Casa-Museo Valle-Inclán (Pazo do Cuadrante)

Localización: Vilanova de Arousa

A casa-museo atópase no centro de Vilanova de Arousa, entre as rúas Divinas Palabras e Luces de Bohemia.

Coordenadas: 42°33'46.1" N, 8°49'39.2" O (42.562797, -8.827546)

Propietario actual: Concello de Vilanova de Arousa

Cita previa (986 555 493) | Plano (pdf)

E-mail: museos@vilanovadearousa.com

Webwww.museocuadrante.com

HISTORIA

A propiedade onde se atopa a casa do Cuadrante, edificio de arquitectura tradicional de tipoloxía pacega do século xix, formou orixinalmente parte das propiedades do priorado beneditino de Vilanova de Arousa. Posteriormente foi adquirida por José Manuel de la Peña y Oña e Serapia Fernández Cardecid. Estes tiveron que abandonar a casa ao iniciarse a guerra de Independencia en Galicia e trasladáronse a vivir á illa de Arousa para escapar das represalias dos franceses; pasado o perigo, a familia volveu instalarse no pazo. Anos despois a propiedade pasou a mans do seu fillo Francisco de la Peña Cardecid e da súa muller Josefa Montenegro y Saco Bolaño, avós maternos do célebre escritor Ramón del Valle-Inclán.

Francisco de la Peña foi unha persoa de relevancia na vila, xa que desempeñou o cargo de alcalde —en nove ocasións— e de concelleiro na corporación municipal de Vilanova de Arousa (1839-1878), ademais de ser un importante home de negocios da zona. A el atribúeselle a creación das sebes e a plantación no xardín de especies de plantas pouco habituais na zona naquela época.

Segundo diversas fontes documentais, Ramón del Valle-Inclán naceu o 28 de outubro de 1866 no pazo do Cuadrante, aínda que os seus pais residían na casa do Cantillo, tamén chamada a casa dos tres balcóns,propiedade da familia paterna situada na praza de San Mauro. Pasou a súa infancia entre ambas as casas, separadas por poucos metros, feito que marcaría a vida e a obra deste ilustre novelista, poeta e autor dramático.

O pazo do Cuadrante, con planta en forma de L, ocupa unha parcela de 1.460 m2 con casa, xardín e horta, cercados por un muro de pedra. A parte alta da edificación estaba destinada a vivenda, mentres que a planta baixa estaba ocupada polas cortes, os almacéns e a bodega. Presenta un escudo na fachada, con brasóns dos Peña, dos Valle e dos Patiño. Foi declarado monumento histórico-artístico de carácter nacional  en 1976.

En 1890 morre o pai do escritor, Ramón del Valle Bermúdez, e en 1892 a súa nai, Dolores Peña. Vende a casa de San Mauro e instálase en Pontevedra e, a partir deste momento, co pazo en propiedade dos seus primos, é cando Valle-Inclán ocupa un dos cuartos que eles tiñan reservada para el cada vez que visita a vila, e que chegou a coñecerse como " o cuarto de Ramón".

Nos seus escritos utiliza en numerosas ocasións a casa e os recordos familiares vividos nela como recurso literario; ademais, estes inclúen continuas referencias botánicas e alusións de tipo xardinístico. Son exemplo disto a súa obra Jardín umbrío (1903), no que se fai alusión ao pequeno xardín do pazo, e Femeninas (1895), con mención especial para "Rosarito", conto ambientado en Vilanova de Arousa no que aparecen alusións reiteradas ao xardín pacego: "Del fondo oscuro del jardín, donde los grillos daban serenata, llegaban murmullos y aromas..."

A casa continúa habitada ata practicamente os anos noventa do século pasado e fica case abandonada após a morte dos seus derradeiros residentes. En 1994 sofre un incendio e queda en moi mal estado.

