INFORMACIÓN FITOSANITARIA 02 AGOSTO 2019

A información que aportamos nos avisos e boletíns fitosanitarios baséase no observado nas nosas parcelas de seguimento, noutras fincas que visitamos nos nosos percorridos e tamén nos datos que, ás veces, nos aportan outros técnicos e viticultores. En todo caso, SEMPRE CONVÉN CONFIRMAR A SITUACIÓN PARTICULAR DE CADA FINCA, porque pode haber diferencias mesmo locais. A nosa aportación debe ser considerada máis ben como unha referencia ou orientación, que axude a unha mellor xestión dos nosos cultivos

VIÑA

Estado fenolóxico: L - (M1) [79 – (81) da codificación BBCH]

Este ano incorporamos á nosa rede de seguimento algunhas parcelas pertencentes á IXP Ribeiras do Morrazo. Tanto aos seus propietarios como aos das fincas do resto de comarcas (aqueles que levan con nos moitos anos e outros novos), grazas pola confianza

Os cambios en poucos días das condicións de temperatura e insolación que se veñen dando practicamente durante toda a campaña son unha das causas da diferencia de estado fenolóxico que se da en case todas as fincas non só entre plantas senón tamén dentro da mesma planta. Deste xeito, e aínda que nesta semana vimos máis acios con grans cambiando de cor, este é un estado que non está nin moito menos xeneralizado, e aínda o máis frecuente é o peche do acio. Loxicamente, as variedades máis temperás e as zonas máis cálidas son aquelas onde o inicio do pintado está máis estendido. Malia estas diferencias, polo menos unha grande adega xa estableceu a data límite de tratamento para algunhas viñas por esta tempada, pero non é o normal

20190729_Cambio cor variedade tempera tinta en Sanxenxo20190731_Acio albariño en viña adiantada Condado

Mildio

Na revisión que fixemos esta semana polas viñas observamos diferentes situacións, desde ausencia total de novos síntomas mesmo en parcelas tratadas hai máis de tres semanas, ata fincas con abundantes manchas novas nos gromos máis tenros e zonas de avance nas antigas, coincidindo esencialmente este caso con aquelas viñas que tiveron algún problema na campaña. Canto aos acios, en xeral non aparecen novos danos, pois a uva é menos sensible conforme se achega ao pintado.

20190729_Folla albariño con manchiñas mildio moi incipientes20190730_Abundantes manchas de mildio en gromos Mencia

Canto á climatoloxía e a súa influencia sobre a posible situación futura das viñas, as precipitacións que se rexistraron en días diferentes entre o 25 e o 29 de xullo puideron lavar os fitosanitarios de contacto que se aplicaran recentemente nalgunhas zonas, pero non se pode facer unha xeneralización por comarcas polo carácter de tormenta que tiveron e que deu lugar a rexistros moi variables. Así por exemplo, dentro da comarca do Salnés houbo valores tan diferentes como 3,3 l/m2 na estación de Simes (Meaño) e 25,9  l/m2 na de Corón (Tremoedo).

Para os próximos días, as diferentes axencias meteorolóxicas consultadas falan de tempo con nubes e claros ata luns, pero novamente anuncian inestabilidade para o resto da semana que entra, con precipitacións que, segundo a maioría, serán máis elevadas cara o final. Deste xeito, de acordo ás choivas pasadas, á data da intervención anterior e ao estado das plantas, haberá que proceder de modo diferente nestes días:

  • nas viñas que tiveran problemas de mildio na campaña e onde se puideran lavar os produtos de contacto aplicados xusto antes das choivas que se iniciaron o 25, haberá que renovalos para manter protexida a vexetación (e os acios) antes das choivas máis abundantes.
  • nas viñas protexidas por un tratamento anterior nunha zona na que tivera caído escasa precipitación, que non tiveran problemas de mildio e onde a folla estea sa ou con poucas manchas, pode non aplicarse este tratamento, e ata pode ser xa que ningún máis antes da vendima, pero isto dependerá da evolución da meteoroloxía e da maduración da uva.

