A estación

Affichage de contenus web

A Estación Fitopatolóxica Areeiro

A Estación Fitopatolóxica Areeiro (EFA) creouse en 1981 como servizo adscrito á Deputación de Pontevedra no predio da coñecida como Granxa Areeiro, a 4 km de Pontevedra capital, que foi adquirida pola institución provincial o 31 de xaneiro de 1963 e que naquela altura era un predio particular de 4 ha dedicado ao cultivo de viña, froiteiras e prados.

A súa creación responde ao afán da Deputación por cubrir o gran baleiro existente en materia de asesoramento directo ás e aos agricultores no relativo á sanidade dos seus cultivos, cun centro especializado no estudo e diagnóstico dos patóxenos e pragas de máis frecuente aparición sobre as plantas cultivadas na provincia, ademais de proporcionarlles información ás e aos agricultores e ao persoal técnico de servizos oficiais sobre as medidas que deben tomar para buscar solucións aos problemas fitosanitarios que xorden ao longo do ano, coma a introdución de novos patóxenos na provincia, que, de non seren controlados, levan á diminución ou á desaparición do propio cultivo. Este asesoramento incrementouse coa ampliación en anos sucesivos das seccións de edafoloxía, cultivos e ornamentais e, por último, de bioloxía molecular.

Este é o seu obxectivo primario (hoxe en día ampliado): o asesoramento en materia de fitopatoloxía, é dicir, axudar as e os agricultores e o persoal técnico de servizos oficiais a recoñecer as pragas e enfermidades dos nosos cultivos e informar sobre as medidas de protección e control que se deben seguir para evitar as perdas que ocasionan estes patóxenos. 

A estación

A partir de 1984, coa entrada na EFA de novo persoal técnico, diversificáronse os obxectivos e creouse unha nova área dedicada a cultivos de froiteiras e ornamentais. En materia de fitopatoloxía ampliouse o campo de actuación co diagnóstico das enfermidades producidas por bacterias e nematodos. O recoñecemento ou clasificación destes axentes fitopatóxenos, o diagnóstico das enfermidades que producen e o seu tratamento requiren un nivel elevado de coñecementos e a especialización das técnicas e técnicos que o executan.

En canto ás plantas ornamentais, comezouse co estudo dos xardíns da provincia seguindo un protocolo de recompilación de datos que incluía a identificación botánica dos exemplares de cada zona verde estudada, así como os datos culturais e históricos de cada xardín, co obxectivo de coñecer e poder mostrar adecuadamente o noso patrimonio botánico e repercutir tamén na economía da provincia. Estes primeiros anos coincidiron coa adquisición do castelo de Soutomaior por parte da Deputación, e desde a Estación colaborouse intensamente nos traballos de restauración do xardín, que daría comezo á colección de camelias da Deputación provincial.

En 1989 inaugurouse o laboratorio de solos, cuxo obxectivo é principalmente a realización de análises edafolóxicas de solos. Partindo da interpretación das devanditas análises, aconséllase á cidadanía as correccións pertinentes e os fertilizantes adecuados para os seus cultivos. Pouco máis tarde, púxose en marcha o laboratorio de bioloxía molecular, que serve de complemento á identificación levada a cabo por outras técnicas, facilitando a identificación de moitos microorganismos con diagnósticos que antes resultaban complicados ou dubidosos.

Finalmente, en 1993 créase o primeiro laboratorio de loita biolóxica de Galicia, para poñer a punto métodos de cría artificial de artrópodos beneficiosos de interese agrícola e forestal, onde se crían algúns destes auxiliares e se trata de optimizar (para lles transferir ás e aos agricultores) as técnicas de protección fitosanitaria dalgúns dos patóxenos e pragas que lles afectan aos cultivos de maior importancia na rexión evitando a aplicación de produtos químicos.

Porén, as misións da EFA abranguen, ademais da área do diagnóstico, outras como a de avisos fitosanitarios. Realizados cos datos recollidos en campo e das condicións meteorolóxicas de diferentes zonas da provincia, emítese periodicamente un boletín coas informacións de presenza e evolución dos diferentes axentes fitopatóxenos que lles afectan aos nosos cultivos, así como as recomendacións de control necesarias para combatelos.

Na actualidade, os nosos laboratorios atenden problemas e aconsellan en catro áreas (fitopatoloxía, edafoloxía, fruticultura e ornamentais e bioloxía molecular), con outro obxectivo fundamental ademais do inicial: a investigación de carácter práctico relacionada co ámbito agrícola e forestal. Por iso, cada unha das súas unidades realiza unha investigación eminentemente práctica e dirixe os seus resultados ao sector (en moitas ocasións solicitada polo mesmo sector primario). En todos eles os estudos son amplos, cubrindo: necesidades pedoclimáticas, ensaios de fertilización, estudos agronómicos (sistema de plantación, poda, rega etc.), propagación de plantas, coñecemento e solución de problemas tanto fitosanitarios coma culturais, entre outros.

Destaca tamén o estudo do xénero Camellia en todos os seus aspectos: cultivo, catalogación e identificación de cultivares, propagación, conservación, pragas e enfermidades que lle afectan e os seus usos produtivos, coma a elaboración de té e aceite. No campo da patoloxía deste xénero, un dos nosos principais obxectivos é a procura de tratamentos eficaces para o control de Ciborinia camelliae, causante do "murchamento da flor" (flower blight), xa que provoca serios danos nas flores de todas as especies do xénero Camellia, reducindo o seu valor ornamental e ocasionando cuantiosas perdas no sector viveirístico.

Ademais, contamos cun programa de doazón de especies vexetais aos concellos, asociacións e outros organismos públicos, co fin de conservar e aumentar a diversidade vexetal da provincia, e un servizo de estudo do estado sanitario de arboredo para os concellos e xardíns abertos ao público.

Así, ao longo destes anos leváronse a cabo distintos proxectos de investigación financiados por organismos coma a UE, INIA, Xunta de Galicia, CDTI, CAICYT ou INTERREG e realizados tanto en colaboración con outros centros de investigación coma directamente coas empresas do sector.

Desde 2014 somos unidade asociada de I+D+i da Misión Biolóxica de Galicia-CSIC, baixo a denominación de Sistemas Agroforestais.

Tamén, ao longo da andaina da estación fitopatolóxica, unha das súas inquietudes foi dar a coñecer todos os resultados obtidos das súas experiencias; estes traballos viron a luz en revistas especializadas, en congresos, ou directamente a través do Servizo de Publicacións da Deputación de Pontevedra.

Coñecedores da importancia que ten a boa formación das e dos agricultores para obter uns maiores beneficios do campo, desenvólvense cursos formativos sobre distintas áreas da nosa actividade en colaboración co CSIC, coa Xunta de Galicia, coas universidades de Santiago de Compostela e de Vigo e cos colexios oficiais, ademais dos realizados pola propia Deputación de Pontevedra.

Con todo isto, o que pretende a institución provincial é darlles un asesoramento integrado ás e aos agricultores, ao mesmo tempo que o seu persoal técnico está permanentemente en relación co sector e con outros centros de investigación —nacionais ou estranxeiros— para ter e dar unha visión real e actualizada da realidade agrícola e forestal.