Xardín da Granxa de Briz

Localización: no centro urbano de Marín, entre a rúa da Ponte Zapal e a rúa da Costa, tamén coñecida como Camiño da Aniñada

Coordenadas: 42º 23' 23.13'' N; 8º 42' 20.75'' O (42.389761, -8.705764)

Propietario actual: Concello de Marín

Acceso libre (986 880 300)

E-mail: turismo@concellodemarin.es

Webhttps://www.concellodemarin.es/granxa-de-briz/

  HISTORIA

A historia da Granxa de Briz está ligada a aventuras de cabaleiros, monxes e raíñas. Comeza a súa historia con don Diego Arias, antigo cabaleiro da raíña Dona Urraca, nado no nobre fogar dos Arias, familia vinculada á corte de Raimundo de Borgoña por combater baixo o seu mandato en numerosas batallas. No 1112, poucos anos despois da morte de Raimundo e canso de batallas e aventuras bélicas, decidiu retirarse e recibiu en agradecemento o couto de Marín por parte de Dona Urraca, polos bos servizos prestados á coroa. En Marín pasou o resto dos seus días coa súa esposa, Urraca Sabina Díaz, ata que, tras a morte desta e con case 70 anos de idade, decidiu volver darlle un cambio á súa vida e pasar os seus últimos anos recluído nun mosteiro. Fixou os seus ollos no mosteiro de Oseira e, após unha entrevista co abade don García, incorporouse á vida monacal. Así, Diego Arias profesou como monxe cisterciense, unha vocación que comportaba renunciar a toda posesión terreal, polo que lle doou todos os seus bens ao citado mosteiro. Deste xeito, os monxes cistercienses pasaron a ser os propietarios do couto de Marín. Aos poucos meses cambiou de hábitos e acolleuse á Orde dos Cabaleiros de San Xoán de Xerusalén. Comezou así un longo litixio entre cistercienses e sanxoanistas polas propiedades de Diego Arias, desencontros que se prolongaron ata o ano 1174, cando certificou o mosteiro de Oseira que fora o propio rei Afonso VII (fillo de Dona Urraca) quen confirmara a doazón de Marín a Oseira.

Coa chegada dos monxes a Marín construíronse, a mediados do século xii, varios inmobles na granxa da Costa, entre as que destacaban varias edificacións para residencia ou balneario, e almacéns de peixe. Instalouse en Marín un prior, representante do mosteiro, que percibía as rendas e xuros, tanto de terra coma de mar, de todas e todos os habitantes do seu couto.

A granxa da Costa pertenceu a partir de entón a Oseira, e pasou a conformar unha granxa e un priorado cunha residencia permanente de monxes, que administraban pesqueiras ata a lei de desamortización de Mendizábal, en 1836, promulgada polo ministro de Facenda e presidente do Goberno da rexente María Cristina de Borbón, Juan Álvarez Mendizábal. Por esta lei foron suprimidos un gran número de conventos e congregacións relixiosas, cuxos bens pasaron a mans do Estado para seren vendidos en poxa pública e amortizar a débeda deste.

Malia que tivo notables efectos recadatorios e ideolóxicos, foi un gran fracaso desde o punto de vista social, xa que a división dos lotes de terras se deixou en mans de comisións municipais, que, aliadas con oligarcas adiñeirados, manipularon o sistema e crearon grandes lotes, pouco asumibles para os pequenos labradores nas poxas, e estes foron adquiridos por destacados terratenentes e burgueses, polo que non se creou a clase media que se pretendía. Foi desta forma como as posesións que o mosteiro de Oseira tiña en Marín, a granxa da Costa (Granxa de Briz), a casa prioral (o priorado), ademais de todas as rendas forais pertencentes ao suprimido Priorado da vila e porto de Marín, foron adquiridos polo intendente Roberto Munaiz y Millana, que levantou no predio unha vivenda á que chamou Villa Paula.  

