INFORMACIÓN FITOSANITARIA 16 AGOSTO 2019

A información que aportamos nos avisos e boletíns fitosanitarios baséase no observado nas nosas parcelas de seguimento, noutras fincas que visitamos nos nosos percorridos e tamén nos datos que, ás veces, nos aportan outros técnicos e viticultores. En todo caso, SEMPRE CONVÉN CONFIRMAR A SITUACIÓN PARTICULAR DE CADA FINCA, porque pode haber diferencias mesmo locais. A nosa aportación debe ser considerada máis ben como unha referencia ou orientación, que axude a unha mellor xestión dos nosos cultivos

VIÑA

Estado fenolóxico: (M1) - M2 [(81) - 83-85 da codificación BBCH]

Este ano incorporamos á nosa rede de seguimento algunhas parcelas pertencentes á IXP Ribeiras do Morrazo. Tanto aos seus propietarios como aos das fincas do resto de comarcas (aqueles que levan con nos moitos anos e outros novos), grazas pola confianza

FENOLOXÍA

As choivas que tiveron lugar a semana pasada unidas a unhas temperaturas altas foron favorables ao avance na fenoloxía das uvas, de xeito que xa en todas as comarcas os acios están co pintado e abrandando.

INFORMACIÓN SOBRE A MADURACIÓN DA UVA

O mencionado avance na fenoloxía e as condicións climáticas reinantes apuntan a un adianto na data prevista de inicio de vendima, que parece se vai aproximar máis á primeira semana de setembro. De feito, nas mostras que tomamos de uva albariña nalgunhas das parcelas que visitamos, o grao alcohólico tivo un aumento medio de dous graos con relación á semana anterior. Na seguinte táboa amosamos os valores do brix, do grao alcohólico e da acidez obtidos nalgunhas mostras:

Comarca Parcela Brix (%) Grao alcohol Acidez total (mol H+/L) Ác. Tartárico (g/L) Ác. Málico (g/L) Ác. Cítrico anhidro (g/L)
Condado Vide 18,50 10,39 217,20 16,30 14,60 13,90
Rosal As Eiras 12,60 6,53 310,40 23,30 20,80 19,90
Goián 12,70 6,60 302,00 22,70 20,20 19,30
Salnés A Modia 14,30 7,63 322,40 24,20 21,60 20,60
Castrelo 13,40 7,05 289,40 21,70 19,40 18,50
 Ribadumia 17,20 9,56 261,20 19,60 17,50 16,70
Morrazo Bueu 8,40 4,89 350,40 26,30 23,50 22,40

Mildio

As temperaturas nocturnas da pasada fin de semana foron bastante baixas pero desde primeiros de semana son máis elevadas e chegaron mesmo a valores de 16-17 ºC. Estas condicións, unidas a choivas lixeiras nalgunhas zonas na fin de semana, e a orballos practicamente todas as noites, seguen a provocar a aparición de síntomas nas follas, que se manifestan como manchas de aceite esporuladas ou como mildio en mosaico e provocan defoliación.

20190813_Manchas esporuladas en follas tenras20190814_Mildio en mosaico20190813_Necrose de manchas antigas e defoliacion en zona superior parras

A nivel dos acios, loxicamente xa so nos rebuscos observamos síntomas, en forma de mildio larvado nos máis adiantados e como mildio esporulado nos menos.

20190813_Mildio larvado en rebusco20190813_Mildio esporulado en rebusco pouco evolucionado

As precipitacións rexistradas principalmente o xoves día 8 (que pola súa contía lavaron os produtos de contacto que se tiveran aplicado) contribuíron a esta situación. Para as próximas xornadas, as diferentes axencias meteorolóxicas consultadas anuncian novamente choivas para a fin de semana pero en xeral unha nova estabilización da climatoloxía desde entón. De cumprirse estas previsións, darán lugar á aparición de novas manchas pero non se espera xa que teñan unha incidencia destacable na boa maduración da uva, sobre todo tendo en conta que este ano o desenvolvemento da vexetación é suficientemente elevado como para garantila.

Oídio

Fronte ao mencionado no caso do mildio, a situación xeral observada esta semana apenas se modificou desde a revisión anterior nas parcelas que visitamos: algún síntoma illado en folla e tamén nalgúns (poucos) acios rebuscos, polo que xa non se recomendan actuacións diferentes das que favorezan a ventilación. Precisamente a escaseza de aireación e iluminación nunha viña mal xestionada canto a esta enfermidade por unha frondosidade exaxerada foi a responsable de que ao retirar esa vexetación se revelara abundancia de acios rachados, pero debidos a un ataque anterior, o que denota a importancia das prácticas culturais no manexo das viñas.

Hai síntomas oídio en follas novas viñas con infeccións anteriores20190814_Sintomas escasos en rebuscos20190814_Uvas rachadas por oidio hai tempo en viña moi frondosa

Botrite

Como era previsible polas condicións climatolóxicas e polo momento da campaña no que nos atopamos, esta enfermidade foi a máis destacada na visita desta semana ás viñas: apareceron síntomas a partir dalgún dano de eiruga de couza, de rachos pola choiva ou fisiolóxicos, ou de feridas ou lesións diferentes, tanto en acios de variedades brancas coma de tintas.

