INFORMACIÓN FITOSANITARIA 26 XULLO 2019

A información que aportamos nos avisos e boletíns fitosanitarios baséase no observado nas nosas parcelas de seguimento, noutras fincas que visitamos nos nosos percorridos e tamén nos datos que, ás veces, nos aportan outros técnicos e viticultores. En todo caso, SEMPRE CONVÉN CONFIRMAR A SITUACIÓN PARTICULAR DE CADA FINCA, porque pode haber diferencias mesmo locais. A nosa aportación debe ser considerada máis ben como unha referencia ou orientación, que axude a unha mellor xestión dos nosos cultivos

VIÑA

Estado fenolóxico: L (77/79 da codificación BBCH)

Este ano incorporamos á nosa rede de seguimento algunhas parcelas pertencentes á IXP Ribeiras do Morrazo. Tanto aos seus propietarios como aos das fincas do resto de comarcas (aqueles que levan con nos moitos anos e outros novos), grazas pola confianza

20190722_Empeza cambio cor nalgun gran variedade moi tempera

Nalgunhas viñas de puntos especialmente cálidos con plantas dalgunha variedade moi temperá, pódense ver de xeito moi esporádico os primeiros grans cambiando de cor. Segundo as nosas observacións este feito prodúcese aproximadamente nas mesmas datas que na campaña 2018, ou como moito unha semana antes.

Mildio

Na maioría de viñas que visitamos, e pese a ter habido varios días con condicións favorables, acios e follas están sans, só con presencia esporádica dalgunhas manchas nas zonas máis inaccesibles aos tratamentos ou dalgún gran illado con mildio larvado nalgunha finca. Tendo en conta o momento do ciclo no que nos atopamos, coas uvas xa con menor sensibilidade ao fungo, as precipitacións que se producen desde onte non deberían xerar problemas de gravidade nestas viñas.

20190722_Follas novas sen mildio en viñas con bo control20190723_Manchas de mildio incipientes

Acios sen indicios recentes de enfermidade son os que observamos no resto de viñas sometidas a tratamento pero que tiveron ataques pasados e onde si vimos na revisión desta semana manchas máis ou menos abundantes nos crecementos sen protexer. Pola súa banda, as plantas testemuña seguen respondendo á humidade ambiental coa aparición de novos síntomas, tamén nos rebuscos e pampos, e co incremento da defoliación.

20190723_Abundantes manchas nos crecementos en viñas con ataque20190716_Mildiu en pampo testemuña20190716_Aspecto parcial plantas testemuña

As previsións das diferentes axencias meteorolóxicas consultadas apuntan á persistencia de certa inestabilidade, con precipitacións que serán máis cuantiosas mañá sábado pero con elevadas probabilidades de manterse ata luns ou martes segundo os modelos. Canto ás temperaturas, as mínimas tenderán a baixar (pero manténdose compatibles cas infeccións secundarias) e as máximas estarán por debaixo de 30ºC, co que serán máis normais para as nosas latitudes que algunhas das que houbo recentemente. Polo tanto, haberá que estar pendentes da contía destas choivas por se teñen intensidade suficiente como para lavar os produtos que algúns viticultores estiveron aplicando esta semana, en especial nas viñas onde houbo o que veñen tendo problemas, pois potencialmente pode ser necesario renovar as intervencións. No resto de viñas, e como hai diversidade de situacións e de tempo transcorrido desde a última intervención, a observación periódica das plantas segue a ser necesaria para tomar a decisión adecuada, ao non estar as uvas libres de dano por non terse acadado o pintado.

Oídio

A uva non está aínda libre de danos por esta enfermidade ata o pintado e, como sabemos, as condicións baixo as que pode haber infeccións por este fungo son moi amplas (4 -40°C pero con óptimos sobre 25-30 e humidades relativas entre 40 e 100%, xunto con luz difusa). Neste momento da campaña é sen dúbida o patóxeno no que deben  centrarse as observacións, pois infeccións mal controladas non só poden dar danos directos senón tamén indirectos pola súa incidencia sobre a podre. En xeral, a situación que observamos esta semana foi moi similar á da revisión anterior: ausencia de síntomas na maioría das parcelas, ou só algún gran ou acio afectado, síntomas activos aínda pero en remisión nas viñas con danos previos, e avance, tanto na folla coma nos acios ou nos pampos, nas plantas testemuña sen tratar.

