A estación > Novas > Detalle nova

Agrégateur de contenus

AREEIRO INCLÚE CINCO NOVAS CEPAS DE PATÓXENOS NA COLECCIÓN ESPAÑOLA DE CULTIVOS TIPO

24 de agosto del 2022

No que vai de ano, e como consecuencia dos traballos desenvoltos nos laboratorios de diagnóstico vexetal, a Estación Fitopatolóxica Areeiro incluíu cinco cepas en depósito público na Colección Española de Cultivos Tipo (CECT). Trátase de dúas cepas do fungo Gnomoniopsis smithogilvyi, que lle afecta á castaña e que foi recentemente detectada en Galicia, dúas cepas de Phytophthora gonapodyides e unha de Phytophthora lacustris. As cepas, depositadas na modalidade de depósito público, están dispoñibles para a comunidade científica nacional e internacional, incluíndo entidades públicas e privadas.

A Colección Española de Cultivos Tipo (CECT) é o único Centro de Recursos Microbianos (mBRC) público en España e actúa como depositario e provedor de bacterias, arqueas, fermentos e fungos filamentosos. Aspira a actuar como interface conectando España coas iniciativas internacionais en conservación e explotación de recursos microbianos para incrementar a competitividade europea en biotecnoloxía. Tamén é Autoridade Internacional de Depósito de Microorganismos para fins de patente, segundo o tratado de Budapest.

A CECT traballa en conformidade cos estándares internacionais de calidade seguindo as recomendacións establecidas para os BRC pola Organización para a Cooperación Económica e o Desenvolvemento (OCED), vixiando o cumprimento da normativa en materia de bioseguridade (grupos de risco, fitopatóxenos, armas biolóxicas, transporte de substancias perigosas e organismos modificados xeneticamente), a validación de métodos e procedementos para o manexo dos microorganismos ou a xestión e almacenamento dos datos, entre outros. Ademais, fomenta o uso legal dos microorganismos cumprindo cos obxectivos do Convenio da Diversidade Biolóxica (CBD) e do Protocolo de Nagoya. Neste sentido, proporciona a información necesaria para que as súas usuarias e usuarios actúen de acordo coas provisións sobre acceso e repartición de beneficios dos países de orixe.

Para garantir un servizo de calidade, a CECT integra os requisitos da norma ISO 9001 e na actualidade está certificada co alcance "Depósito, preparación e distribución de microorganismos: bacterias, arqueas, fermentos, fungos filamentosos e virus. Servizos de identificación, caracterización e conservación de microorganismos". Así, a CECT proporciona produtos e servizos acordes ás necesidades da comunidade científica e do sector empresarial, como a subministración de cepas de referencia puras, viables e auténticas, e a oferta de servizos avanzados de conservación e caracterización de material biolóxico. Ademais, a CECT comprométese a unha mellora continua do sistema de calidade seguindo o ciclo de Deming para a xestión da organización (Planificar, Facer, Verificar e Actuar).

A misión da CECT é prover de material microbiolóxico de referencia e datos asociados; ofrecer servizos relacionados coa conservación, identificación e caracterización de microorganismos; ofrecer formación, consultoría e consello en todos os aspectos relacionados co manexo e co uso de recursos microbianos, incluíndo aspectos legais; realizar I+D cos recursos microbianos ou manter altos niveis de funcionamento seguindo estándares e recomendacións internacionais.

A CECT está situada nas instalacións de alta calidade no Parque Científico da Universidade de Valencia e participa activamente en iniciativas europeas e internacionais traballando xunto con outros CRB para compartir boas prácticas e experiencia co fin de satisfacer a demanda das comunidades académicas e industriais.
(https://www.uv.es/cect).

 

certificados