- Avisos anteriores
- 2018
- 2019
- 2020
- 2021
- NOV 29viña, froiteiras e prantas leñosas en xeral, buxo e piñeiro
- OUT 07Maceira e outras froiteiras en época de colleita, Nespereira, Cítricos, Buxo, Nogueira
- SET 18Buxo
- AGO 23Viña, Maceira, Buxo
- AGO 16Viña, Maceira, Buxo, Plátano de sombra
- AGO 09Viña, Maceira, Marmeleiro, Froiteiras, Buxo
- AGO 02Viña, Maceira, Froiteiras, Cerdeira, Buxo
- XUL 26Viña, Maceira, Cítricos, Froiteiras, Plantas de horta, Buxo
- XUL 19Viña, Maceira, Froiteiras, Plantas de horta, Buxo, Piñeiro
- XUL 12Viña, Maceira, Buxo
- XUL 05Viña, Maceira, Froiteiras de óso, Kiwi e froiteiras (de óso principalmente), Buxo
- XUÑ 28Viña, Maceira, Marmeleiro, Cítricos, Pataca, Buxo
- XUÑ 21Viña, Maceira, Pataca, Buxo
- XUÑ 14Viña, Maceira, Marmeleiro, Cítricos, Buxo, Evónimo, Salgueiros e outras árbores de ribeira
- XUÑ 07Viña, Maceira, Kiwi, Marmeleiro, Pataca, Buxo, Plátano de sombra
- MAI 31Viña, Maceira, Camelia, Buxo
- MAI 30Carballo
- MAI 24Viña, Maceira, Camelia, Buxo
- MAI 16Viña, Maceira, Kiwi, Froiteiras de óso, Cítricos, Buxo, Evónimo, Roseiras, Salgueiros e outras árbores de ribeira
- MAI 10Viña, Maceira, Marmeleiro, Kiwi, Froiteiras de óso, Varios cultivos (Froiteiras, Fresa, Outras), Pataca, Buxo, Camelia
- MAI 03Viña, Maceira, Marmeleiro, Kiwi, Froiteiras de óso, Varios cultivos (Froiteiras, Fresa, Outras), Buxo, Camelia
- ABR 26Viña, Maceira, Kiwi, Froiteiras de óso, Cítricos, Buxo, Pataca
- ABR 17Viña, Maceira, Kiwi, Froteiras de Óso, Boj, Camelia, Evónimo, Roseiras, Pataca
- MAR 28Buxo, Viña, Maceira, Kiwi, Fruteiras de oso
- MAR 22Buxo
- FEB 15Buxo, Piñeiro
INFORMACIÓN FITOSANITARIA 09 AGOSTO 2019
A información que aportamos nos avisos e boletíns fitosanitarios baséase no observado nas nosas parcelas de seguimento, noutras fincas que visitamos nos nosos percorridos e tamén nos datos que, ás veces, nos aportan outros técnicos e viticultores. En todo caso, SEMPRE CONVÉN CONFIRMAR A SITUACIÓN PARTICULAR DE CADA FINCA, porque pode haber diferencias mesmo locais. A nosa aportación debe ser considerada máis ben como unha referencia ou orientación, que axude a unha mellor xestión dos nosos cultivos
VIÑA
Este ano incorporamos á nosa rede de seguimento algunhas parcelas pertencentes á IXP Ribeiras do Morrazo. Tanto aos seus propietarios como aos das fincas do resto de comarcas (aqueles que levan con nos moitos anos e outros novos), grazas pola confianza
FENOLOXÍA

Nesta semana notamos un avance significativo na evolución da fenoloxía fronte á semana anterior: en todas as viñas xa domina o inicio do pintado e mesmo nas máis cálidas e expostas hai xa pleno pintado. Con todo, segue a haber diferencias entre parcelas da mesma comarca e mesmo dentro da propia parcela, entre plantas.