Rebusco limpo de oídio en viña con bo control20190723_Grans albariño con oídio20190723_Acios tintos con oídio

Segundo a variedade, o historial da parcela e o tipo de choiva que veña (fina –moi favorable- ou intensa –desfavorable-) a evolución da enfermidade despois deste período de precipitacións pode ser diferente, pero nas fincas que teñen danos será necesario aplicar un último tratamento, unha vez se estabilice a climatoloxía, para previr máis danos. No resto de parcelas este tratamento tamén resulta conveniente á espera de que se produza o pintado, aínda que a observación dos acios "rebuscos" libres de enfermidade farano menos necesario. Se a última intervención foi feita moi recentemente e con funxicidas sistémicos ou penetrantes, poderá obviarse a aplicación.

20190723_Bo control vexetación axuda a previr oídio e outras enfermidades

O que non se debe descoidar son as labores que favorezan a aireación e iluminación dos acios, moi importantes nun ano coma este de continuo desenvolvemento vexetativo que fai que gromos e vexetación acompañante medren de xeito significativo

Botrite

Non se observan síntomas do patóxeno en ningunha  viña, tampouco nas plantas de variedades máis sensibles, pero haberá que estar pendentes da evolución das uvas nas viñas que teñen orificios, rachos ou outros danos nos acios se as plantas se manteñen molladas durante longo tempo polas choivas que que se prevén.

La variedad Treixadura es muy sensible a botritis por las caracteristicas de sus racimosAcios de Loureira sas nestes momentos nas nosas parcelas

Black rot

Practicamente non se observan síntomas nas follas, que son os únicos órganos onde os vimos nas parcelas/plantas tratadas. Tampouco nas plantas testemuña hai indicios destacables do fungo e só son algunhas plantas abandonadas onde os acios amosan síntomas. O risco polo tanto é moi baixo, aínda coas condicións máis favorables de elevada humidade destes días.

20190722_Black rot acio planta abandonada Condado20190722_Vista acios con black rot planta abandonada

Couzas do acio (Lobesia botrana, Eupoecilia ambiguella)

Do mesmo xeito que en semanas anteriores temos que falar dunha situación de poucas ou nulas capturas nas trampas da nosa rede de seguimento e tamén de postas moi escasas, apenas atopadas en 2-3 acios por viña. Canto á presencia de penetracións, tampouco as observamos máis que puntualmente. Lembren a conveniencia de realizar estes controis aos acios antes de tomar a decisión de tratar para non aplicar insecticidas innecesariamente.

20190710_Posta de LobesiaEiruga couza acio en penetraciónLixeiro escurecemento uva que indica penetración eiruga couza

Mosquito verde e outros cicadélidos

Novamente temos que falar de capturas reducidas de  cicadélidos nas parcelas da nosa rede, onde se mantén a  dominancia de  Zygina  rhamni (que non causa danos) sobre o mosquito verde Empoasca  vitis. Tamén os controis ás follas mostran a escaseza de ninfas das dúas especies. Canto ao vector da  flavescencia dourada (Scaphoideus titanus), a semana anterior toparamos unha ninfa nunha viña de Goián pero nesta revisión non observamos ningunha, aínda que hai que manter a vixilancia, sobre todo porque acercámonos á época da campaña na que soe haber máis poboacións de cicadélidos.

Detalle de capturas de cicadélidos en trampaNinfa de Zygina rhamni en follaAdulto de cicadélido, ninfa e resto en envés folla
La sequia provoca marchitamientos marginales de las hojas 22jul15

Hai veces que se ven síntomas na viña que se asocian erroneamente a ataques de cicadélidos, e que poden ser debidos a déficits hídricos (que xa empeza a haber), a carencias nutricionais ou acidez do solo. Por iso, as trampas son un medio sinxelo, económico e fiable para coñecer realmente a incidencia destes insectos na viña e evitar así tratamentos innecesarios

Ácaros

Cada vez son máis comúns os síntomas de erinose de verán nas viñas, tanto nas variedades brancas coma nas tintas. Nalgúns casos mesmo están causando deformacións nas follas máis novas, aínda que non requiren tratamento.

20190723_Erinose veran en albariñoErinose de veran deformando folla en variedade Loureira (face)Erinose de veran deformando folla en variedade Loureira (envés)

Canto á acariose, esta semana estivemos nunha viña do Salnés coa cor bronce típica do seu ataque nos gromos novos, polo que recollemos mostra e confirmamos baixo a lupa a presencia do ácaro, nunha cantidade da orde de 60 individuos de media por folla. Sen embargo, foi a única situación onde detectamos o ácaro. Lembren que non se deben facer aplicacións indiscriminadas de acaricidas para non prexudicar aos ácaros útiles.

