A estación > Novas > Detalle nova

Publisher Do Recurso

A Deputación doa especies vexetais da Estación Fitopatolóxica Areeiro para enriquecer os xardíns públicos da provincia

Os concellos e colectivos interesados poden realizar xa as súas peticións e elixir entre máis de 90 especies. O prazo abre hoxe, 28 de marzo, e permanecerá aberto ata finais de 2023

28 de marzo del 2023

A Deputación de Pontevedra doará especies vexetais da Estación Fitopatolóxica Areeiro (EFA) para que concellos, centros educativos, entidades, institucións e particulares poidan enriquecer a súa diversidade botánica e o patrimonio vexetal dos seus parques e xardíns, cos seus consecuentes beneficios para a cidadanía e o medio, e preservar os valores ambientais, amais de reforzar o carácter educativo e turístico dos espazos verdes da provincia. O prazo para solicitalas está aberto desde hoxe, 28 de marzo, e este ano os concellos e colectivos interesados poden elixir entre as máis de 90 especies que se ofertan ata finais de 2023.

As plantas que poden solicitarse son excedentes que se cultivan no viveiro da EFA, cuxo obxectivo é propagar especies vexetais, tanto ornamentais coma forestais e froiteiras, para levar a cabo diferentes estudos de cultivos, patóxenos ou pragas, así como conservar a diversidade vexetal da provincia. Este ano poden solicitarse 94 especies e cultivares, entre os que se atopan acivros, feixoas, piñeiros, magnolios, nogueiras, hortensias, roseiras, salgueiros, bidueiros, gardenias ou cipreses, ademais de diferentes especies de camelias, entre outras.

As entidades, concellos, centros educativos, institucións ou asociacións con xardíns abertos ao público que teñan interese nalgunha destas especies poden solicitar ata 35 exemplares diferentes. Poderán facelo ata finais de 2023 de maneira telemática a través da Sede electrónica da Deputación, se ben as persoas físicas tamén o poderán facer de forma presencial. A doazón está condicionada á presentación dunha memoria xustificativa, que debe incluír un esbozo (plano sinxelo) do lugar no que se localizará cada un dos exemplares, unha descrición do lugar escollido e fotografías da zona ou zonas onde se van plantar, para que a EFA poida determinar se as especies que se solicitan son adecuadas para a zona de cultivo. No caso de que considere que non, poderá suxerirlle á entidade interesada outras máis adecuadas.

Máis información