A Estación > Novas > Detalle nova

Presentación final do proxecto do IES Montecelo "Eco urban garden"

21 de xuño del 2023
Eco urban garden

 

Hoxe realizouse a presentación final do proxecto do IES Montecelo "Eco urban garden", aprobado na IV Convocatoria de Ayudas Dualiza do curso 2022-2023 na categoría B, Investigación e Innovación, coa que CaixaBank Dualiza e a Asociación de Centros de Formación Profesional FPEmpresa financian proxectos que sexan innovadores, que aposten pola transferibilidade do coñecemento que teñan un impacto social no territorio onde se desenvolven.  

"Eco urban garden" propón unha idea na que o mobiliario urbano, neste caso unha marquesiña de autobús urbana autosostible, aproveite a humidade ambiental para regar a vexetación das paredes a través de enerxía fotovoltaica. O proxecto contribúe a crear un novo modelo de cidade na que se aproveita a humidade da choiva para reducir as emisións de CO2 á atmosfera e favorecer a flora e a fauna, ademais de achegarlles un illamento acústico e térmico natural ás rúas, o que contribúe ao benestar da cidadanía.  

Neste proxecto a Estación Fitopatolóxica Areeiro colabora para prestar asesoramento técnico sobre a escolla das especies vexetais. O interese nesta colaboración está motivado polo contido pedagóxico e innovador do proxecto, polo fomento do recoñecemento da formación profesional e polo seu aliñamento cos Obxectivos de Desenvolvemento adoptados pola Asemblea Xeral da ONU na Axenda 2030 de cidades e comunidades sostibles e adopción de medidas contra o cambio climático.

Gustaríanos agradecer e felicitar os patrocinadores CaixaBank, a través de Dualiza, a Asociación de Centros de Formación Profesional FPEmpresa, representada por Manuel Hermo; os Viveiros O Barreiro e o centro IES Montecelo, onde xurdiu a idea e se executou este proxecto.

Neste vídeo podedes ver os obxectivos, o funcionamento e as fases de construcción do modelo de marquesiña proxectada.