A Estación Fitopatolóxica Areeiro (EFA) da Deputación de Pontevedra completou con éxito a auditoría de renovación do certificado do sistema de calidade
A Estación Fitopatolóxica Areeiro (EFA) da Deputación de Pontevedra completou con éxito a auditoría de renovación do certificado do sistema de calidade
Os días 28 e 29 de xuño de 2023, nas instalacións da Estación Fitopatolóxica Areeiro (EFA), realizouse a auditoría para a renovación do certificado do sistema de calidade implantado no centro, correspondente á norma UNE-EN ISO 9001:2015 (co expediente 2005/0771/ER/01), no que están implicados tres laboratorios da EFA: a Unidade de Bacterias, Virus e Nematodos da Sección de Fitopatoloxía; e as Seccións de Edafoloxía e de Bioloxía Molecular; ten o seguinte alcance:
- Detección e identificación de organismos fitopatóxenos: fungos, oomicetos, fitoplasmas e bacterias por técnicas moleculares (PCR, PCR-RFLP, nested-PCR, multiplex-nested PCR e secuenciación).
- Realización de ensaios de eficacia de funxicidas in vitro.
- Mostraxe, análise e identificación de Bursaphelenchus xylophilus por morfoloxía e técnicas moleculares.
- Detección da virose da vide (GLRV I, II, III; GFLV; ArMV e GFKV), virus hortícolas e bacterias Xylophilus ampelinus e Xylella fastidiosa da vide e Xylella fastidiosa de leñosas e ornamentais pola técnica ELISA.
- Análises fisicoquímicas en solos (pH, catións, materia orgánica, fósforo e aluminio).
Como novidade, este ano incorporouse ao sistema de calidade da EFA a Sección de Fruticultura e Ornamentais, ampliando así o alcance deste procedemento no centro:
- A extracción de aceite de sementes de camelia.
Na auditoría, realizada e supervisada por AENOR, os obxectivos do equipo auditor foron os seguintes:
- Determinar a conformidade do sistema de xestión da organización ou empresa auditada, ou partes do sistema, cos criterios da auditoría.
- Determinar a súa capacidade para asegurar que a organización cumpre cos requisitos legais, regulamentarios e contractuais aplicables (tendo sempre presente que unha auditoría de certificación dun sistema de xestión non é de cumprimento legal).
- Determinar a eficacia do sistema de xestión para asegurar que a ou o cliente pode ter expectativas razoables en relación co cumprimento dos obxectivos especificados e, cando corresponda, identificar posibles áreas de mellora.
O resultado foi satisfactorio e o equipo auditor destacou como puntos fortes os seguintes:
- O alto grao de colaboración e participación do persoal auditado.
- A competencia técnica do persoal auditado.
- O nivel de satisfacción obtido nas enquisas.
- Os resultados acadados nos ensaios entre laboratorios.
Por todo iso, dámoslle os parabéns a todo o persoal implicado no alcance do sistema de calidade.