En 1942, unha descendente, Ana María Saraiva Munaiz, casada con Marcelino Briz, ordenou construír un chalé sobre o casarío labrego orixinal, que sería destinado ás vacacións estivais da familia Briz Saraiva, que naquela altura vivía en Vigo.

En outubro de 1999 o predio pasou a formar parte do patrimonio do Concello, despois de mercárllelo aos irmáns Briz Saraiva por 150 millóns de pesetas (900.000 euros). Desde ese instante recibiu por parte da entidade municipal o nome de Granxa de Briz e perdeu  o vínculo co apelido Munaiz.

  UN PASEO POLO XARDÍN

Aínda que se conservan algunhas árbores das plantacións realizadas no século pasado pola familia Briz Saraiva, a maioría dos exemplares pertencen a plantacións recentes realizadas polo Concello de Marín.

O xardín non ten un estilo definido, senón que se trata dunha sucesión de pequenos espazos axardinados distribuídos en socalcos por todo o predio. Seguramente, a época de introdución das especies arbóreas sexa de finais do século xix e, de finais do século xx, cando se creou o Parque dos Sentidos, a maior parte das zonas axardinadas.

Este parque consta dunha gran diversidade de pequenos espazos en socalcos que o converten nun lugar marabilloso, visitado cada ano por milleiros de persoas.

No socalco situado a menor cota, a carón da antiga casa da familia Briz Saraiva, atopamos unha lámina artificial de auga na que destaca o xogo coñecido como parafuso de Arquímedes, no que nenas e nenos xogan a recoller a auga nunha canle que, unha vez chea, desauga novamente no estanque artificial. Arredor deste estanque atópanse varios equipamentos infantís, entre eles: un tobogán, dous bambáns, tres mallas elásticas para saltar, un elemento xiratorio e tres pequenos cogomelos para escalada. Arredor do estanque artificial plantáronse diversas árbores froiteiras, coma cerdeiras (Prunus avium), limoeiros (Citrus x limon) ou laranxeiras (Citrus x sinensis), dedicadas ao sentido do gusto, coa idea de que as froitas producidas por estas poidan consumilas as persoas visitantes.

Nos dous seguintes socalcos atopamos os elementos que lle dan o nome de Parque dos Sentidos. Trátase de distintos elementos que forman pequenos xardíns capaces de manifestar estímulos acordes con cada sentido. Para o olfacto creáronse xardineiras nas que se plantaron distintas especies de aromáticas, coma tomiño (Thymus vulgaris), ourego (Origanum vulgare) e lavanda (Lavandula spp.), entre outras. Atopamos nesta terraza unha actuación para  aproveitar as árbores mortas e moribundas moi interesante. Varios exemplares que tiveron que cortarse transformáronse en esculturas: un caracol, un esquío, un cogomelo, un cabaliño de mar ou un neno que se asoma detrás dun toco.

A plataforma destinada ao sentido da vista, coa que se pretende buscar contrastes de cores, segue a conservar o deseño inicial e nela atopamos as especies que foron plantadas inicialmente, entre azaleas (varios cultivares), nandinas (Nandina domestica), leucotoes (Leucothoe axillaris), bidueiros (Betula pendula) e outras. No seguinte socalco, deseñado para o sentido do tacto, instaláronse pavimentos de distintas texturas onde as nenas e os nenos poden tocar coas mans cada elemento e percibir distintas sensacións. As superficies enchéronse con bambú, herba, area, casca de piñeiro, lousa, grava... e na actualidade a maior parte destas superficies están cubertas por herba e bastante deterioradas, coma no caso do bambú, totalmente descomposto.

O último dos espazos do Parque dos Sentidos, e seguramente o máis utilizado polas e polos visitantes, é o destinado ao oído, xa que conta con numerosos instrumentos musicais de grandes dimensións, coma un xilófono, unha arpa ou uns tambores.

