Advanced-Content-List

É necesario configurar o portlet antes de poder utilizalo

INFORMACIÓN FITOSANITARIA 12 de agosto

VIÑA

Estado fenolóxico: M1 - M2 [81 a 85 da codificación BBCH]

Ao longo destes días, as temperaturas seguiron manténdose elevadas aínda que nas zonas da franxa costeira houbo néboas relativamente persistentes e polo tanto os termómetros non subiron na medida que o fixeron en semanas anteriores. Así, as condicións de tempo solleiro e seco en xeral que continúa desde o mes de xullo dispararon os comentarios dun previsible adianto na data de vendima e por iso xa nestes momentos a maioría das grandes adegas non permiten aplicar tratamentos químicos ás persoas que lles proporcionan a uva. Por iso tamén, e a modo de referencia como facemos todos os anos, recollemos nesta semana algunhas mostras para analizar o grao alcólico, resultando valores comprendidos entre os 6,73º nunha das viñas de O Salnés e os 8,67º nunha de O Condado, coa maioría de datos na contorna de 7-7,25º.

Mildio

Apenas atopamos algunha mancha nova esporádica nas plantas testemuña (sen tratar en toda a campaña) e tamén nos brotes novos das parras con maior frondosidade que na parte alta soportan manchas desde hai semanas pola non accesibilidade dos tratamentos a esa zona. Isto ocorreu malia que nas zonas costeiras se deran condicións de frutificación do patóxeno practicamente todas as noites e nas do interior tamén algunhas xornadas.

No momento da redacción deste boletín fitosanitario, as diferentes axencias meteorolóxicas consultadas anuncian néboas e nubes costeiras e tempo máis estable no interior ata o luns día 15, pero entre martes e mércores anúnciase a chegada de aire húmido polo Atlántico, o que xerará unha alta probabilidade de choivas e un descenso nas temperaturas. Como dixemos a semana anterior, xa non existe risco de que calquera potencial infección provocada por este cambio de tempo dane directamente ao acio. Aínda así, nas viñas menos vigorosas ou con pouca frondosidade debida a unha deficiente calidade do solo, aínda podería chegar a afectarlle indirectamente se pola aparición de manchas na folla se producise defoliación. Por este motivo, ademais de polos efectos beneficiosos do cobre sobre a pel da uva e sobre o endurecemento da madeira, nestes casos podería aplicarse un tratamento cun produto cúprico que, practicamente na súa totalidade, teñen un prazo de seguridade de 15 días.

Oídio

Nesta semana observamos nalgunhas plantas testemuña un incremento significativo de follas con síntomas novos deste fungo, en especial en plantas de zonas con influencia mariña. Tamén nalgunha parcela tratada vimos acios rebuscos afectados, aínda que con pouca intensidade. Con todo, sabemos que o patóxeno xa non pode afectar á uva en fase de maduración, polo que en xeral non será preciso realizar ningún tipo de actuación máis que, puntualmente e si se estima necesario pola aparición de síntomas, evitar os excesos de vexetación e realizar labores de eliminación de brotes "netos".

Botrite

Como sabemos, a sensibilidade á botrite aumenta conforme se incrementa a concentración de azucre na uva. Amais, as infeccións requiren tempo húmido e calor, así como feridas provocadas pola avelaíña do acio, o oídio, as rozas mecánicas da vexetación, etc.

Co cambio que se anuncia na climatoloxía, e o incremento da humidade, haberá máis probabilidade de que se instale o patóxeno en acios con feridas e/o de variedades sensibles, ata o de agora libres do fungo (malia terse rexistrado máis de 10 horas de humidade foliar algúns días) polo menos nas viñas que temos revisado. No caso de que a uva estea en bo estado xeral, non é probable que xa se produzan danos de importancia aínda que se produzan condicións favorables á enfermidade. Con todo, puntualmente pode ser conveniente tratar para evitar eses danos, e por iso lembramos que no Registro de Productos Fitosanitarios do Ministerio hai funxicidas antibotríticos cun prazo de seguridade de 14 días, e tamén produtos naturais cun prazo de seguridade de 1 ou de ningún día.

Avelaíñas do acio

En dúas parcelas da nosa rede de seguimento tivemos as primeiras capturas de machos de Lobesia botrana, que xa corresponden ao terceiro voo de avelaíñas. Con todo, se asumimos que a vendima se vai realizar antes do que é habitual xa non se esperan danos directos por penetracións das eirugas, e estas perforacións só poderían ter efecto sobre a incidencia de botrite. É de esperar que nos próximos días comece o voo noutras zonas; en caso de precisar unha intervención existe no mercado unha feromona líquida microencapsulada para aplicar por pulverización ao inicio dos voos que se pode mesturar con outros produtos e que non deixa residuos.

Cicadelidos

Novamente volvemos ter nesta semana algunhas capturas de adultos de Scaphoideus titanus, o vector da flavescencia dourada, nas trampas, aínda que menos cos que tivemos a semana anterior. Amais, xa dispoñemos das análises dos primeiros que recollemos e foron negativos, é dicir, ausencia do fitoplasma da flavescencia . Dos outros cicadelidos coma o mosquito verde tivemos un lixeiro incremento de capturas, pero sen chegar nin moito menos ao limiar de tolerancia.

Trips

Na revisión da semana anterior fomos visitar dúas viñas de O Salnés nas que había síntomas da alimentación destes insectos. Pois ben, esta semana visitamos algún predio máis, e tamén un da comarca de O Rosal, coa mesma sintomatoloxía. En todos os casos, os síntomas estaban restrinxidos ás follas, non aos acios. Comprobaremos a súa evolución por si houbera que aplicar un tratamento (no Registro de Productos Fitosanitarios hai un insecticida natural a base do fungo entomopatóxeno Beauveria bassiana autorizado para o seu control que non ten prazo de seguridade).

Ácaros

Esta semana tamén observamos síntomas de acariose, tras moitos anos sen miralos, nunha das nosas parcelas de seguimento. Ao confirmar a presenza do ácaro baixo a lupa binocular, comprobamos tamén que había unha poboación relativamente importante de ácaros beneficiosos fitoseidos, que posiblemente sexan capaces de controlar o ataque.

Outras incidencias

En xeral son as mesas cas da semana anterior: golpes de sol, alteracións de madeira, estrés hídrico e erinose de verán.

BUXO

Bolboreta do buxo

Esta semana tivemos as primeiras capturas da nova xeración de Cydalima perspectalis. Nas sebes onde temos instaladas as trampas buscamos ovos da bolboreta pero non os atopamos, aínda que como sabemos son moi pequenos e difíciles de localizar. Hai que reiniciar o seguimento pero de momento non tratar.

PIÑEIRO

Procesionaria do piñeiro

As capturas de machos da bolboreta na trampa que temos instalada nun piñeiro de Areeiro foron as máis elevadas da campaña: 40 machos.