Alameda de Vigo
Localización: no centro urbano de Vigo, preto do porto, en terreos gañados ao mar
Coordenadas: 42º 14' 20.78'' N, 8º 43' 21.08'' O (42.239108, -8.722525)
Propietario: Concello de Vigo
Acceso libre (986 810 306, 986 224 757)
E-mail: turismodevigo@vigo.org
Web: www.turismodevigo.org/es/parque-de-alameda
HISTORIA
Os antecedentes do actual xardín hai que buscalos nun acordo municipal do 22 de febreiro de 1828 no que se dispón a creación dunha plantación de álamos no terreo de praia ao leste da porta da Gamboa —é dicir, fóra do centro urbano, nunha zona que se corresponde coa parte occidental da alameda actual—. En 1830 estas árbores xa están plantadas.
Nos seguintes anos xorden diferentes proxectos de ensanche da cidade sobre os terreos do Areal ao leste, que prevían a desaparición ou traslado da alameda. Tras anos sen acordos, concedéuselle o 26 de decembro de 1870 a Emilio García Olloqui a execución das obras do ensanche. Tíñase previsto o traslado da alameda ao norte, para ficar xunto ao mar, pero tras diversos conflitos chegouse a un acordo entre o Concello e a concesionaria para que a alameda ocupase tres bloques enteiros do ensanche, renunciando á zona verde costeira.
En 1880 comézase a edificar no recheo, cando poucos dos álamos da alameda orixinal quedan vivos, e no 1882 comezan as obras de creación da actual alameda, de acordo co Proxecto de paseo e xardíns na alameda, do arquitecto municipal Domingo Rodríguez Sesmero, datado no 4 de maio dese ano. Ao rematar as obras, en 1884, o recinto queda dividido en tres sectores, correspondentes con tres bloques do ensanche, os laterais cun trazado a xeito de cruz e X superpostas, e o central afundido respecto os outros e con catro fileiras de árbores. Un valado de ferro fundido pecha a alameda.
O 22 de agosto de 1890 descóbrese a tea do monumento a Casto Méndez Núñez, obra do escultor A. Querol, co pedestal deseñado por Jenaro de la Fuente, cuxa localización provocou unha modificación do deseño dese sector.
En 1907 xorde o Proxecto de reforma e ensanche da cidade de Vigo, de Ramiro Pascual. No plano anexo apréciase a distribución da alameda en tres sectores e vense por vez primeira uns xardíns alén da rúa Concepción Arenal, continuando a alameda cara ao leste. Estes xardíns son o xerme do que serán, anos despois, os de Eijo Garay e do Areal.
En 1910 debátese sobre a necesidade de ampliar a alameda, considerada pequena para unha cidade en constante crecemento. O arquitecto municipal Jenaro de la Fuente Domínguez presenta dúas alternativas para a súa ampliación; outras propostas que se barallan son a creación dun parque nas avenidas, no futuro recheo do Areal, no monte do Castro (aínda propiedade do Ministerio de Guerra), ou no Picacho (antigo cemiterio municipal).
se mesmo ano foi instalado na fonte do sector oriental o monumento dedicado a Curros Enríquez, obra do escultor L. Collault-Valera, costeada por subscrición pública (e actualmente no parque do Castro).
Entre 1922 e 1925 desmantelouse o valado perimétrico, que databa de 1882. Este foi o primeiro paso na degradación da alameda, que continuará co traslado a Coia do palco da música en 1931, e o recheo do sector central, aprobado en 1934 polo Concello, que provocou a morte dos tileiros que alí medraban e deixou totalmente espido ese sector nos seguintes anos.
O 13 de outubro de 1935 descóbrese a placa que supón o troco de nome da alameda, que pasa a denominarse oficialmente praza de Compostela.
En 1939 axardínase o sector central, baseado nun proxecto do xardineiro francés Luciano Turc Bert, asesor municipal de xardinería. As fileiras de castiñeiros de Indias (Aesculus hippocastanum) que actualmente sombrean ese sector datan dese momento. En 1941 levouse a cabo a urbanización das estradas que rodean a alameda, con beirarrúas de pavimento de mosaico a base de croios coloreados, alternando con baldosas. Tal pavimento sería substituído por baldosas nos anos oitenta.
