A Estación > Novas > Detalle nova

A Estación Fitopatolóxica Areeiro participa no XX Congreso da Sociedade Española de Fitopatoloxía

11 de novembro del 2022

Do 24 ao 27 outubro, en sesións de mañá e tarde, tivo lugar no campus principal da Universidade Politécnica de Valencia o XX Congreso da Sociedade Española de Fitopatoloxía (SEF).

A SEF é unha asociación que conta con máis de 500 socios que traballan no campo da patoloxía vexetal e que ten como principais obxectivos fomentar, facilitar e difundir traballos nos diferentes aspectos da fitopatoloxía. Os seus congresos, que se realizan cada dous anos, constitúen un dos lugares máis importantes de intercambio de coñecemento, experiencias e tecnoloxías xerados no estudo das enfermidades das plantas en España.

Para a EFA, como centro fitopatolóxico, este evento constitúe unha cita de referencia para dar difusión ou divulgar as actividades que realiza e para establecer canles de colaboración con outras expertas e expertos nacionais e internacionais dentro do noso ámbito de traballo.

O congreso constituíu un lugar de encontro entre persoal científico e profesional que se estruturou en sesións que abarcaron diferentes liñas fundamentais dentro da fitopatoloxía (control, resistencia a enfermidades, manexo integrado, detección e diagnóstico, epidemioloxía, interacción planta-patóxeno, manexo de enfermidades na era xenómica, enfermidades emerxentes etc.) desde un punto de vista multidisciplinar, nas que se incluíron abordaxes agronómicas, moleculares, celulares e bioquímicas, entre outras. Alén de persoal experto a nivel estatal, asistiron relatoras e relatores de recoñecido prestixio internacional, novas e novos fitopatólogos e presentáronse máis de 60 comunicacións orais e 250 pósteres.

En representación da EFA asistiron Pilar Piñón e Cristina Rial, técnicas superiores do centro, especializadas na detección e identificación de organismos patóxenos.

Neste evento, a EFA presentou seis traballos en formato póster titulados:

Para máis información sobre as xornadas do congreso ou para descargar o libro de resumos, pode accederse á seguinte ligazón: https://vlcsef2022.com/