INFORMACIÓN SOBRE A MADURACIÓN DA UVA
Tamén xa se está empezando a falar das datas previstas de inicio da vendima, situándose as máis precoces na primeira semana de setembro e as máis tardías na terceira semana. Loxicamente a data real dependerá de como evolucione a climatoloxía, que como sabemos este ano está a ser irregular, polo que aínda é máis difícil de predicir. Se ben o momento da vendima non depende só do grao alcohólico do mosto, nestes momentos aínda é baixo, segundo se pode observar nos valores seguintes que aportamos a modo de referencia, obtidos de mostras de uva albariña recollidas nalgunhas das parcelas que visitamos:
- Comarca do Salnés.- Castrelo: 5.44º; Ribadumia: 7.11º; A Modia: 6.09º
- Comarca do Rosal.- Goián: 5.2º; Rosal: 4.8º
- Comarca do Condado.- Vide: 7.76º; Corzáns: 4.8º
- Ribeiras do Morrazo.- Bueu: 4.8º; Redondela:5.83º; Poio: 5.77º
Mildio
A situación maioritaria que topamos esta semana nas nosas parcelas de seguimento e nas outras que imos visitando foi de brotes terminais con manchas de aceite, máis abundantes nas fincas onde había máis inóculo e nas zonas superiores das parras con elevada frondosidade (a onde hai tempo que non acceden os tratamentos). A presencia de manchas nos crecementos non protexidos nestes crecementos coincidiu en todas as viñas independentemente da estratexia de tratamentos que se seguira, porque por exemplo temos máis dunha parcela da nosa rede sen tratar desde hai un mes e onde apenas había síntomas, e tamén viñas tratadas máis recentemente con manchas máis abundantes.
Co inicio do pintado xa practicamente xeneralizado e mesmo avanzando, a incidencia directa sobre a produción das infeccións en curso (e das que se poidan dar por estas choivas) será baixa ou máis ben nula. Porén, aínda nas viñas novas e/ou con pouco desenvolvemento da vexetación hai que permanecer alerta e comprobar a evolución dos síntomas, debido a que no caso de estenderse poden prexudicar a adecuada maduración da uva. As previsións meteorolóxicas das diferentes axencias anuncian choivas unicamente para a fin de semana (e non todas o fan) e bo tempo para os días seguintes, polo que se a densidade de manchas chega a ser elevada aínda convirá facer un tratamento cúprico no caso de non estar xa fora da data de última aplicación establecida pola súa adega. Neste último caso, e tamén en xeral, o manexo deberá incluír prácticas culturais de eliminación dos gromos con manchas excesivamente desenvolvidos que ademais dificultan a aireación das uvas.
Hai que ter en conta que as precipitacións que se rexistraron ata agora (na maioría de zonas entre 30 e 40 l/m2) produciron o lavado dos funxicidas de contacto que moitos viticultores aplicaron antes das choivas e reducirán o período de cobertura teórica dos penetrantes que os puideran acompañar
Oídio
Tamén no caso desta patoloxía a entrada no pintado da uva fai que o risco diminúa e que as uvas xa non sexan sensibles ao patóxeno. Ademais, o carácter forte por momentos das precipitacións rexistradas non foi favorable a este fungo. Na visita que realizamos ás viñas (entre martes 6 e mércores 7) observamos como mesmo nas fincas máis afectadas os síntomas na uva apenas avanzaran (só naqueles acios nos que o pintado non é aínda xeneralizado) e que os novos se concentraban nas follas tenras e máis nos acios "rebuscos", que como sabemos adoitan ser moi atacados.
Canto á nosa recomendación, co inicio do pintado xeneralizado consideramos que xa non é preciso realizar ningunha intervención antioídio, aínda que segue a ser recomendable, tamén para a boa xestión desta patoloxía, non descoidar a eliminación de gromos sobrantes que dificulten a ventilación e iluminación das uvas. Puntualmente, e considerando que as axencias meteorolóxicas non anuncian, a día de hoxe, choiva desde o luns día 12, podería aplicarse un tratamento con xofre nas plantas novas potencialmente moi afectadas e tamén naquelas viñas onde tivera habido ataques mal controlados do fungo ao longo da campaña.
Botrite
Na visita desta semana ás viñas, que foi antes das precipitacións que se deron especialmente desde mércores á tarde, xa observamos un indicio de botrite nun acio de Treixadura. Estas precipitacións, ademais, provocarán rachos nalgunhas uvas, sobre todo de variedades sensibles de pel fina (como precisamente Treixadura ou tamén Godello), que de feito xa observamos nalgunhas parcelas.
