La Estación > Noticias > Detalle noticia

O deputado Javier Tourís recibe na Finca Areeiro ao colectivo de Mulleres Rurais de Salceda de Caselas que realiza o curso TéAreeiro

24 de abril del 2024
O deputado Javier Tourís na Finca Areeiro

 

O deputado delegado da Estación Fitopatolóxica de Areeiro, Javier Tourís, recibiu hoxe ás mulleres da Asociación de Mulleres Rurais de Salceda de Caselas que están a desenvolver o curso TéAreeiro, no que coñeceron o produto, aprenderon a realizar a elaboración previa e a facer a súa propia colleita. Tourís explicou que, ao lanzar o distintivo TéAreeiro, o obxectivo da Deputación de Pontevedra era "impulsar o té verde de camelia, convertelo nun referente internacional  e nunha infusión 100% Rías Baixas". E, para conseguilo, puxéronse en marcha cursos como o que desenvolveu esta asociación da provincia "para dar a coñecer as pautas necesarias para facer té de autor e, con elo,  espallar cada vez máis esta marca".

O deputado provincial lembrou que a camelia "é un símbolo desta provincia,  un revulsivo turístico" e que a Deputación, a través de Areeiro, "leva máis de 20 anos estudando, seleccionado e propagando clons de camellia sinensis, da que se obtén o té, para desenvolver este proxecto. Porque cremos que cultivar e fabricar té en Pontevedra é unha magnífica oportunidade de desenvolvemento económico e de impulso do rural".