O deputado provincial Javier Tourís recibe en Areeiro un grupo de alumnos do Ciclo Medio de Aproveitamento e Conservación do Medio Natural do CFEA de Lourizán
O deputado provincial de Acción Comunitaria, Equipamentos Públicos e da Finca Areeiro, Javier Tourís, recibiu nas instalacións da Estación Fitopatolóxica do Areeiro un grupo de alumnos do primeiro curso do Ciclo Medio de Aproveitamento e Conservación do Medio Natural do CFEA de Lourizán (Pontevedra). Na visita, Tourís puxo en valor o traballo que se está a desenvolver neste "centro de investigación punteiro da Deputación de Pontevedra que poñemos á disposición de todas as persoas que traballan nos sectores agrícola, forestal e natural da nosa provincia".
Deste xeito, o deputado provincial recordou que o persoal técnico de Areeiro traballa, entre outras cuestións, para recoñecer pragas e enfermidades dos cultivos e facilitar a execución de medidas para combater as doenzas que afectan ás especies vexetais. Ademais, o deputado delegado do centro investigador aproveitou para poñer en valor o recente nomeamento dos seus xardíns como un dos puntos que integran a Ruta dos Xardíns da Camelia promovida pola Xunta de Galicia.