A estación > Novas > Detalle nova

Reunión dos investigadores do proxecto europeo Horizonte 2020 "Pre-HLB: Preventing HLB epidemics for ensuring citrus survival in Europe" para o seguimento e coordinación das tarefas e dos obxectivos do proxecto

11 de maio del 2022

Os días 11 e 12 de maio tivo lugar na Estación Fitopatolóxica Areeiro (EFA) unha reunión de coordinación para continuar co seguimento e coa evolución dos obxectivos recollidos no proxecto europeo Horizonte 2020 "Pre-HLB: Preventing HLB epidemics for ensuring citrus survival in Europe" (Previr as epidemias HLB para asegurar a supervivencia dos cítricos en Europa), no que colabora este servizo da Deputación de Pontevedra.

Visita Investigadores Csic

Con motivo deste encontro, visitaron estas instalacións os investigadores Leandro Peña García (CSIC Valencia e coordinador do proxecto), Alberto Fereres Castiel (ICA-CSIC Madrid, responsable do Grupo de Insectos Vectores de Patóxenos Vexetais) e José Eduardo Belda (director I+D de Koppert España S. L.). A EFA colabora no proxecto a través do seu Laboratorio de Artrópodos e Control Integrado, no marco dun convenio establecido entre a Deputación de Pontevedra e o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), no que ten encomendadas as seguintes tarefas:

  • 1. Cría masiva do insecto Trioza erytreae . O obxectivo principal será a produción de adultos de T. erytreae en número suficiente e de forma periódica para realizar os ensaios previstos no proxecto "Pre-HLB". Os devanditos ensaios implican traballos de laboratorio e de campo e suporán conseguir unha cría estable e continua do insecto sobre limoeiros.
  • 2. Estudos sobre o ciclo de vida e os limiares máximos e mínimos de desenvolvemento de T. erytreae . Estase a estudar a taxa de desenvolvemento, supervivencia, lonxevidade e reprodución (cálculo das taxas de fecundidade e fertilidade) do insecto a diferentes temperaturas e humidades relativas. Doutra banda, determinaranse os limiares máximo e mínimo de temperaturas e humidades para o seu desenvolvemento, calculando as táboas de vida pertinentes.
  • 3. Ensaios de preferencia de T. erytrae a diferentes especies vexetais . Estudarase o rango de hóspedes preferido mediante ensaios de libre elección cunha selección de diferentes especies de rutáceas ademais doutros hóspedes potenciais.
  • 4. Eficacia en laboratorio de insecticidas biolóxicos . Neste caso estanse a realizar diferentes ensaios de control con fungos entomopatóxenos para determinar a súa actividade contra a praga, o seu comportamento dose-resposta e a súa persistencia, co obxectivo de integralos en estratexias de manexo da praga/HLB.

Xa en Areeiro, o noso deputado delegado Manuel González Martínez deulles a benvida. Despois, após comentar brevemente o estado dos estudos, acordaron continuar o desenvolvemento do proxecto e comezar a redactar publicacións científicas e comunicacións para congresos, ademais de emitir notas de prensa, pois xa se están a producir resultados.