Cor bronce nas follas que apunta a acarioseDiferentes tonalidades bronce nos gromos por acarioseCalepitrimerus vitis 100x

Outros

Cada vez é máis frecuente observar nas viñas plantas con síntomas de patoloxías da madeira (as que xa sucumban é mellor arrincalas e destruílas canto antes para evitar a contaminación das demais), acios con síntomas de golpe de sol e tamén empezan a aparecer follas nas plantas que apuntan a estrés hídrico.

Nesta época nótanse ben plantas con enfermidades madeiraAs plantas mortas e mellor arrincalas e destruílasGolpe sol acio variedade tintaSíntomas de estres hídrico en albariño

MACEIRA

Moteado

O incremento da humidade que temos desde onte xoves, unido a unhas temperaturas que se manterán elevadas, incrementa o risco, co que é de esperar que aparezan novos síntomas, especialmente nas variedades sensibles. Polo tanto será necesario tratar cando menos naquelas plantas onde os danos afecten as mazás, tendo moi presente que debe respectarse escrupulosamente o prazo de seguridade do  funxicida que se utilice nas variedades de recolección máis temperá.

Manchas de moteado en folla maceira20190625_Sintoma e dano de moteado en maza

Couza da mazá (Cydia pomonella)

Aínda que nas nosas trampas a máxima cifra de capturas que tivemos foi un adulto, a situación noutras parcelas pode ser diferente e sabemos que esta praga pode afectar ata a colleita, polo que se recomenda manter a vixilancia das trampas (se as teñen) para tratar cando se superen os 2 adultos capturados nas trampas, e tamén vixiar os froitos, porque as penetracións non só os deprecian, senón que tamén favorecen a instalación de fungos de podremia sobre eles, polo que é conveniente retiralos.

Claro indicio de Cydia pomonella entre dúas mazásManzana con penetración larvaria y pudrición posterior

CÍTRICOS

Pulgóns e moscas brancas

É bastante xeneralizada a presenza de colonias de  pulgón e/ou de moscas brancas en moitos cítricos, polo que se observan as follas terminais enroladas e, en ocasións, elevada presenza de  melaza, que se manifesta en forma dun recubrimento branco ou brillante das follas e que pode derivar na instalación de fungos de fumagina que dificultan a fotosíntese. Nestes casos é conveniente eliminar os gromos afectados e se son moitos ou son inaccesibles, aplicar un tratamento, tendo en conta que hai que respectar obrigatoriamente o prazo de seguridade do insecticida empregado, non recollendo nunca froitos antes de que finalice.

Colonia de Toxoptera sp en poliña do limoeiroAdultos de mosca branca nun gromo e fumaxina na base

DIVERSAS ESPECIES FROITEIRAS

Drosophila suzukii, outras moscas da froita e podremias

Ameixas podres atraen moscas da froita

Moitas plantas de óso teñen froita en fase de maduración pero tamén froita sobremadura ou con danos e fungos oportunistas aínda na árbore. Esta froita, así como a que está no solo, ten que ser retirada para evitar que a que está en maduración estea afectada polas moscas da froita, que acelerarán a degradación.

DIVERSAS PLANTAS DE HORTA

Restos de colleita e pragas

Naqueles cultivos que se están levantando pola colleita, lémbrase que é fundamental eliminar todos os restos, pois coa súa eliminación redúcese o nivel dos parasitos para a campaña seguinte.

Los restos del cultivo deben eliminarseRestos de cultivo de tomate que deben eliminarse para reducir invernación de Tuta absoluta

BUXO

Cydalima perspectalis

Volvemos atopar esta semana buxos que foran tratados recentemente que aínda tiñan eirugas vivas, probablemente debido a unha inadecuada aplicación insecticida, que debe ser a elevada presión. Por outra banda, nas plantas abandonadas e nas testemuña que mantemos sen tratar atopamos, na última revisión, eirugas L5-L6, pero tamén algunhas menos evolucionadas (en torno a L2) así como algunha crisálide, o que indica un solapamento de estados de desenvolvemento e polo tanto a posibilidade de que haxa danos durante largo tempo. Polo tanto, se aínda non o fixeron, ou se facéndoo seguen a ter eirugas vivas, despois das choivas haberá que renovar os tratamentos, en especial se aplicaron un produto de contacto e nas choivas de mañá, en principio as máis cuantiosas, caen máis de 10 l/m2.

20190722_Continuan eirugas Cydalima en plantas abandonadas20190722_Sintomas actividade Cydalima en buxo abandonado20190723_Empezan as crisalides de Cydalima