A Estación > Novas > Detalle nova

Areeiro traballa con centros de investigación de Europa, Brasil, Israel e China para previr a enfermidade que ocasiona a "Trioza" nos cítricos

O insecto "Trioza erytreae" ou "Psila africana" foi detectado por primeira vez na Europa continental pola Estación Fitopatolóxica Areeiro da Deputación

12 de decembro del 2023

 

A Deputación de Pontevedra a través da Estación Fitopatolóxica Areeiro está a participar no proxecto "Preventing HLB epidemics for ensuring citrus survival in Europe", unha iniciativa do programa Horizon 2020 da Unión Europea concedido a un consorcio integrado por entidades de Europa, Brasil, Israel e China que está a traballar conxuntamente para previr a grave enfermidade que ocasiona a "Trioza erytreae" ou "Psila africana" nos cítricos, coñecida como HLB. Este insecto detectouse por primeira vez na Europa continental no ano 2014 por Areeiro que, na actualidade e no marco deste proxecto internacional, está a realizar ensaios para coñecer o seu comportamento e supervivencia e a analizar a eficacia de diferentes fungos para facerlle fronte.

Areeiro, a través dun convenio de colaboración establecido entre a Deputación o CSIC e Koppert España, é a única entidade galega que forma parte do proxecto internacional que pretende previr a introdución e/ou a dispersión da HLB. Deste xeito, e no marco desta iniciativa, Areeiro desenvolveu xa un método de cría masiva en laboratorio da "Psila africana" para producir suficientes insectos para realizar os ensaios e para coñecer o seu comportamento en canto ao seu desenvolvemento, supervivencia, lonxevidade, parámetros reprodutivos e condicións que limitan a súa expansión. Ademais, determinou o rango de hóspedes de "Trioza" mediante ensaios de libre elección levados a cabo en insectarios cunha selección de diferentes especies de cítricos, co obxectivo de analizar as plantas máis resistentes, e estudou a eficacia en laboratorio de diferentes fungos para facerlle fronte ao insecto.

Xunto ao centro da institución provincial participan outras entidades españolas como o CSIC, o Instituto Valenciano de Investigaciones Agrarias, a Universidade Politécnica de Valencia e a Generalitat Valenciana, ademais de centros de investigación de Portugal, Francia, Italia, Reino Unido e Holanda entre os que se atopan o Instituto Politécnico de Bragança, a Universidade do Algarve, o Centre de Coopération Internationale en Recherche Agronomique pour le Développement, a Università degli Studi di Catania, o Consiglio Nazionale delle Ricerche, o Consiglio per la Ricerca in Agricoltura, o centro de l'Analisi dell'economia agraria, a University of Cambridge, a Durham University e a University of Amsterdam. Ademais, tamén forman parte do consorcio entidades do Brasil como a Empresa Brasileira de Pesquisa Agropecuária ou o Fundo de Defesa da Citricultura; de Israel como o Agricultural Research Organisation-Volcani Centre; e da China como a Hunan Agricultural University, así como empresas privadas como Koppert España e AMP Biotech.