En 1955 constrúese a fonte central, obra do arquitecto municipal Emilio Bugallo Orozco. Unha serie nove de figuras de animais en pedra, encargadas ao escultor José Luis Medina, foron colocadas na alameda, das que hoxe en día só se conservan dúas.
En 1972 o embaixador de Nicaragua en España dooulle ao pobo de Vigo o monumento a Rubén Darío, que foi instalado no sector oriental.
Desde entón non se realizaron modificacións de importancia. Unhas cantas árbores vellas foron morrendo co paso do tempo, entre eles os dous enormes tileiros prateados —Tilia tomentosa— presentes ata comezos so século xx no sector occidental. Hai uns anos houbo unha absurda intervención fitosanitaria que consistiu basicamente en podar moitas das árbores, acción que reduciu a súa altura e empeorou os seus problemas (ligados á mala calidade do terreo de recheo, á compactación do terreo e a contaminación orixinada polo abondoso tráfico que circula polas estradas circundantes). Por outra banda, as sebes que delimitaban os espazos con céspede foron recuperadas no últimos anos.
Trátase dun dos mellores xardíns urbanos de Galicia, concibido desde a súa orixe como alameda para o seu gozo polo pobo; con case século e medio de existencia, ten ademais a consideración de xardín histórico.
UN PASEO POLO XARDÍN
A alameda ten forma trapezoidal, alongada, case rectangular, nun eixe este-oeste paralelo ao mar, e consta de tres partes: dous sectores laterais que conservan, con algunha modificación, o trazado orixinal de Domingo Rodríguez Sesmero de 1882, e a parte central, máis recente, co deseño de Luciano Turc Bert, de 1939. As fontes e moitas das árbores que alí medran proceden da súa primeira etapa, en 1882.
O sector occidental está bastante degradado, con varias árbores mortas nos últimos anos. Destaca unha grande araucaria (Araucaria heterophylla) centenaria no estremo oeste. Unha fonte circular ocupa o centro do sector, cun estanque de 4,5 m de diámetro e surtidor central, ao seu norte e sur fican dous bancos de pedra en forma de arco circular, e árbores que medran detrás —entre elas dúas grandes palmeiras (Washingtonia filifera) da plantación orixinal e das maiores de Galicia na súa especie—. Nun lateral hai unha escultura que representa un home turrando dunha rede de pesca, obra de Camilo Nogueira.
Ao leste da fonte atópase o monumento a Casto Méndez Núñez, vigués e heroe de El Callao; consiste nunha estatua de bronce de tamaño natural, obra do escultor A. Querol, nun pedestal de granito de 3 m deseñado por Jenaro de la Fuente. Na parte traseira do pedestal hai unha placa de mármore coa inscrición: "Al Contraalmirante de la Armada Don Casto Méndez Núñez, en premio de insignes victorias, se erigió este monumento por subscripción pública a iniciativa del Gimnasio. Agosto 21 de 1890". Por diante figura o lema "Más vale honra sin barcos que barcos sin honra". Unha cadea de ferro rodea o monumento.
O sector central está formado por un paseo central de 7 m de longo e outros perpendiculares que delimitan os espazos con vexetación herbácea; estes están algo afundidos no seu interior, e teñen céspede, plantas de flor, teixos (Taxus baccata ‘Fastigiata') e camelias (Camellia japonica); nalgúns hai esculturas de animais: unha cabra, unha hiena, un cisne e un caracol; os dous primeiros son obra do escultor Medina, os outros do escultor galego Camilo Nogueira.
No centro destaca unha fonte de pedra con surtidores, nun estanque circular duns 3 m de diámetro, do que cae a auga noutro inferior de figura cadrada de 7 m de longo. Plantas de tempada e azaleas crecen arredor da fonte, rodeadas por unha cadea de ferro. Dúas ringleiras de grandes castiñeiros de Indias (Aesculus hippocastanum) sombrean as estremas no norte e sur do sector, lindando coas beirarrúas.
O sector oriental conserva parte da vexetación orixinal, cun ambiente máis íntimo e sombrío. Coma no sector occidental, hai unha fonte con estanque e surtidor, flanqueado neste caso por catro bancos de pedra, e con diversas árbores e arbustos detrás, con herbas e fentos por debaixo deles. Destacan as casuarinas centenarias (Casuarina cunninghamiana), incluídas no Catálogo galego de árbores senlleiras, e dúas nogueiras negras americanas (Juglans nigra).
