INFORMACIÓN FITOSANITARIA 12 abril 2024
VIÑA
Mildio
Desde a data de emisión do anterior boletín fitosanitario (3 de abril) seguiron a producirse choivas en todas as zonas da provincia con valores absolutos comprendidos entre 20 e 51 l/m2, concentrados na súa maior parte no luns día 8. Estes rexistros supoñen que, naquelas viñas que xa recibiran unha aplicación, se reduza o período de protección teórico dos funxicidas empregados, aspecto que haberá que considerar á hora de renovar a protección.
Canto ás temperaturas, as diúrnas foron normais para a época do ano salvo o día 5, moi superiores, e as nocturnas, excepto as do inicio do período (que se mantiveron na contorna dos 13 ºC) foron baixas, o que non favorece o crecemento das plantas nin ao patóxeno. Así, canto á fenoloxía, na nosa visita do mércores día 10 ás parcelas de seguimento e a outras que visitamos, comprobamos que a vexetación das cepas medrara lixeiramente pero aínda se atopaba relativamente comedida, de xeito que os gromos se atopaban, segundo a parcela, aínda en follas abertas cos acios empezando a ser visibles e lonxitudes de brote moi reducidas, da orde de 5 cm (estado fenolóxico Baggiolini: F; BBCH: 53), ou xa máis avanzados, en acios separados ou inflorescencias inchándose e brotes de máis de 10 cm (estado fenolóxico Baggiolini: G; BBCH: 55).
Canto a síntomas da enfermidade, nas nosas viñas non observamos ningún, nin tampouco noutras que visitamos. Porén, si nos informaron da aparición dunha mancha esporulada no Salnés, concretamente no concello de Vilanova de Arousa na zona de Baión (imaxes de abaixo, cedidas polo autor da detección) e doutra sen esporular en Arbo (Crecente).
A detección, que saibamos de só estas dúas manchas pode explicarse polo mencionado escaso desenvolvemento das viñas e polas temperaturas nocturnas frescas, e de feito dos captadores de esporas que temos instalados no marco do PLASMOWINE esta semana aínda recollemos menos esporanxios no do Salnés (6,48 esporanxios/m3) aínda que máis no de Areeiro (34,56 esporanxios/m3), onde as condicións de humidade elevada mantéñense ata ben entrado o día.
Para os próximos días, si exceptuamos esta noite pasada e a de mañá pola chegada dunha masa de aire africano, as previsións das diferentes axencias meteorolóxicas anuncian ceos con poucas nubes, temperaturas máximas elevadas ou moderadas, mínimas baixas e ventos maioritariamente do norte ou do nordés. De cumprirse estes prognósticos, o desenvolvemento do patóxeno non se verá favorecido e o risco non será elevado pero hai que ter en conta que hai orballos, que moitas viñas non recibiron aínda ningunha intervención e que en días pasados si houbo condicións favorables, polo que o nivel de vixilancia debe ser máximo para actuar a tempo en caso de que se detecte a primeira mancha en cada parcela particular.
Se a súa viña tivo tamén black rot a campaña anterior pode utilizar un funxicida con efecto fronte a este fungo
Outras incidencias
BUXO
Cydalima perspectalis
A actividade das eirugas vese favorecida pola subida de temperaturas. Por este motivo, tanto en sebes tratadas como nas que non o están hai que manter un alto nivel de vixilancia por si é preciso renovar un posible tratamento xa realizado (os produtos empregados soen ser de contacto e teranse lavado polas choivas do luns día 8) ou por si é preciso realizar a primeira intervención fronte ás eirugas que aínda agora saian da invernación.
CÍTRICOS
Phytophthora spp
Debido á climatoloxía especialmente húmida que tivemos ata agora os froitos de moitas especies cítricas están a murchar na árbore e poden caer prematuramente. Ao marxe de poder dar un tratamento, é fundamental retirar e eliminar todos os froitos afectados (tamén os que se atopan na árbore) para reducir a incidencia da enfermidade.