INFORMACIÓN FITOSANITARIA 29 de xullo

VIÑA

Estado fenolóxico: L (79 da codificación BBCH)
20220727_Acio de variedade tinta iniciando o pintado

Malia ter habido esta semana temperaturas diúrnas cálidas e nocturnas suaves, en albariño aínda non observamos máis que acios moi dispersos coas uvas brillantes. Pola súa banda, nas variedades tintas é máis frecuente ver os primeiros indicios do pintado, pero tampouco é unha situación xeral polo menos nas viñas que visitamos esta semana

Mildio

A meteoroloxía desta semana mantívose, en xeral, estable e dentro do previsto, o que favoreceu, xunto coa fenoloxía propia da época, que a situación nas viñas no referido a este patóxeno permanecera tranquila. É certo que localmente houbo néboas e que, sobre todo nas zonas costeiras, despois dun sábado de moita calor veu un domingo con ceos cubertos e varias horas de humidade foliar que nalgunhas áreas se estenderon tamén ao luns, pero segundo as nosas observacións non tiveron repercusión algunha. É máis, incluso nas plantas testemuña sen tratar, os brotes novos están medrando limpos de mildio, e de feito no captador de esporas que temos instalado en Areeiro nesas plantas pasamos de recoller máis de 2500 esporas a semana pasada a só 447 na actual.

Tampouco nos acios rebuscos, malia seu reducido tamaño e polo tanto maior sensibilidade, observamos síntomas, e só hai que seguir falando das partes dos acios danadas en ataques anteriores, que están a secar ben, e de síntomas antigos na vexetación, sobre todo nas partes altas das viñas en parra.

As diferentes axencias meteorolóxicas consultadas anuncian a continuidade do tempo estable e dos ventos do norte ou nordés para as próximas xornadas, mesmo con temperaturas superando case todos os días os 30ºC. Tamén prevén unha elevación das temperaturas mínimas que, xunto co orballo que se poida producir de noite, implicarán maior risco de que se produzan novas infeccións, en especial naquelas viñas que levan máis tempo sen tratar. En calquera caso, a estas alturas da campaña non esperamos danos significativos, pero como sabemos mentres non se chegue ao pintado a uva aínda pode verse afectada e por iso recomendamos seguir mantendo a vixilancia.

Oídio

Unicamente nun gran dun só acio atopamos esta semana síntomas deste fungo, cuxas infeccións están favorecidas por unha climatoloxía cálida e húmida e particularmente polas néboas. Tampouco nas plantas testemuña ou nos acios rebuscos observamos a sintomatoloxía típica, aínda que no predio tivera habido un ataque nunha época anterior da campaña. En xeral, o tempo previsto para a semana non será favorable ao fungo polos ventos do norte ou nordés que se esperan, e por iso nos predios sen presenza de síntomas ata o de agora, o risco será case nulo. Pola súa banda, nas viñas onde xa se deran ataques, o fungo poderá seguir avanzando (lembren que ata o pintado), pero o risco de novas contaminacións tamén será baixo, aínda que haberá que prestar atención ás variedades máis sensibles se hai néboas.

Black rot

Nesta semana atopamos algún síntoma novo nos acios dunha viña da que descoñecemos o seu historial de tratamentos pero que ten cerca varias plantas dunha variedade indeterminada cuxos acios sucumbiron xa totalmente a esta enfermidade e máis ao mildio.

Con todo, nin neste caso nin no resto de viñas hai que esperar, en principio, unha evolución dos síntomas, xa que a climatoloxía prevista será seca e tamén ao aproximarnos ao pintado a sensibilidade da uva diminúe.

Avelaíñas do acio

Canto ás capturas de adultos nas trampas, e ao igual que a semana anterior, só recollemos 2 machos de Lobesia botrana nunha trampa do Salnés e 4 noutra da mesma comarca, polo que as poboacións de adultos desta xeración están sendo, neste momento, baixas. Tamén só atopamos unha posta en todas as avaliacións de acios realizadas e unicamente dúas penetracións larvarias. A segunda xeración das avelaíñas pode producir perdas directas, pouco importantes en xeral, e indirectas polas penetracións larvarias, que son puntos de entrada para a botritis. Segundo as nosas observacións, os voos están a ser pouco importantes e apenas hai outros indicios da presenza da praga, e por iso risco neste momento é baixo. Con todo, non se pode descoidar a vixilancia, en especial nas variedades máis sensibles á podre como poden ser loureira ou treixadura.

