A estación > Novas > Detalle nova

Asset Publisher

IV Xornadas Ambientais e de Turismo Sostible no Camiño Portugués-LXIII Curso de Saúde Ambiental

A Estación Fitopatolóxica Areeiro (EFA), Deputación de Pontevedra, participou o día 26 de novembro nas IV Xornadas Ambientais e de Turismo Sostible no Camiño Portugués–LXIII Curso de Saúde Ambiental, que tiveron lugar no Auditorio Municipal de Caldas de Reis, promovidas e organizadas conxuntamente polo Concello de Caldas de Reis, a Deputación de Pontevedra, Iberdrola e Xacobeo 2021, entre outros.

26 de novembro del 2020

O 26 de novembro de 2020 tiveron lugar, no Auditorio Municipal de Caldas de Reis, as IV Xornadas Ambientais e de Turismo Sostible no Camiño Portugués–LXIII Curso de Saúde Ambiental, promovidas e organizadas polo Concello de Caldas de Reis coa colaboración, entre outros, da Deputación de Pontevedra, Iberdrola e Xacobeo 2021, e enmarcadas no Programa Galego de Municipios Saudables e Sostibles 2000-2020.

O obxectivo deste espazo formativo é integrar medio e saúde como elementos na formación e reciclaxe das técnicas e técnicos ambientais e, deste xeito, contribuír á mellora da xestión e das condicións de vida urbana da cidadanía.

Ademais desta vertente formativa, as xornadas queren establecer un foro de debate plural que contribúa a avanzar na loita contra o cambio climático, fomentar o modelo de economía circular e impulsar o turismo sostible no Camiño Portugués. Nas xornadas participaron como relatores importantes profesionais do ámbito da saúde e do medio.

Como consecuencia da pandemia, a organización reduciu o número de asistentes presenciais ás persoas colaboradoras e conferenciantes e, ademais, facilitou unha ligazón para acceder directamente ao streaming, de maneira que as xornadas tiveron lugar de forma simultánea e en liña a través dunha canle de Vimeo, coa finalidade de cumprir estritamente co protocolo anti-COVID-19 e salvagardar a saúde das e dos relatores e das persoas participantes. Nestas xornadas inscribíronse máis de 100 persoas procedentes de varios países.

O profesor Francisco Pena, coordinador das xornadas, explicou que "Caldas de Reis é un lugar estratéxico e un referente como destino natural, termal e turístico, desde o que cada ano pretendemos mobilizar o mundo na loita contra a crise climática en prol da economía circular e do turismo sostible no Camiño Portugués para tentar garantir o futuro do planeta".

Esta xornada xorde da necesidade de abordar e debater algúns dos problemas ambientais máis importantes da civilización actual: analizar a orixe e a situación actual da pandemia e o seu impacto sanitario, económico e social; avanzar na loita contra o cambio climático cara á saúde ambiental do planeta; e impulsar o turismo sostible no Camiño Portugués no marco do Xacobeo 2021. Finalmente, destacouse a necesidade de unir esforzos por parte de responsables de todos os ámbitos da sociedade co obxectivo de conseguir un medio máis saudable e sostible para todas as galegas e galegos e o mellor legado para xeracións próximas.

Pola súa banda , o tenente de alcalde e concelleiro de Medio Ambiente, Manuel González, na apertura da sesión, destacou que "para o Concello de Caldas é unha honra acoller novamente as Xornadas Ambientais e de Turismo Sostible no Camiño Portugués" e fixo fincapé no elenco de conferenciantes que se agruparon ao redor de diferentes aspectos para salvagardar o Camiño Portugués ao seu paso polo concello de Caldas de Reis.

A Dra. Carmen Salinero da EFA falou da influencia da sanidade vexetal na conservación do Patrimonio Natural do Camiño Portugués.

Programa das IV Xornadas Ambientais e de Turismo Sostible no Camiño Portugués-LXIII Curso de Saúde Ambiental