A parte máis alta do recinto alberga unha zona de aventuras na que se atopa o elemento máis valorado polas e polos cativos: un conxunto de pasarelas, pontes colgantes, un rocódromo, zonas de equilibrios e tobogáns de grandes dimensións, que, ao aproveitar a accidentada orografía do lugar, nos conducen novamente á parte máis baixa do parque.

  PUNTOS DE INTERESE

*Bosque de abeleiras (Corylus avellana)

Sen dúbida, unha das principais singularidades deste espazo é o marabilloso bosquete de abeleiras que atopamos dispersas na zona central do espazo, a carón do rego e na subida ás terrazas superiores. Trátase dun conxunto de exemplares con fustes inclinados que se sitúan sobre o camiño nunha representación moi pouco frecuente en Galicia.

*Loureiro (Laurus nobilis)

Na zona máis alta do recinto, por enriba dos estanques, localízase un loureiro de grandes dimensións. É unha árbore de tronco sen dividir e moi inclinada, quizais pola forte competencia á que está sometida por un alfaneiro e un castiñeiro de Indias. Así e todo, ten unha altura de 12,30 m e un perímetro normal (medido á altura do peito) de 1,91 m.

*Alfaneiro (Ligustrum lucidum)

A carón do loureiro descrito anteriormente atopamos un exemplar que non foi sometido a tratamentos de poda, polo que se pode dicir que ten un crecemento libre. Esta circunstancia e mais a competencia pola luz coas árbores veciñas, de maior envergadura, propiciaron o seu desenvolvemento en altura, que na actualidade acada 22,60 m de elevación e 2,42 m de perímetro normal, o que o converte, sen dúbida, nun dos exemplares desta especie de maiores dimensións de Galicia.

*Outras árbores de interese

Tamén son salientables neste conxunto un cedro do Atlas (Cedrus atlantica ‘Grupo Glauca'), que alcanza cerca de 30 m de altura, e varios ciprestes da California (Cupressus macrocarpa), que contan cunha altura semellante.

  CATÁLOGO BOTÁNICO
  • Abies nordmanniana (Steven) Spach.
  • Acacia elata A.Cunn. ex Benth.
  • Acacia floribunda (Vent.) Willd.
  • Acacia melanoxylon R.Br.
  • Acer negundo L.
  • Acer rubrum L.
  • Aesculus hippocastanum L.
  • Agapanthus praecox Willd.
  • Castanea x coudercii A.Camus
  • Catalpa bignonioides Walter
  • Cedrus atlantica (Endl.) Carrière
  • Cinnamomum camphora (L.) Siebold.
  • Citrus x aurantium L.
  • Corylus avellana L.
  • Cryptomeria japonica (L.f.) D. Don ´Elegans´
  • Cupressus lusitanica Mill.
  • Cupressus macrocarpa Hartw.
  • Euonymus japonicus Thunb.
  • Euonymus japonicus Thunb. ´Albomarginatus´
  • Fagus sylvatica L.
  • Ficus carica L.
  • Hydrangea macrophylla (Thunb.) Ser
  • Juglans regia L.
  • Laurus nobilis L.
  • Ligustrum lucidum Ait.
  • Liriodendron tulipifera L.
  • Melaleuca armillaris (Soland. ex Gaertn.) Sm.
  • Metrosideros excelsa Sol. ex Gaertn.
  • Pittosporum tenuifolium Banks & Soland. ex Gaertn. ´Variegatum´
  • Phyllostachys aurea Rivière & C. Rivière
  • Pittosporum tobira (Thunb.)
  • Populus x canescens (Ait.) Sm.
  • Prunus avium L.
  • Prunus cerasifera Ehrh. ´Pisardii´ Carr.
  • Quercus robur L.
  • Quercus rubra L.
  • Rhus typhina L. ´Dissecta´ Rehder
  • Robinia pseudoacacia L.
  • Ruscus aculeatus L.
  • Sambucus nigra L.
  • Trachycarpus fortunei (Hook.) H.Wendl.

Fotos