A estación > Novas > Detalle nova

Asset Publisher

Defensa da tese de doutoramento 'Composición química e capacidade antioxidante de produtos obtidos de camelias de Galicia', realizada na Estación Fitopatolóxica Areeiro en colaboración coa Universidade de Vigo

17 de agosto del 2022

Rocío Barreiro vén de recibir, de xeito unánime polo tribunal, un sobresaínte cum laude pola súa tese de doutoramento "Composición química e capacidade desoxidante dos produtos obtidos de camelias de Galicia". A investigación realizouna na finca do Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra e en colaboración coa Universidade de Vigo. A tese estivo dirixida pola doutora Carmen Salinero, xefa de Servicio de Areeiro, e o doutor Efrén Pérez da Universidade da Rioxa. O traballo estuda a composición do aceite e do té elaborados a partir das camelias cultivadas en Pontevedra, destaca as propiedades anticanceríxenas e saudables e propón o seu uso comercial como fonte de riqueza para o territorio.

A camelia é unha planta moi presente nos xardíns da provincia, pero tamén moi descoñecida pola explotación das súas follas e sementes para a obtención de té ou aceite. Dende finais do século XX, na EFA estúdase a calidade e a estabilidade dos produtos obtidos desta árbore. Agora, grazas a tese da xa doutora Rocío Barreiro, coñecemos as súas características e a avaliación da súa composición, así como as súas propiedades desoxidantes e o seu contido en vitamina E e catequinas (sustancias  desoxidantes que axudan a protexer as células dos radicais libres e que, pro tanto, son utilizadas na prevención e tratamento do cancro).

O té, a bebida máis consumida no mundo despois da auga, elabórase cos brotes e coas follas novas de Camellia sinensis; a súa composición inclúe cafeína, flavonoides, ácidos fenólicos, alcaloides ou vitaminas que, se se consomen habitualmente, proporcionan beneficios saudables para as persoas, asociados en parte ao contido en catequinas.

Este estudo feito co té producido en Areeiro amosou, nas análises mediante HPLC-DAD de todas as mostras, a presenza de seis catequinas: (+)-galocatequina, (-)-epigalocatequina, (+)-catequina, (-)-epicatequina, (-)-epigalocatequina-3-galato e (-)-epicatequina-3-galato; e resultou maioritaria a EGCG, con valores que oscilaron entre 27.314,4 e os 4.222,6 mg por kg de folla fresca.

Todas as mostras do té presentaron unha importante bioactividade antioxidante e estudáronse a través de cinco métodos: quelatación de Fe2+, ensaio de capacidade redutora de ferro (FRAP), captura de radicais libres ABTS+¿ e DPPH¿ e ensaio de capacidade dos radicais de osíxeno (ORAC).

O aceite de camelia caracterízase por ser máis saudable que outros polo alto contido en ácidos graxos, especialmente nos insaturados, de maior interese na industria alimentaria. Ademais, contén vitaminas e minerais moi importantes para o bo funcionamento do noso organismo, que se reflicte nas propiedades como rexenerador da elasticidade e como hidratante profundo da pel, polo que é moi valorado na industria cosmética. Nun traballo realizado en 2013 pola EFA, no que se estudaron distintas bioactividades do aceite de diferentes especies de camelia, comprobouse que ten capacidade antioxidante e antimicrobiana.

No estudo realizado para esta tese obtívose aceite de sementes de camelias cultivadas en Pontevedra por presión en frío, con rendementos entre o 16,1 % e o 31,9 % en peso de semente. A análise das características fisicoquímicas (humidade, densidade, índice de refracción, índice de iodo, índice de acidez e acidez) dos aceites concluíu que cumpren cos valores lexislados para os aceites de oliva virxe extra e son similares aos de camelia doutras orixes e especies coma a C. oleifera.

A composición en ácidos graxos libres foi estudada mediante GC-MS e obtivéronse valores elevados de ácidos graxos insaturados (¿UFA) entre o 88,40 % e o 94,75 %. O perfil de ácidos graxos realizouse mediante tres técnicas analíticas: GC-FID, GC-MS e 1H-RMN; cos tres métodos empregados destacaron os elevados contidos en ácidos graxos insaturados, con valores superiores a 86,1 %, 88,04 % e 88,07 %, respectivamente.
Os aceites amosaron a presenza de vitamina E, cunha media de 116,1 mg/l.

As bioactividades do aceite de camelia estudáronse a través da actividade antioxidante, como inhibidor de radicais libres ABTS+¿ e DPPH¿, e os resultados demostraron que ten unha boa capacidade antioxidante, con valores medios de captura de radicais ABTS+¿ de 0,08 mg equivalentes de ácido ascórbico por ml e do 10,58 % de captura de radicais DPPH¿.

Os estudos poñen de manifesto que das camelias cultivadas en Pontevedra pode obterse té e aceite de alta calidade para as industrias de alimentación e de cosmética. Asemade, polas súas propiedades e rendemento, estes produtos tamén poden supoñer unha fonte de ingresos para a provincia.