Na actualidade o pazo foi reconvertido en casa-museo, proxecto que xorde en 1995 como creación do Concello de Vilanova de Arousa a partir dunha serie de iniciativas de diferentes entidades e asociacións culturais que reclamaron durante anos a recuperación da figura do escritor na súa vila natal. Despois da súa adquisición polo concello é rehabilitada coa axuda da Deputación de Pontevedra e transformada definitivamente en casa-museo, aberta ao público desde o 25 de maio de 2002.

Na Casa-museo Valle-Inclán podemos atopar primeiras edicións e exemplares de interese das súas obras, ademais doutros libros e documentos manuscritos orixinais vinculados coa súa vida. Esta exposición complétase cunha colección de mobles e aveños propios dunha casa galega de clase media-alta de mediados do século xix, que trata de reproducir a distribución que tiña a casa familiar nesa época.

UN PASEO POLO XARDÍN

O xardín, de pequenas dimensións, esténdese e estrutúrase ao redor da casa. Nas súas orixes estaba dedicado tanto a horta coma a xardín e ao cultivo de froiteiras e viñedo. Na actualidade, tras ser restaurado e ampliada a súa colección botánica, principalmente con exemplares de camelia, o seu uso é exclusivamente ornamental e está estruturado en tres partes fundamentais: o xardín principal, a praciña do castiñeiro e o xardín da parra.

Tamén é destacable o paseo axardinado lindeiro e paralelo ao pazo, que se corresponde coa rúa Luces de Bohemia, de uso exclusivamente peonil, desligada da propiedade do pazo e pechada entre cancelas. Accédese a ela mediante dúas entradas, polo Portal da Magnolia ou do Norte e polo Portal da praza Marqués de Bradomín ou Portal de Mediodía. A rúa Luces de Bohemia, convertida en paseo, está configurada por un camiño empedrado central, cunha plantación de exemplares do xénero Camellia que bordean o sendeiro por ambos os lados e comparten espazo con elementos escultóricos relacionados co escritor (monumento da súa figura, libro de pedra conmemorativo da obra Divinas palabras e cartel divulgativo). Para acceder á entrada da casa-museo hai que percorrer parte do paseo das camelias.

Entrando na propiedade accédese ao xardín da parra, que está rodeado dunha viña cun tipo de uva francesa (cabernet-suavignon), orixinaria da rexión de Bordeos. Inclúe unha pradería na que comparten espazo un cedro do Himalaia (Cedrus deodara), un fento arbóreo australiano (Sphaeropteris cooperi), hortensias (Hydrangea macrophylla ) e buxos (Buxus sempervirens), ademais dun exemplar de camelia (Camellia japonica) á que se lle deu o nome do ilustre escritor e que foi plantado no ano 2016 .

O camiño, que rodea a casa e vai cara á praciña do castiñeiro, chamada así polo exemplar plantado en 1970 —de gran porte e bo estado de conservación—, na que medran tamén dúas camelias (Camellia japonica), tres fentos arbóreos australianos (Sphaeropteris cooperi), unpitósporo (Pittosporum tobira), unha espirea do Xapón (Spiraea cantoniensis), agapantos (Agapanthus praecox) e calas (Zantedeschia aethiopica).

No tramo de acceso ao xardín principal atopamos unha caseta de aseos —outrora cortes e galiñeiro—, e nas súas beiras cultívanse roseiras, rododendros arbóreos e azaleas. Xunto ás escaleiras de acceso ao andar superior da casa hai un xardín de aromáticas (herba luísa, abrótano, romeu, ourego, tomiño, hortelá, ruda...) cunha camelia híbrida (Camellia x williamsii) de grandes flores color rosa lavanda.

O xardín principal consta dun parterre xeométrico e dunha pradería paisaxista. A parte xeométrica correspóndese co xardín primitivo do século xix, e nela atópanse entre sebes de buxo os exemplares máis destacables da propiedade. Medran nel un teixo (Taxus baccata), unha michelia (Magnolia figo), un árbore de Xúpiter (Lagerstroemia indica), catro exemplares de camelia (Camellia japonica) e un gran magnolio (Magnolia grandiflora).