As condicións meteorolóxicas destes últimos días, con choivas persistentes onte xoves e temperaturas que seguen elevadas, foron altamente favorables ao desenvolvemento deste patóxeno. Por este motivo, é recomendable aplicar un último tratamento cun funxicida de reducido prazo de seguridade para protexer a uva (o tratamento debe dirixirse unicamente ao acio, para reducir custos). No "Registro de Productos Fitosanitarios" do Ministerio hai funxicidas cun prazo de seguridade de 21 días, de 14, e outros naturais con menos de 7 días ou sen prazo de seguridade. Segundo as datas que barallen para o inicio da vendima poderán utilizar uns ou outros. Ademais, segue a ser imprescindible manter unha correcta ventilación dos acios mediante esfollados para evitar a acumulación de humidade (deben ser moderados, retirando sobre todo as follas basais que xa non teñen funcionalidade), e tamén mediante a retirada dos brotes sobrantes para favorecer a ventilación no conxunto da viña.
Black rot
Nas viñas tratadas nas que houbo síntomas no primeiro terzo da campaña non observamos evolución algunha, nin sequera nas máis próximas a plantas abandonadas fortemente afectadas polo fungo, onde os acios xa están totalmente momificados.
Couzas do acio (Lobesia botrana, Eupoecilia ambiguella)
Do mesmo xeito que vimos referindo ao longo da campaña, apenas temos capturas de Lobesia botrana nas trampas das nosas parcelas de seguimento. Canto ás penetracións, nesta semana observamos nunha finca do Rosal un número próximo ao limiar de tratamento, mentres no resto apenas había algunhas esporádicas.
O seguimento da evolución das penetracións (que son máis fáciles de localizar co pintado) debe facerse ata practicamente o momento da vendima pola súa influencia sobre a aparición da podre. Canto aos posibles tratamentos no caso de que se supere o limiar de tolerancia, aínda poderían ser aplicados algúns insecticidas debido aos seus reducidos prazos de seguridade (inferiores a 14 días) ou a que non os teñen por ser produtos moi naturais.
Mosquito verde e outros cicadélidos
Incrementouse esta semana o nivel de capturas de cicadélidos nas trampas dalgunha das nosas parcelas de seguimento (nas outras segue en niveis baixos ou moi baixos). Aínda así, de momento as cifras rexistradas distan moito do limiar de tratamento de 250 adultos/trampa e semana, que ademais está en revisión, pois considérase sobre estimado. Canto ao vector da flavescencia dourada, Scaphoideus titanus, non observamos ninfas nos recontos ás follas nin capturamos adultos na rede de trampas.
Ácaros
En xeral, os ataques de ácaros da acariose que observamos nesta campaña foron moi puntuais (aínda esta semana atopamos algúns incipientes), sendo os máis evidentes os síntomas de erinose de verán, que non teñen efecto sobre a produción.
Outros
Naquelas plantacións onde se fan esfollas intensas que expuxeron os acios ao sol, algúns grans seguen a tomar o aspecto escuro, tostado, característico. Estes grans engúrranse e supoñen unha perda de produción, polo que, como sempre insistimos, as esfollas deben ser moderadas, nunca intensas, tamén porque as uvas necesitan seguir desenvolvéndose ata a colleita e non o poden facer sen follas ao seu arredor.
MACEIRA
Moteado
As condicións destes últimos días, que segundo a maioría de axencias meteorolóxicas, poden manterse ata domingo, son favorables ás infeccións porque aínda que baixaron as temperaturas, seguen a ser bastante elevadas. Polo tanto hai que permanecer alerta porque sen dúbida aparecerán novos síntomas nos próximos días.
Couza da mazá (Cydia pomonella)
Seguimos sen ter capturas nas nosas trampas nin tampouco observamos penetracións nos froitos. Aínda así, isto non ten por que coincidir con outras parcelas polo que, se se observan danos, será conveniente manter a protección, respectando os prazos de seguridade dos insecticidas empregados nos tratamentos. Ademais, é conveniente a colocación das bandas trampa para recoller as eirugas hibernantes:
MARMELEIRO
Entomosporium maculatum
FROITEIRAS EN XERAL
Monilia e botritis
As características de clima periodicamente inestable deste verán están favorecendo a aparición dos fungos responsables destas enfermidades sobre a froita, o que é especialmente notorio neste momento sobre a froita de óso en maduración, e seguimos a ver en todas as parcelas abundantes froitos maduros con danos nas árbores e no solo. Sabemos que non é un traballo cómodo, pero estes froitos deben ser eliminados para que non siga aparecendo a enfermidade sobre a froita que se recolla (aínda que non se vexan os síntomas, poden ter igual o fungo e facer que a froita se estrague moito antes) e, moi importante, para que non haxa un alto inóculo para o ano seguinte.