A Estación > Novas > Detalle nova

A Estación Fitopatolóxica Areeiro (EFA) participou os días 9 e 10 de xaneiro na segunda xuntanza técnica do proxecto europeo Interreg Atlantic Area BEAP-MAR: "Bioeconomía azul no Espazo Atlántico: novos produtos a partir de organismos mariños", realizada na Universidade do Algarve, en Faro (Portugal)

O pasado 9 e 10 de xaneiro tivo lugar a segunda xuntanza técnica do consorcio BEAP-MAR: "Bioeconomía azul no Espazo Atlántico: novos produtos a partir de organismos mariños", un proxecto enmarcado no programa "Interreg Atlantic Area", que reúne expertas e expertos e entidades de España, Francia, Irlanda e Portugal. Este evento organizouno o Departamento de Química e Farmacia da Facultade de Ciencias e Tecnoloxía da Universidade do Algarve (Faro, Portugal), baixo a dirección do grupo de investigación da profesora Maria de Lurdes dos Santos Cristiano.

9 e 10 de xaneiro del 2025
BAP-MAP Portugal

Durante estas xornadas, as socias e socios do proxecto compartiron os avances acadados ata o momento e debateron sobre os principais desafíos e oportunidades no ámbito da bioeconomía azul. Así mesmo, planificaron as próximas actividades do proxecto, coa finalidade de consolidar o compromiso e a colaboración entre as socias e os socios do consorcio.

O día 10 tivo lugar a segunda edición das xornadas temáticas do proxecto "Pill 2". Neste evento contamos coa participación de expertas e expertos que achegaron perspectivas moi enriquecedoras sobre temas clave, coma o papel da Administración no apoio á investigación e as estratexias para fortalecer a conexión entre os organismos públicos e a industria.

Tras este encontro, xa se está a preparar a próxima reunión do proxecto "BEAP-MAR", que terá lugar en Pontevedra no mes de xuño e que será organizada pola EFA. Este será un momento clave para seguir avanzando nas nosas metas comúns e construíndo solucións innovadoras para a bioeconomía azul.