Publicador de contenidos

A Estación Fitopatolóxica Areeiro completou con éxito a auditoría de renovación do certificado do sistema de calidade

03 de setembro del 2020

Os días 27 e 28 de agosto de 2020, nas instalacións da Estación Fitopatolóxica Areeiro (EFA), realizouse a auditoría para a renovación do certificado do sistema de calidade implantado no centro, correspondente á norma UNE-EN ISO 9001:2015 co expediente 2005/0771/ER/01, no que están implicados tres laboratorios da EFA: a Unidade de Bacterias, Virus e Nematodos da Sección de Fitopatoloxía; e as Seccións de Edafoloxía e de Bioloxía Molecular, co seguinte alcance:

  • Detección e identificación de fungos fitopatóxenos, fitoplasmas e bacterias por técnicas moleculares (PCR, PCR-RFLP, nested-PCR, multiplex-nested PCR e secuenciación).
  • Realización de ensaios de eficacia de funxicidas in vitro.
  • Mostraxe, análise e identificación de Bursaphelenchus xylophilus por morfoloxía e técnicas moleculares.
  • Detección da virose da vide (GLRV I, II, III; GFLV; ArMV e GFKV), virus hortícolas e bacterias Xylophilus ampelinus e Xylella fastidiosa da vide e Xylella fastidiosa de leñosas e ornamentais pola técnica ELISA.
  • Realización de análises fisicoquímicas en solos (pH, catións, materia orgánica, fósforo e aluminio).

Na auditoría, realizada e supervisada pola Asociación Española de Normalización e Certificación (AENOR), mantivéronse en todo momento as medidas de protección no traballo contempladas na Resolución presidencial do 26 de maio de 2020.

Os obxectivos do equipo auditor foron os seguintes:

  • Determinar a conformidade do sistema de xestión da organización/empresa auditada, ou partes do sistema, cos criterios da auditoría.
  • Determinar a súa capacidade para asegurar que a organización cumpre cos requisitos legais, regulamentarios e contractuais aplicables (tendo sempre presente que unha auditoría de certificación dun sistema de xestión non é unha auditoría de cumprimento legal).
  • Determinar a eficacia do sistema de xestión para asegurar que a ou o cliente pode ter expectativas razoables en relación co cumprimento dos obxectivos especificados e, cando corresponda, identificar posibles áreas de mellora.
  • O resultado acadouse con éxito, non se detectou ningunha desviación do sistema e non houbo necesidade de establecer ningún plan de accións correctivas (PAC).
  • O equipo auditor destacou como puntos fortes os seguintes:
  • O alto grao de colaboración e participación do persoal auditado.
  • A competencia técnica do persoal auditado.

Por todo isto dámoslle os parabéns a todo o persoal implicado no alcance.