- Avisos anteriores
- 2018
- 2019
- 2020
- 2021
- NOV 29viña, froiteiras e prantas leñosas en xeral, buxo e piñeiro
- OUT 07Maceira e outras froiteiras en época de colleita, Nespereira, Cítricos, Buxo, Nogueira
- SET 18Buxo
- AGO 23Viña, Maceira, Buxo
- AGO 16Viña, Maceira, Buxo, Plátano de sombra
- AGO 09Viña, Maceira, Marmeleiro, Froiteiras, Buxo
- AGO 02Viña, Maceira, Froiteiras, Cerdeira, Buxo
- XUL 26Viña, Maceira, Cítricos, Froiteiras, Plantas de horta, Buxo
- XUL 19Viña, Maceira, Froiteiras, Plantas de horta, Buxo, Piñeiro
- XUL 12Viña, Maceira, Buxo
- XUL 05Viña, Maceira, Froiteiras de óso, Kiwi e froiteiras (de óso principalmente), Buxo
- XUÑ 28Viña, Maceira, Marmeleiro, Cítricos, Pataca, Buxo
- XUÑ 21Viña, Maceira, Pataca, Buxo
- XUÑ 14Viña, Maceira, Marmeleiro, Cítricos, Buxo, Evónimo, Salgueiros e outras árbores de ribeira
- XUÑ 07Viña, Maceira, Kiwi, Marmeleiro, Pataca, Buxo, Plátano de sombra
- MAI 31Viña, Maceira, Camelia, Buxo
- MAI 30Carballo
- MAI 24Viña, Maceira, Camelia, Buxo
- MAI 16Viña, Maceira, Kiwi, Froiteiras de óso, Cítricos, Buxo, Evónimo, Roseiras, Salgueiros e outras árbores de ribeira
- MAI 10Viña, Maceira, Marmeleiro, Kiwi, Froiteiras de óso, Varios cultivos (Froiteiras, Fresa, Outras), Pataca, Buxo, Camelia
- MAI 03Viña, Maceira, Marmeleiro, Kiwi, Froiteiras de óso, Varios cultivos (Froiteiras, Fresa, Outras), Buxo, Camelia
- ABR 26Viña, Maceira, Kiwi, Froiteiras de óso, Cítricos, Buxo, Pataca
- ABR 17Viña, Maceira, Kiwi, Froteiras de Óso, Boj, Camelia, Evónimo, Roseiras, Pataca
- MAR 28Buxo, Viña, Maceira, Kiwi, Fruteiras de oso
- MAR 22Buxo
- FEB 15Buxo, Piñeiro
INFORMACIÓN FITOSANITARIA 28 XUÑO 2019
A información que aportamos nos avisos e boletíns fitosanitarios baséase no observado nas nosas parcelas de seguimento, noutras fincas que visitamos nos nosos percorridos e tamén nos datos que, ás veces, nos aportan outros técnicos e viticultores. En todo caso, SEMPRE CONVÉN CONFIRMAR A SITUACIÓN PARTICULAR DE CADA FINCA, porque pode haber diferencias mesmo locais. A nosa aportación debe ser considerada máis ben como unha referencia ou orientación, que axude a unha mellor xestión dos nosos cultivos
VIÑA
Este ano incorporamos á nosa rede de seguimento algunhas parcelas pertencentes á IXP Ribeiras do Morrazo. Tanto aos seus propietarios como aos das fincas do resto de comarcas (aqueles que levan con nos moitos anos e outros novos), grazas pola confianza
Mildio
Como é sabido, as condicións meteorolóxicas de toda esta semana seguiron moi favorables ao fungo, pois practicamente todos os días houbo temperaturas nocturnas que superaron (nalgúns casos amplamente) os 11-12ºC, xunto con humidade foliar, néboas locais e/ou precipitación durante máis de 8 horas na maioría das estacións das grandes comarcas vitícolas. Estes rexistros implican que se deron continuamente as condicións para a esporulación e tamén para as infeccións secundarias, nun mes coma este no que a inestabilidade mantívose de xeito repetitivo. Por este motivo, nas plantas testemuña notouse un serio avance na sintomatoloxía, e mesmo algunhas xa están próximas a perder folla.
Das tratadas, a maioría está en bo estado despois da intervención da semana anterior pero naquelas viñas que xa presentaban algún dano, aínda había síntomas non controlados malia terse aplicado tratamentos a finais da semana pasada. Nos casos nos que observamos esta situación recomendamos renovar a protección con produtos a base dunha materia activa con diferente modo de acción.
De situacións similares nos informaron outros técnicos e varios viticultores que nos consultaron esta semana e que tendo tamén as viñas recentemente tratadas, nos dicían que seguían aparecéndolles novos acios afectados, o que volve a incidir, como sempre dicimos, no FUNDAMENTAL DE VERIFICAR A EFICACIA DAS INTERVENCIÓNS.
A día de hoxe, as previsións das diferentes axencias meteorolóxicas apuntan á estabilización do tempo que xa se está iniciando, é dicir, sen choiva, con menor humidade relativa e ventos de dirección dominante norte, polo menos ata o xoves día 4 segundo algúns modelos ou sábado 6 segundo outros. De cumprirse o previsto, o risco de infeccións será menor, sobre todo naquelas zonas nas que se poidan dar temperaturas máximas superiores a 30ºC durante varias horas. Porén, tamén as temperaturas mínimas seguirán a ser elevadas, por riba dos 15 ºC a maioría de noites, polo que haberá que estar moi pendentes da humidade foliar nocturna: de producirse, a vixilancia deberá ser máxima, en especial nas viñas con síntomas non controlados.
