Estación Fitopatolóxica Areeiro
Localización: na parroquia de Lourizán, Pontevedra. Desde a estrada PO-546 (de Pontevedra a Marín), no km 3,9, tómase un desvío á esquerda, á subida á Carballeira, pola que se conduce durante 1 km ata atopar de fronte a entrada
Coordenadas: 42º 24' 17.19'', 8º 40' 26.54'' (42.404777, -8.674039)
Propietario: Deputación de Pontevedra. Sede da Estación Fitopatolóxica Areeiro.
E-mail: efa@depo.gal
Web: https://areeiro.depo.gal/
HISTORIA
A construción da vivenda orixinal e a distribución do terreo é anterior a 1880, cando pertencía á familia López de Castro. En 1941 a propiedade véndeselle á familia Lora Uzal e, anos despois, hérdaa o seu fillo Fernando, quen vivía fóra de Galicia e a pon á venda. En xaneiro de 1963 adquiriuna a Deputación de Pontevedra, cando era presidente Prudencio Landín. Naquel momento, aínda que terreo estaba dedicado ao cultivo de viña, froiteiras e praderías, contaba xa con zonas de xardín e descanso en varias partes.
Logo da adquisición, a Deputación establece unha explotación de cría de gando vacún e porcino, cando era xefe do Servizo Agrario Carlos Bengoechea. A explotación transfórmase e acondiciónase para establecer parcelas de pasto e elimínanse os espazos dedicados a xardín e todos os elementos de axardinamento, coma mesas de pedra, bancos e pérgolas. A finais desa etapa, comezan a plantarse cultivos experimentais de remolacha e tabaco, que a partir de 1980 se eliminan e substitúen por plantacións de aguacate e kiwi. Do deseño inicial do xardín consérvase na actualidade unha pequena zona dos últimos anos do século xix, cunha pérgola e cunha mesa de pedra da época e diversos elementos de pedra distribuídos pola leira, que se van recuperando e restaurando a partir de 1984, cando esta deixa de destinarse a gandería.
En 1981 nace a Estación Fitopatolóxica Areeiro (EFA), respondendo ao afán do organismo provincial por cubrir o baleiro existente en materia de asesoramento directo ás e aos agricultores, concretamente no relativo á sanidade dos seus cultivos. Coa súa posta en funcionamento preténdese dotar a provincia dun centro especializado no estudo e no diagnóstico de pragas, sobre todo daquelas que apareceron recentemente na provincia. Desde este centro proporciónaselles información ás e aos agricultores sobre as medidas que deben tomar ante a súa presenza e como controlalas.
A EFA comeza a súa andaina da man dos enxeñeiros Pedro Mansilla, Juan Rubio e Francisco Fernández de Ana Magán. Durante os primeiros catro anos, continúase de maneira simultánea coa actividade gandeira, e dedícanse grandes esforzos a identificar e diagnosticar insectos e enfermidades causadas por fungos, e comezan a publicarse os boletíns fitosanitarios como medio para difundir a información sobre os axentes fitopatóxenos e o modo de controlalos.
A partir de 1984, coa incorporación de novo persoal técnico, increméntase o abano de obxectivos e créase unha área dedicada ao asesoramento de cultivos froiteiros e ornamentais. En 1986 amplíase o diagnóstico en materia de fitopatoloxía coa análise e co asesoramento de enfermidades producidas por bacterias e nematodos. Nestes anos comezan a substituírse as praderías por parcelas de cultivos alternativos de froiteiras e ornamentais, e deséñanse as primeiras áreas axardinadas acordes co novo uso da propiedade, coma os camiños interiores e os accesos aos diferentes edificios.
Nos primeiros anos, a Unidade de Fruticultura e Ornamentais traballa na recuperación de froiteiras de cultivares galegos (froiteiras de óso e de pebida), coa finalidade de crear un banco de xermoplasma de variedades da provincia no castelo de Soutomaior, e na realización de estudos de aclimatación e cultivo para introducir novas especies e variedades froiteiras aptas para a provincia.
