- Avisos anteriores
- 2018
- 2019
- nov 29viña, froiteiras e prantas leñosas en xeral, buxo e piñeiro
- OUT 07Maceira e outras froiteiras en época de colleita, Nespereira, Cítricos, Buxo, Nogueira
- SET 18Buxo
- AGO 23Viña, Maceira, Buxo
- AGO 16Viña, Maceira, Buxo, Plátano de sombra
- AGO 09Viña, Maceira, Marmeleiro, Froiteiras, Buxo
- AGO 02Viña, Maceira, Froiteiras, Cerdeira, Buxo
- XUL 26Viña, Maceira, Cítricos, Froiteiras, Plantas de horta, Buxo
- XUL 19Viña, Maceira, Froiteiras, Plantas de horta, Buxo, Piñeiro
- XUL 12Viña, Maceira, Buxo
- XUL 05Viña, Maceira, Froiteiras de óso, Kiwi e froiteiras (de óso principalmente), Buxo
- XUÑ 28Viña, Maceira, Marmeleiro, Cítricos, Pataca, Buxo
- XUÑ 21Viña, Maceira, Pataca, Buxo
- XUÑ 14Viña, Maceira, Marmeleiro, Cítricos, Buxo, Evónimo, Salgueiros e outras árbores de ribeira
- XUÑ 07Viña, Maceira, Kiwi, Marmeleiro, Pataca, Buxo, Plátano de sombra
- MAI 31Viña, Maceira, Camelia, Buxo
- MAI 30Carballo
- MAI 24Viña, Maceira, Camelia, Buxo
- MAI 16Viña, Maceira, Kiwi, Froiteiras de óso, Cítricos, Buxo, Evónimo, Roseiras, Salgueiros e outras árbores de ribeira
- MAI 10Viña, Maceira, Marmeleiro, Kiwi, Froiteiras de óso, Varios cultivos (Froiteiras, Fresa, Outras), Pataca, Buxo, Camelia
- MAI 03Viña, Maceira, Marmeleiro, Kiwi, Froiteiras de óso, Varios cultivos (Froiteiras, Fresa, Outras), Buxo, Camelia
- ABR 26Viña, Maceira, Kiwi, Froiteiras de óso, Cítricos, Buxo, Pataca
- ABR 17Viña, Maceira, Kiwi, Froteiras de Óso, Boj, Camelia, Evónimo, Roseiras, Pataca
- MAR 28Buxo, Viña, Maceira, Kiwi, Fruteiras de oso
- MAR 22Buxo
- FEB 15Buxo, Piñeiro
INFORMACIÓN FITOSANITARIA 19 XULLO 2019
A información que aportamos nos avisos e boletíns fitosanitarios baséase no observado nas nosas parcelas de seguimento, noutras fincas que visitamos nos nosos percorridos e tamén nos datos que, ás veces, nos aportan outros técnicos e viticultores. En todo caso, SEMPRE CONVÉN CONFIRMAR A SITUACIÓN PARTICULAR DE CADA FINCA, porque pode haber diferencias mesmo locais. A nosa aportación debe ser considerada máis ben como unha referencia ou orientación, que axude a unha mellor xestión dos nosos cultivos
VIÑA
Este ano incorporamos á nosa rede de seguimento algunhas parcelas pertencentes á IXP Ribeiras do Morrazo. Tanto aos seus propietarios como aos das fincas do resto de comarcas (aqueles que levan con nos moitos anos e outros novos), grazas pola confianza
Mildio
Nesta semana as condicións meteorolóxicas foron menos favorables ao mildio pois, aínda manténdose as temperaturas nocturnas elevadas (mínimas diarias sempre superiores a 15ºC, chegando mesmo a 18-19 ou máis), a humidade non foi tan alta. Con todo, o sábado houbo tormentas por toda a provincia, pero tampouco nas estacións meteorolóxicas consultadas deixaron gran precipitación, que foi en xeral inferior a 10 l/m2 segundo os datos rexistrados.

