A Estación > Novas > Detalle nova

Areeiro alerta da necesidade de tratar os viñedos no sur da provincia para evitar a expansión da flavescencia dourada

O centro dependente da Deputación acaba de detectar por vez primeira este ano o fitoplasma causante da enfermidade no interior dun insecto capturado na comarca da Paradanta

18 de xullo del 2023
flavescencia dourada

 

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA) da Deputación de Pontevedra alerta da necesidade de tratar os viñedos do sur da provincia para evitar a expansión da flavescencia dourada. Se ben o persoal do centro xa vén notificando nos seus Avisos Fitosanitarios semanais da importancia de iniciar tratamentos insecticidas para controlar o vector da enfermidade, o cidadelido Scaphoideus titanus, a situación actual é aínda máis preocupante, ao detectarse por vez primeira este ano o fitoplasma causante da enfermidade no interior dun insecto capturado na comarca da Paradanta.

Desde Areeiro insisten na importancia de aplicar os tratamentos naqueles lugares nos que non se realizara ou nos que se capturen exemplares do cicadelido. Ademais, recalcan a importancia de facelo coas materias activas autorizadas polo Ministerio de Agricultura (que poden ser consultadas neste enlace) e lembran que son obrigatorias nas zonas indicadas pola Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia nunha resolución do pasado 20 de xaneiro de 2023, que inclúen zonas dos concellos de Crecente, Arbo e As Neves.

Cabe lembrar que esta grave enfermidade, que pode provocar a morte das plantas, xa vén sendo obxecto de plans de detección precoz desde hai moitos anos. Especialmente desde 2007, cando a Estación Fitopatolóxica de Areeiro detectou por vez primeira o insecto nun predio da comarca da Paradanta. Desde entón, na EFA estase colaborando nos programas implantados ao abeiro do "Plan de Continxencia da Flavescencia Dourada da vide" do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, mediante a realización de aspiracións de insectos, recontos de individuos nas follas das viñas, instalación de trampas para a captura de adultos e análises en laboratorio para a determinación do S. titanus, evitando a confusión con outros cicadelidos ou insectos. Tamén realizando analíticas para detectar a enfermidade da flavescencia no interior do insecto transmisor, non só a partir de fragmentos do cidadelido senón tamén de mostras vexetais, neste caso mediante análises moleculares.

flavescencia dourada