Micelio característico de Botrytis20190813_Botrite afectando a variedade tinta20190814_Botrite variedade branca

En xeral os síntomas observados non eran moi intensos, apenas ocupaban un 5-10% da superficie do acio, e non afectaban a moitos acios, pero nalgunha finca que visitamos si eran preocupantes nalgunha variedade. Aínda queda tempo para a vendima e sabemos que novamente se anuncian precipitacións, polo que se non teñen limitado o momento do último tratamento polas súas adegas, hai produtos con efecto preventivo (sobre todo) e algo curativo que posúen prazos de seguridade de 14 días (fenhexamida 50%, fenpirazamina 50% ou fluopyram 50%) e tamén de 3 días (eugenol 3,3% + geraniol 6,6% + timol 6,6%). Se non teñen a posibilidade de efectuar o tratamento, e tamén aínda téndoa, convén eliminar os acios afectados e facilitar a aireación na viña.

A presencia de botrite na uva prexudica a calidade do viño pois produce unha degradación dos azucres, altera os compostos fenólicos  e tamén o perfil aromático, polo que hai que manter a vixilancia para seguir actuando ata o momento da vendima

Couzas do acio (Lobesia botrana, Eupoecilia ambiguella)

Continúa o voo de Lobesia botrana, pero novamente as capturas que tivemos esta semana nas trampas foron moi reducidas ou simplemente inexistentes. Pola súa banda, tampouco observamos un número significativo de perforacións, pero aínda poden producirse porque as condicións climáticas que temos periodicamente, temperaturas suaves e humidade alta, favorecen a esta praga. No caso de que se supere o limiar de tratamento (3% de acios afectados nas variedades sensibles á podre, e 5-8% no resto de casos) hai produtos no "Registro de Productos Fitosanitarios" do Ministerio que aínda poderían empregarse por ter prazos de seguridade de 7 días ou por carecer del ao ser substancias naturais, aínda que deben ser aplicados ao inicio da eclosión dos ovos.

20190813_Posta de Lobesia non viable20190813_Sintomas de couza no interior do acio

Mosquito verde e outros cicadélidos

Nesta semana non observamos incremento algún nas capturas nas trampas que temos instaladas, e o número de ninfas nos recontos que facemos ás follas foi moi baixo. Pola súa banda, seguimos sen recoller adultos de Scaphoideus titanus, e tampouco atopamos ninfas nas follas.

20190806_Nalgunhas viñas mais cicadelidosNalgunhas trampas apenas capturas cicadelidos ao longo da campaña

Ácaros

Nesta semana xa non observamos novos síntomas de acariose, pero recibimos unha mostra na Estación cun mal diagnóstico desta praga que levou aos viticultores a facer un tratamento innecesario. Pola súa parte, os niveis de erinose mantéñense en xeral como nas últimas semanas.

20190806_Seguen a aparecer puntualmente sintomas acariose20190723_Erinose veran en albariño

Outros

Nesta semana temos que seguir incluíndo neste apartado os golpes de sol en viñas demasiado esfolladas e a presencia de plantas mortas, xa desde hai semanas, por enfermidades de madeira, que convén eliminar das fincas canto antes. Ademais, empezan a ser notorios nalgunhas parcelas os danos por paxaros ou avespas nalgúns acios.

20190814_Golpe de sol en variedade tintaEliminar canto antes plantas mortas por enfermidade madeira20190814_Danos por paxaros ou vespas

MACEIRA

Moteado

Nalgunhas plantas de variedades sensibles apareceron novos síntomas nas follas, aínda que de xeito bastante esporádico, polo menos nas parcelas da nosa rede.

20190816_Manchas incipientes de moteado maceira sensibleManchas de moteado en folla maceira20190625_Sintoma e dano de moteado en maza

Couza da mazá (Cydia pomonella)

Nas nosas parcelas non tivemos capturas de adultos, pero o voo e a actividade destes insectos son continuos ata o fin de campaña, polo que se debe comprobar a situación de cada parcela concreta.

Pie de manzanoBanda de cartón para utilizarOndulaciones donde quedarán atrapadas las larvasColocación del cartónProtección del refugio (cartón) frente a la lluviaProtección del refugio (cartón) frente a la lluvia 2ResultadoTrampa (refugio) instaladaTrampa (refugio) instalada 2

BUXO

Cydalima perspectalis

Mantemos o comentado nas dúas semanas anteriores: atopamos algunhas eirugas (dos estados intermedios e finais) pero en número bastante reducido e mesmo nas sebes que están sen tratar ou nas abandonadas apenas hai síntomas. Manter a vixilancia.

Oruga de Cydalimna perspectalis y signos de alimentacion20190807_Mesmo nos buxos abandonados ainda hai follas20190816_Sebe baixa de buxo sen tratar

PLÁTANO DE SOMBRA

Oidio

As árbores de moitos parques e paseos da provincia mostran abundantes síntomas de  oidio, sobre todo nas follas terminais.

Cada vez mais frecuentes gromos platano con oidioRamillo de plátano de sombra con fuerte ataque de oidio

Tigre do plátano (Corythuca ciliata)

Cada vez son máis evidentes os síntomas debidos ao ataque deste insecto, para cuxo control o "Registro de Productos Fitosanitarios" do Ministerio recomenda alfa cipermetrin 10%, deltametrin 2,5% e deltametrin 10%. Nos ataques máis intensos, esta praga produce unha defoliación prematura que leva a que se perda o valor protector do sol desta árbore.

Decoloración de las hojas por ataque del tigre del plátano21xuñ17_adultos, ninfas, excrementos tigre platano