Publicador de contidos
A Estación Fitopatolóxica Areeiro participa no XX Congreso da Sociedade Española de Fitopatoloxía

Do 24 ao 27 outubro, en sesións de mañá e tarde, tivo lugar no campus principal da Universidade Politécnica de Valencia o XX Congreso da Sociedade Española de Fitopatoloxía (SEF).
A SEF é unha asociación que conta con máis de 500 socios que traballan no campo da patoloxía vexetal e que ten como principais obxectivos fomentar, facilitar e difundir traballos nos diferentes aspectos da fitopatoloxía. Os seus congresos, que se realizan cada dous anos, constitúen un dos lugares máis importantes de intercambio de coñecemento, experiencias e tecnoloxías xerados no estudo das enfermidades das plantas en España.
Para a EFA, como centro fitopatolóxico, este evento constitúe unha cita de referencia para dar difusión ou divulgar as actividades que realiza e para establecer canles de colaboración con outras expertas e expertos nacionais e internacionais dentro do noso ámbito de traballo.
O congreso constituíu un lugar de encontro entre persoal científico e profesional que se estruturou en sesións que abarcaron diferentes liñas fundamentais dentro da fitopatoloxía (control, resistencia a enfermidades, manexo integrado, detección e diagnóstico, epidemioloxía, interacción planta-patóxeno, manexo de enfermidades na era xenómica, enfermidades emerxentes etc.) desde un punto de vista multidisciplinar, nas que se incluíron abordaxes agronómicas, moleculares, celulares e bioquímicas, entre outras. Alén de persoal experto a nivel estatal, asistiron relatoras e relatores de recoñecido prestixio internacional, novas e novos fitopatólogos e presentáronse máis de 60 comunicacións orais e 250 pósteres.
En representación da EFA asistiron Pilar Piñón e Cristina Rial, técnicas superiores do centro, especializadas na detección e identificación de organismos patóxenos.
Neste evento, a EFA presentou seis traballos en formato póster titulados:
- Detección de Pseudomonas syringae pv. syringae e Phytophthora ramorum asociadas a danos en viveiros de propagación de Camellia sinensis.
- Fungos e oomicetos asociados co decaemento da camelia en Galicia.
- Detección e identificación de Gnomoniopsis smithologlvi causando podremia de ourizos e castañas en castiñeiros de Galicia. En colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela (USC).
- Efecto de tres residuos obtidos no proceso de extracción de aceite de Camellia spp. fronte a Gnomoniopsis smithogilvyi. En colaboración coa empresa Fauna Útil.
- Quimiotipos de especies de Fusarium en millo forraxeiro en Galicia. En colaboración coa USC.
- Evolución temporal da estrutura poboacional de Fusarium circinatum. En colaboración co INIA de Madrid, Universidade Politécnica de Valencia, Universidade Politécnica de Madrid, Neiker de Vitoria-Gasteiz e Laboratorio de Sanidade Vexetal de Asturias.
Para máis información sobre as xornadas do congreso ou para descargar o libro de resumos, pode accederse á seguinte ligazón: https://vlcsef2022.com/