Nun lateral fica o monólito de gneis coa inscrición "Príncipe del verso castellano Rubén Darío" e a efixie deste, e no estremo oriental, xunto á rúa Concepción Arenal, hai dúas estatuas que representan un ferreiro cunha engra e un pescador con varios peixes; ambas as dúas están sobre un pequeno montículo de pedra, resto dun antigo xardín de rocalla dos anos 60.
PUNTOS DE INTERESE
*Casuarinas (Casuarina cunninghamiana)
As casuarinas —Casuarina cunninghamiana— do sector oriental están incluídas no Catálogo galego de árbores senlleiras (aínda que nel aparecen co nome trabucado de Casuarina equisetifolia); as vellas han ser da plantación orixinal e son das mellores de Galicia.
*Outras árbores de interese
Outras árbores centenarias e de gran porte, coma a araucaria da illa de Norfolk —Araucaria heterophylla— e as dúas palmeiras (Washingtonia filifera) do estremo occidental, e mais os dous exemplares de Juglans nigra do sector oriental, están entre os mellores de Galicia e son claros candidatos a entrar no citado catálogo. Atópanse ademais outras árbores menores, coma camelias (Camellia japonica), magnolias (Magnolia grandiflora), tulipeiro de Virxinia (Liriodendron tulipifera), sófora (Styphnolobium japonicum), cordilina (Cordyline australis), pitósporo (Pittosporum undulatum) ou grevíllea (Grevillea robusta) de interese polos seus tamaño e idade.
* Esculturas e monumentos
Destacan as fontes e esculturas creadas hai mais de 100 anos, ademais dos monumentos a Casto Méndez Núñez e a Rubén Darío.
CATÁLOGO BOTÁNICO
- Aesculus hippocastanum L.
- Araucaria heterophylla (Salisb.) Franco
- Aucuba japonica Thunb.'Crotonifolia'
- Bergenia × schmidtii (Regel) Silva. Tar.
- Buxus sempervirens L.
- Camellia japonica L.
- Casuarina cunninghamiana Miq.
- Choisya ternata Kunth
- Cordyline australis (G. Forst.) Endl.
- Cycas revoluta Thunb.
- Cyclamen persicum Mill.
- Cymbidium (híbridos)
- Dryopteris erythrosora (D.C. Eaton) Kuntze
- Dryopteris filix-mas (L.) Schott
- Euonymus japonicus Thunb. 'Aureovariegatus'
- Fatsia japonica (Thunb.) Decne. & Planch.
- Grevillea robusta A. Cunn. ex R. Br.
- Hedera algeriensis Hibberd
- Hedera helix L.
- Helleborus × hybridus H. Vilm.
- Hyacinthus orientalis L.
- Hydrangea macrophylla (Thunb.) Ser.
- Juglans nigra L.
- Juniperus × pfitzeriana (Späth) P.A. Schmidt
- Liriodendron tulipifera L.
- Lysimachia nummularia L.
- Magnolia grandiflora L.
- Monstera deliciosa Liebm.
- Narcissus (híbridos)
- Ophiopogon japonicus (Thunb.) Ker Gawl.
- Ophiopogon planiscapus Nakai 'Variegatus'
- Philadelphus coronarius L.
- Pittosporum undulatum Vent.
- Pteris tremula R. Br.
- Pyracantha angustifolia (Franch.) C.K. Schneid
- Rhododendron (azaleas de folla perenne)
- Rosa (híbridos)
- Selaginella kraussiana (Kuntze) A. Braun
- Spiraea nipponica Maxim.
- Strelitzia reginae Banks ex Aiton
- Styphnolobium japonicum (L.) Schott
- Taxus baccata L. 'Fastigiata'
- Tilia platyphyllos Scop.
- Tilia tomentosa Moench
- Trachycarpus fortunei (Hook.) H.A. Wendl.
- Tulbaghia violacea Harv.
- Viola × wittrockiana Gams ex Nauenb. & Buttler
- Washingtonia filifera (Linden ex André) H. Wendl. ex de Bary
- Zantedeschia albomaculata (Hook.) Baill.
