A Estación > Novas > Detalle nova

Areeiro avanza na investigación contra o fungo que seca a flor da camelia

Jorge Cubela participou na Comisión de Seguimento do proxecto que a institución provincial ten en marcha coa Sociedade Española da Camelia e a Universidade de Vigo para impulsar aplicacións biotecnolóxicas que melloren a resistencia ao fungo Ciborinia camelliae

04 de decembro del 2023
Fungo da camelia

 

Areeiro está a avanzar na investigación do fungo que seca a flor da camelia a través de dúas grandes liñas de traballo centradas na caracterización da interacción planta-patóxeno e no desenvolvemento de técnicas para a mellora xénetica do xénero Camellia. O deputado provincial Jorge Cubela acaba de constatar estes avances na Comisión de Seguimento do proxecto que está a impulsar o centro dependente da Deputación en colaboración coa Sociedade Española da Camelia e a Universidade de Vigo para impulsar aplicacións biotecnolóxicas que permitan obter resistencia ao fungo Cibirinia camelliae, causante do principal problema fitosanitario das camelias ornamentais a nivel mundial.

A Deputación de Pontevedra está a investir 26.000 euros neste proxecto de investigación, con vixencia ata abril de 2025, que está a avanzar no estudo dos fundamentos biolóxicos da interacción entre o fungo Cibirinia camelliae e plantas do xénero Camellia, e utilizar a mellora xenética como recurso para obter flores pouco ou nada susceptibles ao ataque deste fungo altamente especializado. En concreto, en Areeiro trabállase para identificar xenes candidatos da virulencia no fungo e xenes de resistencia na planta. Ademais, o centro dependente da Deputación está a desenvolver unha metodoloxía para estudar a función e o efecto de diferentes xenes sobre a susceptibilidade ao ataque do fungo.

En 1999 detectouse por primeira vez na provincia o fungo causante de que murche a flor da camelia e, desde entón, Areeiro está a probar diferentes estratexias para tentar  controlar a enfermidade. Debido á ausencia de efectividade das alternativas aplicadas ata o momento, este centro traballa na investigación e na mellora xenética destas plantas.