Advanced-Content-List

Es necesario configurar el portlet antes de poder utilizarlo

INFORMACIÓN FITOSANITARIA 28 de maio

Lembren que a información que aportamos nos avisos fitosanitarios baséase no observado nas nosas parcelas de seguimento, noutras fincas que visitamos e tamén nos datos que, ás veces, nos aportan outros técnicos e viticultores. Por iso para facer unha xestión adecuada en cada caso é CONVENIENTE CONFIRMAR A SITUACIÓN PARTICULAR DE CADA PREDIO

VIÑA

Estado fenolóxico: H - I [57-60 da codificación BBCH]

Botons florais, floracion e froito callado no mesmo acio

Unha semana máis, aínda que é certo que a fenoloxía arriba referida é prefloración-floración, hai unha diversidade de estados segundo as viñas incluso da mesma zona, pois nalgunhas apenas hai flor aberta e noutras claramente é o estado dominante xunto cos primeiros froitos formándose. Tamén nun mesmo acio poden darse as tres situacións descritas (ver imaxe dereita).

Mildio

Desde a emisión do anterior aviso apenas se rexistrou precipitación na maioría de zonas e só nalgunha estación (como varias do Salnés ou a de Meder – Salvaterra-) houbo rexistros de máis de 10 l/m2. Canto ás temperaturas, nas primeiras xornadas foron frescas, pero nas últimas as máximas rexistraron un ascenso significativo e máis moderado as mínimas. Ademais, só a noite do 24 déronse as condicións idóneas para a esporulación do patóxeno.

Na revisión das viñas, feita o martes 25, unicamente atopamos manchas en formación nalgunha folla dos gromos terminais daqueles predios que xa estaban fóra do período de protección teórico dos produtos aplicados en cada caso que polo tanto estaban sen protección. Pola súa banda os acios e pampos estaban libres de síntomas, e as manchas antigas nin presentaban esporulado nin tampouco zonas de avance.

Manchas curadas en viña tratadaMildio moi incipiente

Non obstante, as plantas testemuña sen tratamento algún que temos na nosa viña de Areeiro, a día 25 tiñan un aspecto sa (similar ao da semana anterior –ver foto da esquerda-) pero un día despois amosaban un aspecto completamente diferente, manifestando multitude de manchas en formación (ver foto da dereita).

Aspecto planta testemuñaAspecto planta testemuña sen tratamentos

O estado fenolóxico da floración é moi sensible ao patóxeno e unha mala protección da viña neste momento pode ocasionar perdas importantes e reducir por tanto a futura colleita. Amais, para a semana practicamente a totalidade de predicións meteorolóxicas consultadas anuncian choivas, aínda que en principio de escasa entidade, pero con temperaturas nocturnas compatibles coa frutificación do fungo. Por este motivo, aparte de insistir en que deben revisar ben as viñas aínda que estean recentemente tratadas, naquelas que estean próximas a concluír a protección ou que xa estean fora dela, é aconsellable renovar a intervención.

Oídio

Nas viñas que nos revisamos non atopamos ningún síntoma do patóxeno, nin tampouco nas plantas dunha variedade tinta moi sensible que controlamos todos os anos e que non recibe tratamentos. Sen embargo, a floración e a formación do froito son estados do ciclo da planta que convén protexer pola súa sensibilidade polo que naquelas variedades máis sensibles convirá aplicar un tratamento se ata o momento non se fixo.

Primer síntoma de oidio en variedad tinta

Botrite

Permanece nas viñas máis expostas a rotura de pampos e tamén pampos xa ben secos mesturados coa vexetación. Amais, tamén hai acios, en especial nalgunhas viñas, cos restos secos das flores aínda adheridos. Malia as previstas precipitacións e as temperaturas para os próximos días, a contía das primeiras non será suficiente  para provocar a instalación do fungo, pero os pampos secos deberían ser retirados

Viñas mais expostas significativa perda pamposRestos da flor secos sen desprenderse

Black rot

Nos predios que revisamos esta semana non observamos cambio algún, nin tampouco nas viñas abandonadas. As condicións que se prevén para a semana os días de precipitación serán favorables á enfermidade e a viña está nun período de máxima sensibilidade, que se incrementará de 2 a 4 semanas despois do comezo da floración. Por este motivo, e aínda que para un bo control do patóxeno é fundamental retirar as viñas abandonadas cerca dos predios e tamén os tratamentos preventivos precoces na primavera, cando os brotes teñen unha lonxitude de 2-5 cm, a floración e o callado son períodos que convén manter protexidos.

Mancha black rot amosando picnidiosPlantas abandonadas son fonte inoculo black rot

Outros parasitos da viña

Incrementouse o número de glomérulos de Lobesia esta semana, pero normalmente esta primeira xeración non require tratamentos.

Nesta semana primeiros glomerulos Lobesia