Oídio
Se no boletín anterior falabamos de que observaramos moi puntualmente novos síntomas do patóxeno en sendas viñas do Morrazo, na revisión desta semana unicamente apareceron nunha viña do Salnés onde o mildio seguía activo, pero neste caso afectando xa a algúns acios (e polo tanto recomendamos renovar a protección). Nos demais viñedos que visitamos non atopamos síntomas. Sabemos que estamos nun momento no que soe haber néboas locais, e vimos dun período con elevada humidade, co que o nivel de alerta debe ser elevado porque o oídio é un patóxeno cuxas infeccións son tremendamente difíciles de frear unha vez establecidas.
Botrite
Black rot
Nesta semana vimos os primeiros acios afectados nunhas viñas non cultivadas (abandonadas) da comarca do Condado, onde tamén o número de manchas por folla era maior ao observado a semana anterior. Pola súa parte, nas viñas sometidas a tratamentos non observamos cambio algún.
Couzas do acio (Lobesia botrana, Eupoecilia ambiguella)
Seguimos tendo capturas puntuais de machos de Lobesia botrana nalgunhas das trampas, e ausencia de capturas noutras. Tamén o número de glomérulos que atopamos se mantén en niveis baixos.
Mosquito verde e outros cicadélidos
Os niveis de capturas nas trampas mantéñense baixos, apenas 20-30 adultos por trampa. Pola súa banda, nos controis realizados ás follas, só aparecen puntualmente estados ninfais.
As poboacións destes insectos dependen de diversos factores e poden ser variables mesmo entre parcelas da mesma comarca. Por iso é aconsellable a instalación das trampas amarelas como método de seguimento, e nunca realizar tratamentos insecticidas indiscriminados para non alterar a fauna beneficiosa dos viñedos
Ácaros
Nesta semana non atopamos novos síntomas de acariose. Como dicimos todos os anos, en todos os casos deben ser confirmados (e as súas poboacións cuantificadas para comprobar se alcanzan o limiar de tolerancia) co fin de evitar tratamentos innecesarios que poidan prexudicar á fauna auxiliar. Canto á erinose, mantívose en niveis similares aos da semana anterior.
Outros
En dúas viñas da comarca do Salnés atopamos unhas plantas con picaduras de alimentación en forma de pequenos puntos marróns nas follas que sospeitamos que serían debidas a tisanópteros (trips), que nas nosas áreas vitícolas non adoitan ser frecuentes. Confirmamos no laboratorio á lupa e efectivamente había algunha ninfa. Seguiremos a evolución das poboacións.
MACEIRA
Moteado
O mantemento de condicións húmidas esta semana provocou a aparición de novos síntomas, tanto en folla como en froito, moi especialmente nas variedades máis sensibles. Requírese un máximo nivel de atención, porque xa hai froitos con danos (o mesmo sucede nas pereiras).
Pulgóns
Mantemos neste sentido o dito a semana anterior: apenas cambios no número de gromos afectados polos pulgóns.
Couza da mazá (Cydia pomonella)
O tempo desta semana non foi en xeral favorable a esta praga. Porén, as condicións climáticas previstas son máis favorables ao seu desenvolvemento, polo que de non facer un seguimento concreto aconséllase non descoidar as intervencións para evitar danos ás mazás, a partir dos que tamén poden producirse danos por fungos secundarios.
Ácaros
Nesta semana non observamos cambios nas fincas onde a semana anterior atoparamos os primeiros síntomas, pero tampouco as condicións ambientais lles foron favorables. Non obstante, sabemos que as previsións anuncian o tempo máis seco que xa temos desde onte á tarde-noite, polo que a partir de agora haberá que incrementar a vixilancia.
Outros
MARMELEIRO
Entomosporium maculatum
O continuado do tempo húmido deste mes, incluíndo o da semana que está a rematar, leva a que cada vez sexan máis visibles os síntomas nas árbores atacadas, e que mesmo se estea a producir xa certa defoliación. Polo tanto, onde se estea a producir este fenómeno é conveniente realizar un tratamento, porque aínda os marmelos están en fase de formación.
CÍTRICOS
Trioza erytreae (psila africana) e pulgóns
Nos gromos máis tenros obsérvanse ovos e ninfas deste insecto (os ovos poden detectarse con certa atención: son de cor amarelo-laranxa e soen situarse nas marxes e no nervio central das follas). Cortar e eliminar estes brotes con postas (non en planta nova) é unha boa medida para reducir a incidencia da psila africana e á vez dos pulgóns que tamén poda haber.
PATACA
Mildio
BUXO
Cydalima perspectalis
As condicións climáticas desta semana non foron propicias a este lepidóptero, e polo tanto apenas atopamos moi esporadicamente algunha que outra eiruga moi pequena nalgunhas sebes. Porén, o incremento de temperaturas diúrnas e o tempo máis seco que se prevé van serlle favorables, polo que o nivel de vixilancia das plantas debe ser máximo.