Es necesario configurar el portlet antes de poder utilizarlo

INFORMACIÓN FITOSANITARIA 24 abril 2024

VIÑA

As previsións meteorolóxicas anuncian choivas a partir de mañá xoves día 25, aínda que acompañadas dun descenso significativo das temperaturas máximas e mínimas pola entrada dunha masa de aire polar na nosa comunidade. Debido á proximidade das precipitacións, onte martes fomos revisar a nosa viña de Areeiro e atopamos a primeira mancha de mildio. A mancha era moi pequena, estaba situada nun bordo da folla e só separándoa da planta e mirándoa á lupa binocular puidemos confirmar que efectivamente o era, pois tiña un inicio moi lixeiro de frutificación. 

Primeira mancha Areeiro 2024

Máis tarde, un dos técnicos que nos comunica os seus achados no Salnés, tamén nos informou da aparición de síntomas noutra parcela e o mesmo ocorreu con algún viticultor. Por estes motivos, tamén adiantamos a revisión ás viñas da comarca e comprobamos que empezaba a aparecer a primeira mancha (nalgún caso máis de unha) en todas as que observamos, tanto nas do noso seguimento habitual (das que só dúas recibiran un tratamento) como noutras nas que nos fomos detendo. Sen dúbida as manchas proceden das condicións favorables rexistradas entre a primeira semana de abril e os días 12 a 14, e supoñemos que na visita de hoxe mércores ás viñas do resto de comarcas tamén atoparemos. En calquera caso, temos que dicir que a situación observada no Salnés non foi nin moito menos alarmante, aínda que si é certo que nunha viña situada na zona de A Modia vimos tamén o primeiro acio lixeiramente afectado.

Face dunha mancha detectada no SalnésEnvés da mancha anteriorManchas parcela Modia e acio afectado detrás

A aparición destas manchas obriga a aplicar un tratamento o antes posible naqueles predios que non recibiran aínda tratamento algún ou naqueles que estean xa fóra do período de protección teórico da intervención anterior. O tratamento debe facerse cun funxicida sistémico, pois basta cunha hora sen choiva despois de aplicalo para que penetre na planta e ademais ten a capacidade de protexer os novos crecementos.

As boas prácticas agrícolas (e a lexislación) indican que non se deben aplicar tratamentos se o vento é superior a 3 m/s (aproximadamente 11 Km/h), cuestión que debe terse en conta. En calquera caso, é bo nestes momentos utilizar boquillas antideriva e baixas velocidades do ventilador, ou realizar a intervención con pistola e cerca dos brotes para evitar a dispersión do produto fóra da área a tratar.