A situación que observamos nas viñas na revisión feita esta semana foi bastante favorable canto a esta enfermidade, pero novamente temos que falar de certa variabilidade entre viñas. Así, na maioría non atopamos novos síntomas, tampouco nos novos crecementos sen protexer nin nos acios.

Noutras viñas unicamente observamos manchas illadas nalgunha folla, e restos de síntomas controlados no acio, co que a enfermidade está presente de xeito puntual.

Tamén vimos algunha finca con abundancia de manchas novas nas follas máis tenras, pero síntomas perfectamente controlados nos acios.
Finalmente, nas plantas testemuña segue a haber síntomas novos e antigos nas follas, nos pampos e nos acios, e mesmo xa hai bastante defoliación.
As previsións para os próximos días das diferentes axencias meteorolóxicas consultadas anuncian en xeral tempo seco ata metade da semana, cando aumentarán as probabilidades de precipitación, que algúns modelos dan como seguras. Polo tanto, e aínda que o risco de danos ás uvas a partir do peche non é xa tan elevado como noutros períodos, hai que ter en conta que hai mildio en período de incubación polas condicións ambientais pasadas (sen ir máis lonxe, as do sábado de tormentas), e hai que continuar mantendo un alto nivel de vixilancia, moi especialmente naquelas viñas que xa presentan danos, renovando a intervención antes da choiva se non cesa a aparición de síntomas.
Oídio
Na xeneralidade das viñas, ou non vimos síntomas (aínda que foran de variedades sensibles) ou apenas observamos algún gran moi esporádico co micelio do fungo, situación que normalmente sucedeu en áreas pouco accesibles aos tratamentos por un exceso de vexetación. Pero igualmente temos que falar de fincas nas que non se lograron frear infeccións anteriores e onde, aínda que a situación mellorou, continúan aparecendo síntomas, do mesmo xeito que nas plantas testemuña.
No primeiro tipo de parcelas, co peche do acio xa practicamente xeneralizado, a partir de agora o risco será relativamente baixo ata que a uva empece a cambiar de cor; naquelas onde aínda hai síntomas evidentes, seguirá a ser moderado ou alto. Especialmente nestas últimas, aparte de renovar os tratamentos para evitar que o fungo bloquee o crecemento da pel das uvas e produza a súa rotura, será preciso facer tamén aquelas labores culturais que favorezan a aireación e a iluminación dos acios, sobre todo naquelas viñas que teñan un exceso de vigor. Entre estas labores están as podas en verde, a eliminación dos gromos chupóns con rebuscos (moi sensibles ao oídio e fonte de novas contaminacións) e as esfollas. Pero atención: estas deben ser lixeiras e estar centradas nunha das caras do acio, concretamente na oposta á radiación solar, porque unha esfolla excesiva ou en caras incorrectas pode traer problemas de maduración ou de golpes de sol.
Botrite
Como era de esperar, aínda non hai froitos con síntomas, nin sequera nas variedades máis sensibles nin onde hai rachos ou feridas na uva. As condicións ambientais non foron favorables ao fungo e as previstas inicialmente tampouco o serán a pesar da previsión de choivas que anuncian algunhas axencias. Con todo, hai que manter a vixilancia (especialmente nas viñas con historial de danos pola podre), asegurar un bo estado sanitario canto ao oídio e non descoidar as labores culturais de esfollas para evitar posibles retencións de humidade na contorna dos acios.
Black rot
Segundo as observacións ás parcelas da nosa rede e a outras que visitamos, non houbo cambios fronte á semana anterior nas viñas tratadas e tampouco esta vez podemos falar de variación nas abandonadas con síntomas. O risco de infección diminúe ao acadarse o peche do acio, pero aínda pode haber danos nas uvas ata o pintado se as condicións son favorables. Porén, a partir das avaliacións feitas ao longo da campaña é pouco probable que se produzan.
