A Estación Fitopatolóxica Areeiro (EFA) participou no 25.º Salón Internacional de Turismo Gastronómico en Expourense
Presentaron a marca TéAreeiro no posto de Turismo da Deputación de Pontevedra
Do 24 ao 27 de outubro celebrouse en Ourense, no recinto Expourense, Xantar, 25.º Salón Internacional de Turismo Gastronómico, onde a Deputación de Pontevedra estivo presente a través do Servizo de Turismo. O día 24, durante a inauguración do salón, no posto da Deputación o persoal da EFA presentou a marca TéAreeiro, o té verde elaborado na Finca Areeiro, que puido probarse maridado con outros produtos elaborados en Pontevedra, coma as pastas Namoreiras (de Codeseda, A Estrada) e as marmeladas Amorodo (de Soutelo de Montes, Forcarei).
Este evento defende a calidade da gastronomía e o turismo sostible e saudable fusionando tradición e innovación propia dos territorios representados a través de exhibicións, catas temáticas, cociña en directo e moitas máis iniciativas que se sucederon durante os días nos que se desenvolveu a feira.