Segue a haber viñas cun desenvolvemento excesivo da vexetación, tanto das propias plantas como das malas herbas. Estas condicións favorecen a retención da humidade e a aparición de síntomas, polo que é necesario evitalo mediante as podas en verde (coas que tamén se eliminan manchas de mildio e doutras enfermidades ou pragas) e as rozas

Oídio

Na visita desta semana ás parcelas da nosa rede e a outras nas que nos detemos nos nosos percorridos volvemos observar a situación referida a semana anterior: algún que outro gran/acio con oídio na maioría de viñas, onde ata os rebuscos tamén están sans ou case limpos,  novos síntomas nas follas tenras en parcelas sen tratamentos desde hai semanas e síntomas recentes en folla e acios en case todas as fincas onde non se lograran frear as infeccións previas.

Rebuscos limpos sen oidioEl oidio en racimo apenas se ha incrementado20190730_Sintomas de oidio en follas en viña sen tratar hai tempo

Tendo en conta as previsións meteorolóxicas, nestas últimas fincas, e salvo que foran recentemente tratadas e non se lavaran os produtos polas choivas, haberá que renovar as intervencións o antes posible. No resto de viñas, a corto prazo bastará con facer podas en verde para retirar os gromos afectados (o que tamén favorece a adecuada ventilación no entorno dos acios), á espera do tipo e contía de precipitacións que veñan, pois en función destes factores aínda pode ser conveniente facer algunha intervención.

Botrite

Tampouco nesta semana observamos síntomas desta enfermidade, pero en realidade non houbo condicións favorables e as uvas están na maioría en bo estado. Novamente haberá que estar pendentes da contía das choivas anunciadas, porque poden dar lugar a problemas naquelas viñas onde hai danos nas uvas, sobre todo de variedades sensibles. De feito, precisamente nestas variedades onde todos os anos se rexistren danos por este patóxeno, pode ser oportuno aplicar un tratamento preventivo no estado fenolóxico do inicio do pintado.

La variedad Treixadura es muy sensible a botritis por las caracteristicas de sus racimosAcios de Loureira sas nestes momentos nas nosas parcelas

Black rot

A estas alturas da campaña xa non se esperan danos por este patóxeno na nosa zona, pois ao achegarse o pintado o risco diminúe e os síntomas que hai nas follas desde hai tempo non avanzaron a pesar dos sucesivos episodios de precipitación deste verán.

20190722_Black rot acio planta abandonada Condado20190722_Vista acios con black rot planta abandonada20190731_Vista parcial acios black rot viña abandonada

Couzas do acio (Lobesia botrana, Eupoecilia ambiguella)

O voo de Lobesia botrana continúa a ser feble polo menos nas nosas parcelas, e tamén as penetracións das eirugas están moi por debaixo do 3% de acios. Porén, esta situación pode ser diferente noutras viñas, polo que as trampas e os recontos de ovos e penetracións son necesarios para coñecer o momento oportuno do tratamento en caso de que sexa preciso dalo por ter un número de postas e penetracións elevado.

Oco de penetración eiruga couza e síntoma no granPenetración polilla con eiruga entre dous gransLixeiro escurecemento uva que indica penetración eiruga couza

Mosquito verde e outros cicadélidos

Observamos unha situación semellante á da semana anterior: malia verse en voo bastantes destes insectos nalgunhas fincas, as capturas de adultos nas trampas son maioritariamente de Zygina  rhamni (que non causa danos), e tampouco os recontos de ninfas son destacables, pois atopamos un número delas moi reducido (e todas das especies Z. rhamni ou Empoasca vitis, ningunha de Scaphoideus titanus).

Detalle de capturas de cicadélidos en trampaNinfa de Zygina rhamni en follaAdulto de cicadélido, ninfa e resto en envés folla
La sequia provoca marchitamientos marginales de las hojas 22jul15

Hai veces que se ven síntomas na viña que se asocian erroneamente a ataques de cicadélidos, e que poden ser debidos a déficits hídricos (que xa empeza a haber), a carencias nutricionais ou acidez do solo. Por iso, as trampas son un medio sinxelo, económico e fiable para coñecer realmente a incidencia destes insectos na viña e evitar así tratamentos innecesarios

Ácaros

Esta semana volvemos atopar outra parcela con síntomas, xa confirmados no laboratorio, de acariose, neste caso na zona de Poio. Dáse a circunstancia de que o mesmo día íase aplicar un tratamento antioídio con xofre nesa viña, polo que para a semana non debería haber avanzado a sintomatoloxía.  Pola súa banda, a erinose de verán segue a afectar aos gromos novos dalgunhas viñas.

