A Estación > Novas > Detalle nova

Sinatura dun convenio de colaboración entre a Estación Fitopatolóxica Areeiro da Deputación de Pontevedra e o mosteiro de Santa María da Armenteira

02 de febreiro del 2022

O pasado 2 de febreiro asinouse un convenio de colaboración coa comunidade do mosteiro de Santa María da Armenteira (monxas cistercienses) para o estudo de novos produtos de cosmética elaborados con aceite virxe extraído por prensado en frío de sementes de camelias cultivadas en Pontevedra.

O obxecto deste convenio é estudar a rendibilidade de plantacións de camelia cultivadas en Galicia e das sementes producidas, así como a calidade do aceite virxe extraído por prensado en frío destas sementes, a conservación do aceite e dos produtos obtidos no tempo. Este proceso de extracción e análise de aceite das sementes de camelia desenvolveuse hai anos na Estación Fitopatolóxica Areeiro para o seu uso cosmético, especialmente para elaborar produtos naturais coma xabóns, xampús, cremas, bálsamos labiais etc.

Con este estudo preténdese continuar e ampliar as investigacións sobre a selección de plantas mais produtivas de sementes adecuadas as características da provincia, realizar estudos de produción de sementes e de contido en aceite, datos necesarios para coñecer a rendibilidade de futuras plantacións comerciais que permitan o aproveitamento de bosques ou parcelas sen cultivar e axudar así ao desenvolvemento das zonas rurais da provincia.