INFORMACIÓN FITOSANITARIA 23 AGOSTO 2019

Nesta semana finalizamos a emisión da información fitosanitaria semanal por esta campaña, debido á proximidade da vendima e da colleita doutras froitas, ao observado na revisión desta semana e ás previsións meteorolóxicas para os próximos días, que en xeral non anuncian cambios notorios. Con todo, e aínda que xa sen unha periodicidade fixa, seguiremos informando daquelas incidencias fitosanitarias que teñan lugar e daquelas prácticas que sexan recomendables desde o punto de vista fitosanitario

Queremos agradecer aos viticultores e propietarios das parcelas da nosa rede de seguimento que confíen en nos para xestionar as súas fincas, algúns deles de xeito ininterrompido despois de tantos anos. Tamén queremos agradecer a colaboración daqueles técnicos que nos proporcionaron datos en diferentes momentos. E, por suposto, o noso agradecemento a todas as persoas que nos seguiron durante estas semanas

A información que aportamos nos avisos e boletíns fitosanitarios baséase no observado nas nosas parcelas de seguimento, noutras fincas que visitamos nos nosos percorridos e tamén nos datos que, ás veces, nos aportan outros técnicos e viticultores. En todo caso, SEMPRE CONVÉN CONFIRMAR A SITUACIÓN PARTICULAR DE CADA FINCA, porque pode haber diferencias mesmo locais. A nosa aportación debe ser considerada máis ben como unha referencia ou orientación, que axude a unha mellor xestión dos nosos cultivos

VIÑA

Estado fenolóxico: M2 - (N) [85-(89) da codificación BBCH]

Este ano incorporamos á nosa rede de seguimento algunhas parcelas pertencentes á IXP Ribeiras do Morrazo. Tanto aos seus propietarios como aos das fincas do resto de comarcas (aqueles que levan con nos moitos anos e outros novos), grazas pola confianza

INFORMACIÓN SOBRE A MADURACIÓN DA UVA

Esta semana volvemos tomar mostras de uva albariña na maior parte das nosas parcelas de seguimento habituais, onde polas boas temperaturas notamos que a maduración se acelerara (practicamente todas as uvas brillantes), o que confirmamos cos datos de control da maduración obtidos no laboratorio:

Comarca Parcela Brix (%) Grao alcohol Acidez total (mol H+/L) Ác. Tartárico (g/L) Ác. Málico (g/L) Ác. Cítrico anhidro (g/L)
Condado Corzáns 14,30 7,63 271,00 20,30 18,20 17,30
Meder 18,10 10,12 232,00 17,40 15,50 14,80
 Vide 20,50 11,75 177,00 13,30 11,90 11,30
Rosal As Eiras 19,00 10,72 242,00 18,20 16,20 15,50
Forcadela 14,60 7,82 272,00 20,40 18,20 17,40
 Goián 17,90 9,99 247,00 18,50 16,50 15,80
Salnés A Modia 14,70 7,88 317,00 23,80 21,20 20,30
Castrelo 17,50 9,73 231,00 17,30 15,50 14,80
 Ribadumia 18,20 10,19 213,00 16,00 14,30 13,60
Morrazo Bueu 11,70 5,96 325,00 24,40 21,80 20,80
 Poio 17,50 9,73 243,00 18,20 16,30 15,60

 

Mildio

Desde a visita anterior ás viñas vimos como se incrementou o número de manchas recentes debido ás condicións rexistradas (choivas o domingo día 18) e á non realización de tratamentos cúpricos desde hai tempo. Con todo, as temperaturas tan elevadas destes días provocarán, nalgunha zona, unha perda da capacidade de xerminar das frutificacións do fungo.

20190821_Manchas novas nas follas tenrasManchas nos gromos e mais vellas a finais de campaña

Pola súa banda, nas zonas altas dalgunhas viñas en emparrado a onde non chegaban os tratamentos obsérvase xa unha boa defoliación, sen incidencia sobre a produción porque hai vexetación suficiente este ano.

20190813 Necrose de manchas antigas e defoliación en zona superior parrasXa hai defoliación onde non chegaron tratamentos

Tanto nesas viñas coma naquelas outras onde vaian aparecendo manchas de xeito significativo, así como nas que tiveran sufrido ataques mal controlados da enfermidade nalgún momento da campaña, resultará conveniente realizar un tratamento cúprico despois da vendima pero antes da caída das follas para favorecer o bo agostado da madeira e reducir tamén o nivel de  inóculo do fungo para a campaña seguinte.

20190820_Nas viñas con ataques mildio mal controlados hai enfermidade nos rebuscosAtaque de mildeu en planta tratadaVimos algunha finca cun bo ataque de mildio

Oídio

Nalgunhas viñas apareceron novos síntomas en folla e nos acios rebuscos, pero non é a situación dominante.

Nalgunhas viñas os rebuscos con abundante oidioNas viñas con oidio na campaña segue aparecendo en folla

Botrite

En varias parcelas das que visitamos os viticultores eliminaran os acios máis afectados pola enfermidade e esta práctica, unida ao clima destes últimos días, fixo que en xeral observaramos un bo estado das uvas, tanto de albariño coma doutras variedades máis sensibles ao patóxeno.

20190821_O bo tempo fai que uvas en bo estado20190821_Acio de treixadura en bo estado polo bo tempo

Con todo, aínda queda certo tempo para a vendima e, a día de hoxe, non hai en absoluto coincidencia nas previsións das diferentes axencias meteorolóxicas consultadas: mentres algunhas anuncian tempo seco e soleado con pouca probabilidade de choiva, outras dan precipitacións máis ou menos abundantes en diferentes períodos entre o domingo 25 e o mércores 4 de setembro ou máis, polo que poden producirse novas infeccións. Polo tanto, as operacións destinadas a mellorar o  microclima ao redor dos acios, que deben estar aireados, seguen a ser importantes, aínda que convén realizalas moderadamente, xa que nalgunhas parcelas obsérvanse acios con danos por exceso de insolación.