En canto ás plantas ornamentais, comézanse a estudar os xardíns da provincia seguindo un protocolo de recompilación de datos que incluía a identificación botánica dos exemplares de cada zona verde, así como os datos culturais e históricos de cada xardín e fotografías, coa finalidade de establecer unha ruta turística, mostrar o noso magnífico patrimonio botánico e mellorar a economía da provincia. Estes primeiros anos coinciden coa adquisición do castelo de Soutomaior por parte da Deputación de Pontevedra e desde a EFA colabórase intensamente nos traballos de restauración do xardín, e establécese a plantación de variedades antigas de froiteiras e a colección de camelias da Deputación.
En 1988 inaugúrase o laboratorio de edafoloxía, cuxo obxectivo é analizar os solos de agricultoras, agricultores e servizos oficiais. Partindo da interpretación destas análises, aconsellábanse as correccións pertinentes e os fertilizantes óptimos para os diferentes cultivos. En 1993 créase o primeiro laboratorio de loita biolóxica de Galicia, onde se poñen a punto métodos de cría artificial de artrópodos beneficiosos de interese agrícola e forestal. Na EFA críanse masivamente algúns destes auxiliares e trátanse de optimizar as técnicas de protección fitosanitaria dalgúns dos patóxenos e pragas que afectan os cultivos de maior importancia na rexión.
A creación do laboratorio de bioloxía molecular no ano 2000 responde ao desenvolvemento e á implantación das técnicas moleculares na investigación aplicada e científica no sector da fitopatoloxía. Nace coa finalidade de mellorar e complementar a detección e a identificación de organismos responsables de pragas, e de identificar cultivares vexetais mediante a aplicación de técnicas baseadas no estudo dos ácidos nucleicos (ADN e ARN) en especies agrícolas, ornamentais e forestais.
En 2006 a EFA desvincúlase do Servizo Agrario e empeza como unha nova unidade de xestión dentro do organigrama da Deputación, con Pedro Mansilla Vázquez como primeiro director. Nese mesmo ano, cando era presidente Rafael Louzán, múdase a localización dos laboratorios de edafoloxía, fruticultura e ornamentais, que pasan a ocupar un edificio modular disposto na parte baixa da propiedade (edificio que foi a primeira sede da Escola de Belas Artes de Pontevedra).
Desde o 16 de abril de 2007 a EFA é unha unidade asociada á Misión Biolóxica de Galicia, do Consello Superior de Investigacións Científicas. Esta unión permitiu que estes dos centros de investigación da provincia xuntasen esforzos.
O 15 de abril de 2018 xubílase Pedro Mansilla Vázquez e toma o relevo Carmen Salinero Corral, vinculada tamén á EFA desde a súa creación.
O equipo de investigación da EFA estuda as características de moitas das especies presentes nos nosos xardíns e a súa adaptación á nosa área, para mellorar os métodos de cultivo, e tamén para coñecer e controlar os seus problemas fitosanitarios e así protexer o patrimonio vexetal da provincia.
Areeiro, como institución pública, ten a obriga de proxectar e avaliar o seu traballo seguindo, a escala provincial e local, os 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) que a ONU expón a nivel mundial e que foron aceptados como guía no deseño e na implementación de políticas públicas para todos os gobernos dirixidas a acadar un planeta máis saudable para todas as persoas. Neste caso, séguense as premisas de seis dos obxectivos, con diferente grao de incidencia segundo a tarefa que se desenvolva.
As tarefas de investigación, conservación de biodiversidade e mantemento das coleccións científicas vexetais fortalecen os ODS 15 (Vida de ecosistemas terrestres), 13 (Acción polo clima) e 11 (Cidades e comunidades sostibles). As tarefas de ensino realizadas no ámbito da divulgación para nenas, nenos e adultos apuntan a soster o ODS 2 (Fame cero), ao transmitir a maneira de cultivar os alimentos e dar a coñecer contidos nutricionais e as vantaxes dunha alimentación sa. A participación en congresos nacionais e internacionais das nosas técnicas e técnicos e todas as actividades educativas deseñadas para os diferentes niveis de aprendizaxe (inicial, primario, secundario e universitario) responden ao ODS 4 (Educación de calidade).