A pradería paisaxista, que antes foi horta, conta actualmente con especies moi xuvenís de plantas ornamentais e algunha froiteira. Está rodeada por unha sebe de Cupressus × leylandii e inclúe exemplares de glicinia (Wisteria sinensis), un marmeleiro xaponés (Chaenomeles × superba), camelias (Camellia japonica e C. x williamsii), gardenias (Gardenia jasminoides), solandra (Solandra maxima) e roseiras (Rosa  spp),entre outros. Neste espazo hai un pozo e un antigo lavadoiro de pedra e ao seu carón medra unha curiosa formación en cúpula feita con hedra (Hedera algeriensis).

PUNTOS DE INTERESE

*Magnolia (Magnolia grandiflora)

Entre os exemplares do xardín cabe salientar a Magnolia grandiflora, árbore centenaria de gran porte e en bo estado de conservación. Foi proposta para entrar no Catálogo galego de árbores singulares, aínda que, malia as súas calidades, foi rexeitada.

*Elementos escultóricos

A propiedade está ornamentada con elementos escultóricos dedicados á memoria do escritor. Un rostro tallado en pedra situado na praciña do castiñeiro e un libro tamén feito en pedra conmemorativo da súa obra Divinas palabras situado no paseo das camelias, ambos realizados por alumnado de cantería da Escola-Taller Valle-Inclán II.

No paseo das camelias atópase tamén outro monumento, obra do escultor Buciños, composto por unha cabeza de bronce con soporte de pedra granítica cunha placa conmemorativa.

CATÁLOGO BOTÁNICO
  • Agapanthus praecox Willd.
  • Aloysia citrodora Palau
  • Amaryllis belladona L.
  • Aucuba japonica Thunb.
  • Bougainvillea glabra Choisy
  • Buxus sempervirens L.
  • Buxus sempervirens 'Suffruticosa' L.
  • Camellia japonica L.
  • Camellia reticulata Lindl.
  • Camellia rosiflora Hook.
  • Camellia sasanqua Thunb.
  • Camellia x williamsii W.W.Sm.
  • Castanea × coudersii A.Camus
  • Cedrus deodara (Roxb. ex D.Don) G.Don
  • Chaenomeles × superba (Frahm) Rehder
  • Chlorophytum comosum (Thunb.) Jacques 'Variegatum'
  • Citrus x aurantium L.
  • Citrus x limon (L.) Osbeck
  • Cupressus × leylandii A.B.Jacks. & Dallim.
  • Gardenia jasminoides J.Ellis
  • Hebe topiaria L.B.Moore
  • Hedera algeriensis Hibberd
  • Hydrangea macrophylla (Thunb.) Ser.
  • Jasminum officinale L.
  • Lagerstroemia indica L.
  • Lantana × strigocamara R.W.Sanders  
  • Laurus nobilis L.
  • Magnolia grandiflora L.
  • Mentha piperita L.
  • Magnolia figo (Lour.) DC.)
  • Pittosporum tobira (Thunb.) W.T.Aiton
  • Plectranthus madagascariensis (Pers.) Benth. 'Variegated Mintleaf'
  • Prunus domestica L.
  • Rhododendron (varios cultivares)
  • Rosa (varios cultivares)
  • Rosmarinus officinalis L.
  • Rubus idaeus L.
  • Ruta chalepensis L.
  • Santolina chamaecyparissus L.
  • Solandra maxima (Moc. & Sessé ex Dunal) P.S.Green
  • Sphaeropteris cooperi (F. Muell.) R.M. Tryon
  • Spiraea cantoniensis Lour.
  • Taxus baccata L.
  • Thuja occidentalis L.
  • Thymus vulgaris L.
  • Vitis vinifera L.
  • Westringia fruticosa (Willd.) Druce
  • Wisteria sinensis (Sims) Sweet
  • Zantedeschia aethiopica (L.) Spreng.

Fotos