Couzas do acio (Lobesia botrana, Eupoecilia ambiguella)
Canto a capturas nas trampas de feromona, a situación observada nas nosas parcelas de seguimento é de escasos machos de Lobesia botrana ou ningún, sendo este último caso a maioría. Tamén nesta semana, a presenza de síntomas, tanto nas parcelas da nosa rede como nas outras que visitamos, foi totalmente anecdótica.
Mosquito verde e outros cicadélidos
As capturas de adultos nas trampas mantivéronse estables (e seguen dominando os de Zygina rhamni fronte aos de Empoasca vitis). Canto aos recontos á vexetación, na revisión desta semana vimos a primeira ninfa de Scaphoideus titanus, o cicadélido vector da flavescencia dourada, nunha viña de Goián. Curiosamente, na comarca do Rosal unicamente viramos o insecto no ano 2009 e máis no 2017, sendo na do Condado onde soemos ter o cicadélido os anos nos que aparece. A detección desta ninfa obriga a incrementar a vixilancia por se aparecen novos exemplares e tamén a analizar a potencial presenza da enfermidade.
Ácaros
Na revisión desta semana notamos un lixeiro incremento na presenza de síntomas de erinose de verán, que son especialmente notorios nalgunhas viñas, aínda que afectan a plantas illadas. Canto á acariose, non observamos cambios nas plantas abandonadas da finca de Bueu onde toparamos o ácaro recentemente.
Outros
Despois do tratamento efectuado na parcela do Salnés onde detectaramos unha elevada poboación de tisanópteros (trips), as poboacións están contidas, o que confirmamos ca observación dos individuos mortos baixo a lupa.
Canto a outras incidencias, nalgunhas viñas empezan a ser visibles plantas con síntomas de alteracións da madeira e tamén os primeiros acios con golpe de sol.
MACEIRA
Moteado
En xeral non notamos avance nos síntomas naquelas plantas nas que os detectaramos, nin tampouco síntomas noutras fincas, pero tampouco o clima foi especialmente favorable ao fungo. Con todo, como sabemos pode haber danos á froita ata o momento mesmo da colleita, polo que hai que seguir coa vixilancia e, se esta non se fai, hai que manter a protección ás plantas (respectando sempre o prazo de seguridade nas variedades de colleita máis inmediata), sobre todo se a variedade é sensible a esta patoloxía.
Couza da mazá (Cydia pomonella)
Nas trampas que temos instaladas non capturamos adultos esta semana, pero sen embargo si vimos esporadicamente algunha penetración na froita. Ao igual que dixemos no moteado, o risco de ataque desta praga aos froitos continúa ata o momento da colleita, polo que hai que manter a vixilancia e, se non se fan revisións, renovar as aplicacións segundo a cadencia dos insecticidas empregados. Tamén en breve poderanse ir colocando as bandas-trampa para as eirugas hibernantes, pero aínda pode esperarse 1-2 semanas.
DIVERSAS ESPECIES FROITEIRAS
Drosophila suzukii, outras moscas da froita e podremias

Moitas plantas de óso teñen froita en fase de maduración pero tamén froita sobremadura ou con danos e fungos oportunistas aínda na árbore. Esta froita, así como a que está no solo, ten que ser retirada para evitar que a que está en maduración estea afectada polas moscas da froita, que acelerarán a degradación.
DIVERSAS PLANTAS DE HORTA
Restos de colleita e pragas
BUXO
Cydalima perspectalis
Do mesmo xeito que dixemos no boletín anterior, nas revisións desta semana topamos desde plantas nas que aínda facendo o tratamento recomendado non se logrou frear o avance da praga ata plantas ou sebes aínda sen danos polas eirugas. Dáse a circunstancia de que algunhas sebes moi próximas presentaban estas situacións extremas, o que unha vez máis redunda no fundamental que é comprobar ou verificar cada caso concreto. E lembren que os tratamentos fronte a estas eirugas deben ser aplicados con elevada presión e mollando moi ben todas as caras das follas e o conxunto da planta.