Finalmente, a nosa tarefa desenvólvese a partir de alianzas que nos permiten aprender máis e obter fondos para as tarefas de investigación, en cooperación con organismos nacionais e internacionais, tanto no ámbito público coma no privado. Esta forma de xestión reforza o ODS 17 (Alianzas para lograr os obxectivos).
A grandes liñas, na actualidade a EFA organízase en catro seccións: Fitopatoloxía (fungos, bacterias, artrópodos, virus e nematodos), Edafoloxía, Fruticultura e Ornamentais, e Bioloxía Molecular. Na actualidade, as súas unidades correspondentes efectúan labores de diagnóstico, de investigación/experimentación, e de divulgación e asesoramento nas súas respectivas áreas. Desenvolven os seus traballos non só no ámbito provincial, senón tamén noutras zonas de Galicia, de España e mesmo doutros países de Europa, ben sexa por iniciativa propia ou a través de diferentes acordos, convenios ou proxectos de investigación subscritos con institucións ou organismos diversos.
UN PASEO POLO XARDÍN
A Finca Areeiro ocupa na actualidade unha superficie de seis hectáreas, nas que atopamos os edificios dedicados ás distintas áreas de traballo, as parcelas con plantacións de distintos cultivos, a horta e as zonas axardinadas. As plantacións comparten espazo con invernadoiros e umbráculos, espazos dedicados á propagación e ao cultivo de especies hortícolas, forestais e ornamentais, o que permite dispoñer de plantas para realizar ensaios, executar proxectos de investigación, manter coleccións provinciais, e facer doazóns a concellos e a outros organismos públicos.
O acceso á leira, na zona baixa da propiedade, discorre por un camiño axardinado a ambos os dous lados con camelias de distintas variedades e especies, e con altos exemplares de cedro (Cedrus atlantica), ciprés (Cupressus macrocarpa), pacana (Carya illinoinensis), liquidámbar (Liquidambar styraciflua) e chopo (Populus x generosa), entre outros. Están tamén na marxe do camiño unha fonte de 1880, enmarcada por un exemplar de camelia (Camellia reticulata ‘Royalty') con vistosas flores vermellas de gran tamaño, un lavadoiro de pedra, recentemente restaurado e custodiado por unha fermosa nogueira (Juglans regia) de gran porte, e un invernadoiro de cristal. O sendeiro leva a un cruzamento de camiños e, a modo de rotonda, no medio deste, atópase o toco, colocado como elemento decorativo, do que noutrora foi un grande exemplar de ciprés procedente do pazo Besada, situado en Poio, ao outro lado da ría de Pontevedra.
O camiño da esquerda conduce ás edificacións e ás zonas axardinadas máis antigas e á dereita atópanse as edificacións e instalacións agrícolas máis recentes (os laboratorios de edafoloxía, fruticultura e ornamentais). Á dereita está tamén a horta, plantacións de froiteiras e distintas áreas dedicadas á colección de camelias. Na parte central do terreo sitúanse as edificacións máis antigas, que hoxe en día albergan os laboratorios de fitopatoloxía e bioloxía molecular, o xardín creado no século xix, e plantacións de camelia de distintas especies e variedades, kiwi (Actinidia deliciosa) e kiwiño (Actinidia arguta), ademais da primeira plantación experimental de plantas de té (Camellia sinensis) de Galicia.
Do xardín do século xix, situado nunha terraza á que se accedía directamente desde o salón da casa orixinal ou por unha vistosa escaleira de pedra, consérvase unha pérgola de ferro forxado, que comparte espazo con catro magnolias (Magnolia grandiflora), unha camelia (Camellia japonica) de bo porte, con flores rosas de tipo Oranda-kô e dúas aceroleiras (Crataegus azarolus) tamén plantadas nesa época. Desde este xardín accédese atravesando unha sebe alta de buxos á zona de bosque, na que actualmente se conservan algúns piñeiros (Pinus radiata e P. pinaster).
