Desde a Estación Fitopatolóxica Areeiro queremos darlle os parabéns á nosa compañeira a doutora Marisé Lema Gesto, xefa da Sección de Edafoloxía, polo recoñecemento que lle ofreceron en Carballo
O 8 de febreiro, e relacionado co Día da Muller e da Nena na Ciencia, inaugurouse en Carballo unha exposición para destacar o papel de 21 mulleres carballesas no ámbito da investigación. Unha delas é a nosa compañeira Marisé Lema Gesto, doutora en Bioloxía pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) e xefa da Sección de Edafoloxía da Estación Fitopatolóxica Areeiro (EFA) da Deputación de Pontevedra.
Tal e como se indica no seu panel, o seu labor de investigación comezou no Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola da USC, cunha tese de doutoramento sobre a avaliación dos solos da comarca de Bergantiños para o cultivo da pataca. A principios dos anos noventa incorporouse á EFA para estudar e analizar solos e formulacións de fertilizado. A relevancia que foi acadando este novo servizo deu lugar á creación da Sección de Edafoloxía, a cal dirixe, e que conta con varias liñas de investigación que afondan no diagnóstico da nutrición dos cultivos.
Unha das preguntas máis destacadas que lle fixeron nesta homenaxe foi:
"Que é a ciencia e a investigación para ti?".
"A investigación para min é un percorrido para buscar respostas ás curiosidades que xa na miña infancia me espertaba o mundo agrario. Con ela pretendo contribuír á mellora do contorno agrícola, gandeiro e forestal coas ferramentas que dá a ciencia, nunha traxectoria profesional alimentada pola paixón, aderezada coa creatividade e practicada en liberdade".
Parabéns, Marisé!