Fundamental facilitar ventilación interior viña polas podresAs esfollas deben ser moderadas para non prexudicar a maduración

Couzas do acio (Lobesia botrana, Eupoecilia ambiguella)

Nas viñas da nosa rede de seguimento e nas demais que visitamos esta semana apenas vimos algunha penetración moi illada de couza (tamén nas trampas que temos instaladas non capturamos case ningún adulto, pero como esta foi a tónica de toda a campaña dubidamos da feromona). Porén, un técnico informounos de danos significativos nalgunhas viñas, que superaban incluso o limiar de tratamento. Este limiar ten que ver coa influencia sobre a podre das perforacións das eirugas, polo que a estas alturas as opcións que hai son retirar os grans/acios afectados (se é posible por ser unha superficie pequena) ou ben aplicar un produto cun prazo de seguridade de 7 días ou sen el (substancias naturais), tendo en conta, iso si, que estes insecticidas non penetran no interior das uvas, polo que o control será parcial.

20190813_Posta de Lobesia non viable20190813_Sintomas de couza no interior do acio

Mosquito verde e outros cicadélidos

Tampouco nesta última semana de visitas semanais ás viñas vimos (ou capturamos) o primeiro adulto de Scaphoideus titanus (o vector da enfermidade da flavescencia dourada) pero imos manter a rede de trampeo instalada para realizar algunha revisión máis ata outono. Canto ao resto de cicadélidos, apenas vimos algún adulto de mosquito verde, e tivemos novas capturas en poucas trampas; en xeral nesta campaña, polo menos nas nosas parcelas de seguimento, non houbo grandes poboacións.

Adulto de mosquito verde en gran de albariño20190821_Nalgunhas viñas practicamente non cicadelidos en campaña

Ácaros

Nesta revisión volvemos ver síntomas de acariose nunha planta abandonada na zona de Bueu, que tamén presentaba ovos de araña vermella, e tamén máis presencia de erinose de verán nas fincas onde xa se detectara o ácaro.

20190821_Gromo viña abandonada con acariose e araña vermella confirmadosErinose de verán deformando folla en variedade Loureira (face)Erinose de verán deformando folla en variedade Loureira (envés)

Outros

Ademais dos acios con golpes de sol, das plantas con síntomas de enfermidades de madeira ou dos crecentes danos por avespas ou paxaros nas uvas, queremos resaltar nesta semana a aparición dun acio nunha viña con podremias secundarias (non botrite) asociadas probablemente a picaduras de dípteros, e de cada vez máis frecuentes síntomas de tisanópteros (trips), especialmente na comarca do Salnés e tamén da IXP Ribeiras do Morrazo, polo que a partir desta campaña haberá que estar pendentes tamén destes insectos.

Mosca do vinagre en trampa amarelaSíntomas do ataque de trips na vexetación novaAcurtamento de entrenós polo ataque

MACEIRA

Moteado

Se ben nesta semana nos non observamos nova sintomatoloxía da enfermidade, en períodos húmidos e cálidos que poidan vir aínda poderá haber infeccións, especialmente sobre plantas de variedades sensibles. Coa colleita de boa parte das variedades en curso ou cerca, en lugar de aplicar tratamentos químicos hai que garantir a aireación das plantas e, nas plantacións de pequeno tamaño, recoméndase retirar e destruír os froitos moi afectados. Nestas variedades tamén será aconsellable a aplicación dun tratamento con un funxicida cúprico despois da colleita para reducir o potencial de enfermidade para a campaña seguinte.

Sintomas de moteado en manzanas20190618 Nalgunhas variedades bastante moteado20190625_Sintoma e dano de moteado en maza

Couza da mazá (Cydia pomonella)

Tampouco nesta semana tivemos capturas en ningunha das trampas da nosa rede de seguimento pero deben manter a vixilancia mentres non fan a colleita. Tamén, e aínda que avisaremos no seu momento, non esquezan retirar as bandas-trampa de cartón ondulado que se instalaron para a captura das eirugas hibernantes.

Pie de manzanoBanda de cartón para utilizarOndulaciones donde quedarán atrapadas las larvasColocación del cartónProtección del refugio (cartón) frente a la lluviaProtección del refugio (cartón) frente a la lluvia 2ResultadoTrampa (refugio) instaladaTrampa (refugio) instalada 2

BUXO

Cydalima perspectalis

Nas revisións que facemos en diferentes buxos da provincia seguimos sen observar danos destacables, aínda que os buxos estean abandonados ou non pero sen recibir tratamento algún.

Nesta xeracion mesmo en buxos abandonados sen tratar hai gromos20190822_Nesta sebe sen tratar non avanzou o dano

Non obstante, e como lembrarán, nalgunha información fitosanitaria anterior falabamos de que había eirugas en diferentes estados, intermedios e máis evolucionados. Pois ben, na revisión desta semana observamos eirugas dos últimos estados e crisálides, pero tamén xa un adulto e a primeira posta da nova xeración, o que implica que aínda este ano haberá que manter a vixilancia polo menos un mes máis.

20190821_Algunhas eirugas de Cydalima estan neste estado desenvolvementoPrimeiro adulto visualizado segunda xeracion 2017 Cydalima20190822_Posta dunha nova xeracion de Cydalima