Na parte frontal da casa principal consérvase un xardín francés, que consta de dous parterres bordeados por sebes de buxo (Buxus sempervirens), no que se atopan tres exemplares dos cultivares de magnolia ‘Vulcan', ‘Butterflies' e ‘Athene', fentos arbóreos (Sphaeropteris cooperi) e unha sebe de camelias híbridas.
Desde a casa principal pódese acceder á parte inferior do terreo baixando por unhas escaleiras que constitúen un dos recunchos máis fermosos, xa que discorre entre fentos arbóreos que lle dan a esa contorna a doutra época.
A parte alta divídese en tres áreas dispostas en terrazas. Na superior hai unha plantación experimental de viña albariña; na media, unha plantación de nogueiras (Juglans regia), que comparte espazo cun viveiro forestal. Na parte baixa, dividida por unha pantalla de cipreses de Lawson (Chamaecyparis lawsoniana) e de falsos cipreses Sawara (Chamaecyparis pisifera ‘Squarrosa'), atópanse sete exemplares da antiga plantación de aguacates (Persea americana), reconvertida desde 2010 en xardín, que cohabitan con exemplares de interese ornamental coma Grevillea robusta, ombús (Phytolacca dioica), xacarandás (Jacaranda mimosifolia), cipreses dos illós (Taxodium distichum), unha árbore de Xúpiter (Lagerstroemia subcostata) e unha recente colección de cítricos. Aínda que este xardín contén os exemplares máis novos, debido á variedade de especies que crecen nel e ao seu deseño, converterase en poucos anos nun espazo cun importante valor paisaxístico.
No mesmo espazo crece unha colección de camelias procedentes de distintos países, das que destacan as camelias Higo, de gran valor pola súa conexión cos emperadores e samurais xaponeses, cedida na súa maioría en 2010 por Franco Ghirardi (coleccionista italiano que conseguiu reunila ao longo de moitos anos e de múltiples viaxes ao Xapón).
Nesta zona xorde un manancial que discorre canalizado, que pasa por baixo dunha pequena ponte de pedra, ata chegar a un estanque, no que poden verse plantas acuáticas coma papiros (Cyperus papyrus) e nenúfares. Posteriormente entérrase canalizado por un túnel de laxas de granito ata saír na antiga fonte da entrada.
PUNTOS DE INTERESE
*ELEMENTOS ARQUITECTÓNICOS
Un hórreo de oito pés, un lavadoiro e unha fonte coa inscrición "1880", todos eles de granito, datan do século xix e na actualidade están restaurados.
*XARDÍN DO SÉCULO XIX
Na terraza anexa á casa principal atópase unha fermosa pérgola con estrutura de ferro forxado típica do século xix (cuberta na actualidade con exemplares de Camellia sasanqua cunha mesa octogonal de pedra situada no interior. Comparte espazo con catro magnolias (Magnolia grandiflora), dúas aceroleiras (Crataegus azarolus) e unha camelia (Camellia japonica) de flores cor rosa tipo Oranda-kô. Todos os exemplares son de avanzada idade e presentan un bo porte.
*ACEROLEIRAS (Crataegus azarolus)
As aceroleiras que crecen no xardín antigo, e outro exemplar da mesma especie que se atopa na entrada da propiedade, xunto a unha plantación de abeleiras (Corylus abela), considéranse as de maior porte de Galicia, cunha altura de dez metros e cun metro de perímetro normal; estes exemplares alcanzan entre os sesenta e os oitenta anos de idade.
*COLECCIÓN DE CAMELIAS
Establecida en Pontevedra desde hai máis de dous séculos, a camelia é unha especie presente en todos os xardíns da provincia e, sen dúbida, un dos seus maiores valores; a gran cantidade de camelias que crece tanto en xardíns públicos coma privados, hortas e leiras constitúe unha inmensa colección de gran valor botánico e cultural.
Desde o outono ata pouco antes do verán destaca pola súa floración a colección de especies e cultivares de camelias de Areeiro, con máis de 80 especies e preto de 1.300 cultivares, que poden contemplarse ao longo do percorrido pola propiedade.
