Asset Publisher

AREEIRO APORTA O SEU COÑECEMENTO SOBRE O CANCRO DO CASTIÑEIRO AO CONCELLO DA CORUÑA

Persoal da EFA desprazouse á cidade herculina para inspeccionar 112 árbores das que recolleron mostras que se están a analizar nos laboratorios da Estación da Deputación

15 de maio del 2022

Persoal técnico da Estación de Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, trasladouse á Avenida Salvador de Madariaga da Coruña para realizar unha inspección dos 112 castiñeiros que se atopan nesta vía. A colaboración xurde a petición do propio Concello da Coruña que solicitou unha valoración fitosanitaria destas árbores afectadas polo cancro dos castiñeiros, unha enfermidade na que a EFA é especialista. De feito, o labor levado a cabo na Estación neste eido está avaliado por múltiples publicacións sobre o tema que fan que o centro provincial sexa unha referencia nesta materia.

No seu percorrido o persoal da EFA acompañado por un técnico do Concello da Coruña revisou cada árbore de xeito detallado para poder facer esta valoración, recolleron mostras e realizaron fotografías para documentar a inspección. Nela atopáronse varios casos de Cryphonectria, que é a enfermidade que causa o cancro do castiñeiro na que a EFA, ademais de ser especialista, desenvolveu a través das súas investigacións un xel para a loita biolóxica contra este patóxeno, o único remedio que existe na actualidade. Tamén se atoparon árbores que presentaban síntomas de Dryokomus -a chamada avispilla do castaño-  e de podremia radicular.

As mostras recollidas foron trasladadas á Estación onde se están a analizar nos laboratorios para confirmar a valoración inicial. A gravidade dos patóxenos que padecen cada unha destas árbores será clasificada a través dunha escala que medirá se deben ser cortadas o se son susceptibles de tratamento. Esta valoración será remitida ao Concello da Coruña en forma de informe para valorar o tratamento preciso.

A Estación Fitopatolóxica Areeiro adoita a facer traballos de inspección para supervisar o estado das árbores. Este servicio é solicitado xeralmente polos concellos da provincia mais en ocasións, como é o caso desta visita á Coruña, o persoal da EFA leva o seu coñecemento alén das fronteiras de Pontevedra provincia para poñelo a disposición de toda a cidadanía.