La Estación > Noticias > Detalle noticia

Luis López destaca o atractivo da camelia, unha flor "100 % Rías Baixas". para desestacionalizar o turismo na provincia

O presidente provincial participou este sábado na praza da Peixería na apertura dun concurso que premiará as mellores flores e produtores e produtoras de Galicia e norte de Portugal

02 de marzo del 2024
Luis López en el certame da camelia de Vilagarcía

 

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, destacou o poder desestacionalizador e o atractivo turístico da camelia para As Rías Baixas na inauguración da edición número 59 do certame e exposición internacional desta flor que tivo lugar este sábado en Vilagarcía de Arousa, unha das tres cidades que acollen anualmente e de xeito rotativo xunto a Pontevedra e Vigo, un concurso que atrae as e os mellores produtores de Galicia e do norte de Portugal e que non recalaba na capital do Salnés desde 2019 por mor da pandemia da COVID-19. "Ademais de embelecer os nosos xardíns, enriquecer os nosos tés e sandar as nosas árbores, a camelia dinamiza o noso turismo", afirmou Luis López, quen convidou a toda a cidadanía da provincia a achegarse a Vilagarcía para contemplar a enorme variedade que existe na provincia dunha "flor 100 % Rías Baixas".

O dirixente provincial fixo fincapé na capacidade desta flor para dinamizar o turismo na provincia en temporada baixa. "Neste final de inverno, a camelia fai florecer As Rías Baixas e atrae cada ano máis amantes desta flor", destacou Luis López, quen destacou tamén o interese botánico do castelo de Soutomaior, que oferta estes días unha ruta específica polos seus xardíns centrada na camelia.

Nun acto no que participaron o alcalde e a concelleira de Cultura de Vilagarcía de Arousa, Alberto Varela e Sonia Outón, así como Carmen Salinero, presidenta da Sociedade Española da Camelia e xefa de servizo da Estación Fitopatolóxica Areeiro, organismo dependente da Deputación, Luis López definiu a camelia como "un símbolo co que nos sentimos profundamente identificados" e salientou tamén que, ademais do seu carácter ornamental, a camelia das Rías Baixas serve tamén como materia prima para a elaboración de tés ou tratamentos para previr a enfermidade dos castiñeiros.

"A camelia é nosa, é patrimonio natural da nosa provincia, unha forma de vida para moitos afeccionados e profesionais da xardinería e, en definitiva, un produto 100 % Rías Baixas", concluíu o presidente da Deputación.