brot.  
  • Tilia platyphyllos Scop.
  • Tilia tomentosa Moench              
  • Trachycarpus fortunei (Hook.) H.A. Wendl.       
  • Viburnum plicatum Thunb.        
  • Wisteria sinensis (Sims) Sweet 

Fotos