Cuarto encontro do proxecto "BEAP-MAR" en Saint-Malo, Francia
Os días 2 e 3 de xullo de 2025 tivo lugar en Saint-Malo (Francia) o cuarto encontro do consorcio BEAP-MAR (Blue Bioeconomy in the Atlantic Area: New Products from Marine Organisms), no que a Deputación de Pontevedra participa como socio a través da Estación Fitopatolóxica Areeiro (EFA-DEPO). Trátase dun proxecto financiado polo programa "Interreg Espazo Atlántico", centrado no desenvolvemento de produtos innovadores a partir de organismos mariños, dentro do marco da bioeconomía azul. O evento foi organizado pola Dra. Valérie Fessard da Axencia Nacional de Seguridade Sanitaria da Alimentación, do Medio Ambiente e do Traballo de Francia (ANSES). Participaron representantes dos diferentes socios do proxecto procedentes de España, Portugal, Francia e Irlanda, entre os que se atopan universidades, centros tecnolóxicos, axencias de innovación e entidades empresariais.
Durante a xornada do 2 de xullo desenvolvéronse as reunións do Consello de Dirección (GoBo, polas súas siglas en inglés) e do Consello Técnico (TeBo), nas que se revisaron os avances científicos e técnicos do proxecto, así como aspectos clave de coordinación e xestión. Cada socio presentou os seus progresos máis recentes e realizouse unha visita ao edificio GOEMAR, na que se puxo en valor a conexión do proxecto coa contorna industrial local.
O 3 de xullo tivo lugar a terceira xornada temática do proxecto, coñecida como "Pill 3", en formato híbrido. Neste sesión aberta ofreceuse unha visión actualizada de diversas iniciativas e proxectos punteiros relacionados coa bioeconomía azul na área atlántica. Entre as presentacións destacadas atópanse:
- Unha visión xeral do proxecto "BEAP-MAR" a cargo do coordinador Jesús González (Universidade de Santiago de Compostela).
- A presentación do proxecto europeo "Hub4Food" (Valorial, Francia).
- O proxecto "STARSKI", centrado no aproveitamento de estrelas de mar como fonte de novos moduladores de cinases (Grupo Roullier, Francia).
- Unha exposición sobre o proxecto "ATLASea" e o seu atlas xenómico mariño (MNHN, Francia).
- Unha análise sobre as agrupacións industriais de innovación marítima e as tendencias mundiais de patentes baseadas en biorrecursos mariños.
Estas xornadas reafirmaron o compromiso do consorcio BEAP-MAR coa xeración de coñecemento, a transferencia de tecnoloxía e o impulso de solucións sostibles e innovadoras a partir dos recursos mariños do Atlántico.

