A Estación > Novas > Detalle nova

A Estación Fitopatolóxica completou con éxito a auditoría de seguimento do certificado do sistema de calidade por parte de AENOR

A auditoría foi

18 de outubro del 2024

O pasado 18 de outubro realizouse, nas instalacións da Estación Fitopatolóxica Areeiro (EFA), a auditoría de seguimento do certificado do sistema de calidade implantado no centro, correspondente á norma UNE-EN ISO 9001:2015 (co expediente 2005/0771/ER/01), no que están implicados catro laboratorios da EFA pertencentes ás seccións de Fitopatoloxía, Edafoloxía, Bioloxía Molecular e Fruticultura e Ornamentais, co seguinte alcance:

  • Detección e identificación por técnicas moleculares (PCR, PCR-RFLP, nested-PCR, multiplex-nested PCR e secuenciación) de organismos fitopatóxenos (fungos, oomicetos, fitoplasmas e bacterias).
  • Realización de ensaios in vitro de eficacia de funxicidas.
  • Mostraxe, análise e identificación de Bursaphelenchus xylophilus por morfoloxía e técnicas moleculares.
  • Detección da virose da vide (GLRV I, II, III; GFLV; ArMV e GFKV), virus hortícolas e bacterias Xylophilus ampelinus e Xylella fastidiosa da vide e Xylella fastidiosa de leñosas e ornamentais pola técnica ELISA.
  • Análises fisicoquímicas en solos (pH, catións, materia orgánica, fósforo e aluminio).
  • A extracción de aceite de sementes de camelia.

Nesta auditoría de seguimento revisáronse os alcances das áreas de Fitopatoloxía e Fruticultura. Non se auditaron as de Bioloxía Molecular e de Edafoloxía; a súa revisión está planificada para 2025.

Na auditoría, realizada e supervisada por AENOR, os obxectivos do equipo auditor foron os seguintes:

  • Determinar a conformidade do sistema de xestión da organización ou empresa auditada, ou partes do devandito sistema, cos criterios de auditoría.
  • Determinar a súa capacidade para asegurar que a organización cumpre cos requisitos legais, regulamentarios e contractuais aplicables (tendo sempre presente que unha auditoría de certificación dun sistema de xestión non é unha auditoría de cumprimento legal).
  • Determinar a eficacia do sistema de xestión, para asegurar que o cliente pode ter expectativas razoables con relación ao cumprimento dos obxectivos especificados; e, cando corresponda, identificar posibles áreas de mellora.

O resultado foi satisfactorio e o equipo auditor destacou como puntos fortes os seguintes:

  • Alto grao de colaboración e participación do persoal auditado.
  • Competencia técnica do persoal auditado.
  • Nivel de satisfacción obtido nas enquisas.
  • Resultados obtidos en ensaios interlaboratorio (100 % de fiabilidade).

Por todo isto, dámoslle os parabéns a todo o persoal implicado no alcance do sistema de calidade.