20190730_Sintomas confirmados acariose en viña PoioCor bronce nas follas que apunta a acariose20190723_Erinose veran en albariño

Outros

Nesta semana recibimos varias consultas na Estación relativas á aparición, polo envés das follas dalgunhas viñas, das bugallas máis ou menos esféricas e cor verde ou amarela avermellada características da filoxera. Esta situación só se da en híbridos produtores directos ou nos gromos dos patróns e soluciónase eliminando as plantas/gromos afectados. Por outra banda, continúan aparecendo plantas con síntomas de patoloxías da madeira e acios con síntomas de golpe de sol. A partir de agora os danos polo sol poden chegar a ser importantes naquelas viñas nas que se fan esfollas exaxeradas, que expoñen totalmente ás uvas ao sol, polo que deben ser prudentes ao facelas.

Deformación das follas polas bugallas de filoxeraRacimos daños exceso sol deshojado excesivoPlanta demasiado esfollada

MACEIRA

Moteado

Como estaba previsto, ao incrementarse a humidade e manterse elevadas as temperaturas, apareceron algúns síntomas novos da enfermidade. É conveniente manter a vixilancia e renovar os tratamentos cando aparezan novos síntomas (ou se as plantas xa non están protexidas) porque sabemos que o risco de infección permanece ata o final da campaña. En caso de intervir, débese prestar moita atención ao prazo de seguridade do  funxicida elixido nas variedades próximas á recolección.

Manchas de moteado en folla maceira20190625_Sintoma e dano de moteado en maza

Couza da mazá (Cydia pomonella)

Nas nosas trampas seguimos a ter unha práctica escaseza de capturas, e tampouco nas mazás atopamos moitas perforacións. Non obstante, sabemos que a situación pode variar, e por iso son precisos os seguimentos particulares. En todo  caso, o que si se pode facer é ir colocando xa as bandas-trampa de cartón ondulado nas maceiras para capturar as eirugas que se retirarán a hibernar: colocando estas bandas ao redor dos troncos, proporciónaselles un bo refuxio e, ao retiralas en outono (outubro-novembro) e destruílas, elimínase parte da poboación nociva para a seguinte campaña (ver secuencia de instalación):

Pie de manzanoBanda de cartón para utilizarOndulaciones donde quedarán atrapadas las larvasColocación del cartónProtección del refugio (cartón) frente a la lluviaProtección del refugio (cartón) frente a la lluvia 2ResultadoTrampa (refugio) instaladaTrampa (refugio) instalada 2

FROITEIRAS EN XERAL

Monilia e botritis

As características de clima periodicamente inestable deste verán están favorecendo a aparición dos fungos responsables destas enfermidades sobre a froita, o que é especialmente notorio neste momento sobre a froita de óso en maduración, e seguimos a ver en todas as parcelas abundantes froitos maduros con danos nas árbores e no solo. Sabemos que non é un traballo cómodo, pero estes froitos deben ser eliminados para que non siga aparecendo a enfermidade sobre a froita que se recolla (aínda que non se vexan os síntomas, poden ter igual o fungo e facer que a froita se estrague moito antes) e, moi importante, para que non haxa un alto inóculo para o ano seguinte.

En cualquier especie es conveniente eliminar la fruta en pudriciónMonilia en cereixas

CERDEIRA

Cylindrosporium padi

Debido ás condicións repetidamente húmidas deste verán, en moitas cerdeiras obsérvase unha elevada incidencia desta enfermidade que, en casos extremos, xa está a provocar unha  defoliación prematura. Os tratamentos fronte a este patóxeno deben ser feitos periodicamente en anos con episodios húmidos repetidamente como é este, pero aínda pode realizarse unha intervención cun funxicida autorizado.

Cylindrosporium padi - Detalle de manchas en hojaCylindrosporium padi produce defoliación de brotes

BUXO

Cydalima perspectalis

A situación que observamos esta semana nas sebes e plantas que visitamos foi bastante estacionaria, non rexistrando avances evidentes na sintomatoloxía nin na evolución das eirugas, polo que de momento non temos visto grandes danos. Ademais,  volvemos ver casos de plantas nas que xa se fixeran tratamentos pero cas eirugas aínda vivas e por iso temos que manter a recomendación da vixilancia periódica das plantas e de intervir se non se evidencia o control das eirugas.

20190722_Continuan eirugas Cydalima en plantas abandonadas20190722_Sintomas actividade Cydalima en buxo abandonado20190723_Empezan as crisalides de Cydalima