A Estación > Novas > Detalle nova

A Deputación lanza a "Ruta da Ciencia Areeiro" tras a consecución da EFA do selo OBSERVER de turismo científico

22 de novembro del 2021

Visita Areeiro

A Deputación de Pontevedra lanza hoxe  a "Ruta da Ciencia Areeiro", un proxecto piloto de turismo científico que ten como obxectivo achegar os valores medioambientais e científicos á cidadanía así como poñer en valor o patrimonio vexetal existente na Estación Fitopatolóxica de Areeiro. A presidenta provincial, Carmela Silva, supervisou hoxe o percorrido que terán estas visitas guiadas coas que ademais a EFA logra o selo OBSERVER de turismo científico, un certificado que tamén ten o Castelo de Soutomaior.

"Con este selo xa somos unha provincia de ciencia certificada e a finca do Areeiro vai ter moitísima presencia e recoñecemento". Deste xeito, o título vai a permitir algo "fundamental" como é "dar a coñecer a EFA moito máis e facelo cara o público xeral para que a sociedade tome conciencia da importancia de manter a biodiversidade". Neste senso a presidenta puxo o aceno na relevancia de que "pasen moitas familias, moitas nenas e nenos que esperten o amor polo coñecemento vinculado á natureza así como pola súa preservación". Ademais do público xeral, tamén poderán realizar os percorridos persoal do eido científico, para quen se realizará un itinerario máis específico.

Na súa visita á Estación Carmela Silva puxo en valor o traballo que se realiza no centro, que é "unha gran referencia nacional e internacional", e destacou que ao longo da súa historia converteuse en "imprescindible para o sector privado", amais de facer fincapé na "importancia da ciencia e a investigación e de recuperar o amor pola natureza, por coidala, e que todo isto se faga dende o coñecemento científico".  

Estarán conducidas por un ou unha guía que amosará ás persoas asistentes os distintos lugares da Estación como o Xardín Pedro Mansilla, o Insectario ou o xardín das aromáticas.  Deste xeito, a "Ruta da Ciencia Areeiro" versará sobre a investigación botánica en Galicia, a camelia -unha flor que ten usos alén do ornamental como a extracción de aceite das súas sementes- ou a relación entre a tecnoloxía e os cultivos de árbores froiteiras. Tamén se falará das plantacións de té -a segunda bebida máis consumida do mundo despois da auga-, as feixoas, os fentos ou as plantas aromáticas, coas que se fará unha pequena actividade na horta.

As mulleres na ciencia

Na súa visita á Estación Carmela Silva fixo un recoñecemento ás mulleres que traballan no eido científico. Deixou claro que "as mulleres somos as garantes da vida, non soamente nos dedicamos a coidar aos nenos e nenas e ás persoas maiores ou dependentes senón que tamén nos dedicamos a coidar do planeta". Ademais, lembrou a presidenta, "nas carreiras que teñen que ver coa bioloxía ou o medio ambiente matricúlanse maioritariamente mulleres porque a nós preocúpanos todo o que ten que ver coa diversidade".

Carmela Silva fixo tamén un recoñecemento especial a Carmen Salinero, xefa do servizo da EFA e "nai das camelias en Galicia e en toda España", e lembrou que na primavera plantarase unha camelia co seu nome no Xardín do Castelo de Soutomior. "Será unha homenaxe a Carmen e a todas vós -referíndose ás traballadoras da Estación presentes no acto- porque o voso traballo é imprescindible, moito máis que outros, tal e como nos amosou a Covid-19".