*PLANTACIÓN DE TÉ
En 2005 iníciase a plantación experimental de plantas de té (Camellia sinensis) formada por 112 clons, que ocupan unha superficie de 450 m2, co fin de avaliar o potencial de produción dos distintos clons e seleccionar aqueles con maior capacidade produtiva e mellor adaptación ás condicións edafoclimáticas da zona.
Tras máis de quince anos de traballo e varias plantacións experimentais de clons de Camellia sinensis, seleccionáronse os mellor adaptados e máis produtivos para a nosa provincia co fin de obter o mellor té de Pontevedra. Ata ao de agora, as colleitas indicaron bos resultados e obtívose un té con características con identidade propia e singularidade. Os estudos están orientados a promover o seu cultivo, para a produción de diferentes tipos de té de alta calidade, e asesorar no establecemento de futuras plantacións comerciais na nosa comunidade.
*PLANTACIÓN DE CAMELIAS PARA OBTER ACEITE
Na parte inferior do terreo estableceuse unha plantación de potenciais especies produtoras de aceite.
O aceite de camelia, obtido mediante prensado en frío das sementes dalgunhas das súas especies (principalmente C. japonica, C. sasanqua e C. oleifera) utilízase en Asia desde hai séculos en alimentación e cosmética. Este aceite virxe presenta beneficios para a pel, o pelo e as uñas e é moi hidratante; ademais, ten un efecto cicatrizante e bactericida, entre outros. A súa composición e as súas características analízanse na EFA, e trabállase na creación dun sector industrial baseado en produtos de camelia
*COLECCIÓN DE FROITEIRAS
Ademais, mantense unha pequena colección de especies aromáticas con fins educativos e para darlle aroma e sabor ao té producido no centro.
CATÁLOGO BOTÁNICO
- Acacia floribunda (Vent.) Willd.
- Albizia julibrissin Durazz.
- Banksia integrifolia L.f.
- Callistemon pinifolius (J.C.Wendl.) Sweet
- Calocedrus decurrens (Torr.) Florin
- Carya illinoinensis (Wangeh.) K. Koch
- Cedrus atlantica (D. Don) G. Don.
- Cedrus deodara G. Don
- Cedrus libani A. Rich.
- Chamaecyparis lawsoniana (Murr.) Parl.
- Cinnamomum camphora (L.) Siebold
- Cordyline australis (G.Forst.) Endl.
- Cornus capitata Wall.
- Cryptomeria japonica D. Don
- Cupressus sempervirens Grupo Stricta
- Dicksonia antartica Labill.
- Elaeagnus umbellata Thunb.
- Erythrina crista galli L.
- Fagus sylvatica L. Grupo Purpurea
- Fraxinus excelsior L.
- Ginkgo biloba L.
- Grevillea robusta A. Cunn. ex R. Br.
- Jacaranda mimosifolia D.Don
- Lagerstroemia indica L.
- Liquidambar styraciflua L.
- Magnolia grandiflora L.
- Magnolia tripetala (L.) L.
- Melaleuca armillaris (Sol. Ex Gaertn.) Sm.
- Metasequoia glybtostroboides Hu & W. C. Cheng
- Myoporum laetum R.Br.
- Persea americana Mill.
- Pinus pinea L.
- Pinus radiata D. Don
- Pittosporum undulatum Vent.
- Platanus x acerifolia Brot.
- Podocarpus macrophyllus (Thunb.) Sweet
- Populus x generosa A. Henry
- Prunus serotina Ehrh.
- Pseudotsuga menziesii (Mirb.) Franco
- Quercus acutissima Carruth.
- Quercus glauca Thunb.
- Quercus ilex L.
- Quercus robur L.
- Quercus rubra L.
- Sphaeropteris cooperi (F. Muell.) R.M. Tryo
- Taxodium distichum (L.) Rich.
- Taxus baccata L.
- Thuja plicata D.Don.
- Thujopsis dolabrata (Thunb.ex L.f.) Siebold & Zucc.
- Tipuana tipu (Benth.) Kuntze