Cicadelidos

Seguimos con capturas baixas de Empoasca vitis nas trampas que temos instaladas. Canto a Scaphoideus titanus, o vector da flavescencia dourada, se na semana anterior recolleramos os primeiros 3 adultos nunha viña de Tomiño, nesta semana foron 2 os recollidos, e nunha viña de Salvaterra, onde non había síntoma algún da enfermidade (lembren que non son síntomas específicos). Os individuos desta semana tamén están a ser analizados para ver se conteñen o fitoplasma causante da enfermidade.

Scaphoideus titanus é un insecto cicadelido de orixe americana cuxa planta hóspede, en Europa, é a vide; malia non causar danos directos sobre o cultivo, ten unha grande importancia por ser o vector do fitoplasma responsable da Flavescencia Dourada (FD), enfermidade de corentena que pode levar a morte das plantas e que xa se detectou no norte de Portugal. Polo de agora a enfermidade non foi detectada en Galicia pero si, desde 2007, o insecto. As ninfas e os adultos de Scaphoideus titanus aliméntanse do zume das cepas. Por iso, se un insecto ataca a unha planta enferma, adquire o fitoplasma e pode infectar a outras.

Os síntomas da flavescencia dourada, que tamén se pode transmitir por propagación das plantas, soen empezar a aparecer en cepas illadas e non son específicos, pero entre eles están:

  • o decaemento dos pampos, que se volven flexibles, como de goma;
  • manchas, normalmente delimitadas polos nervios, de cor avermellada nas follas das variedades tintas e amarelas nas de variedades brancas, coa posibilidade de que os nervios tamén se descoloren;
  • follas duras, quebradizas e curvadas cara o envés que poden adquirir unha disposición en forma de tella;
  • morte das plantas afectadas

Outras incidencias

Temos que seguir falando dos golpes de sol nos acios, das plantas con alteracións de madeira e da aparición de máis cepas con síntomas evidentes de estrés hídrico.

MACEIRA

Moteado

O risco de infección permanece ata o final da campaña e pode seguir afectando aos froitos. Malia que nestes momentos as condicións meteorolóxicas non son especialmente favorables por non haber unha humidade excesiva é conveniente manter a vixilancia e renovar os tratamentos se aparecen novos síntomas (respectar sempre o prazo de seguridade dos produtos empregados antes de recoller o froito).

 

Sintomas de moteado en manzanas

 

Avelaíña da mazá

Tamén esta praga poden afectar ás mazás ata o momento da colleita, e por iso é recomendable non descoidar os seguimentos de trampas e froitos se é que xa se tiveron danos ao longo da campaña (respectar sempre o prazo de seguridade dos produtos empregados antes de recoller o froito).

Como método de reducir as poboacións para o ano seguinte lembren que se poden instalar bandas-trampa de cartón ondulado nas maceiras para capturar as eirugas que se retirarán a hibernar. Estas bandas ao redor dos troncos proporcionan un refuxio que as eirugas empregarán; ao retirar estas bandas no outono ou inverno e destruílas, elimínase parte da poboación nociva para a seguinte campaña.

FROITEIRAS DE ÓSO

Mal do chumbo

Nesta época é normal que neste tipo de árbores (cerdeiras, ameixeiras, etc) se manifesten claramente os síntomas desta patoloxía que está causada polo fungo Chondrostereum purpureum. Trátase dunha enfermidade moi grave que chega a matar ás árbores. Por iso, se afecta a poucas ramas, o mellor é eliminalas canto antes e destruílas (nunca deixalas no predio) para reducir o nivel de inóculo, protexendo os cortes cunha pasta funxicida. Amais, as podas invernais deben facerse sempre en tempo seco, desinfectando sempre as tesoiras.

A mesma recomendación é aplicable ás maceiras con ramas afectadas de cancro ou ás viñas con enfermidades de madeira cando estas afectan a un brazo

FROITEIRAS

Varias enfermidades e pragas

Xa empeza a verse con relativa frecuencia froita sobremadura no solo baixo as árbores. Como dicimos todos os anos, é conveniente retirarala o antes posible (e tamén aquela que se atope con picaduras ou con síntomas de alimentación por insectos ou paxaros nas árbores) para evitar a súa podremia e a instalación nelas de patóxenos oportunistas (como botritis ou monilia) ou pragas (moscas das froitas), que poden chegar a afectar á potencial colleita e tamén á do ano seguinte.

BUXO

Bolboreta do buxo

Probablemente varias persoas xa teñan tratado as sebes fronte ás eirugas desta praga pero é importante que comproben se as intervencións foron eficaces. Se aínda non o fixeron, lembren que os danos poden ser serios ao eliminar a parte verde da planta e mesmo as xemas.

PIÑEIRO

Procesionaria do piñeiro

Tivemos esta semana o máximo número de capturas na trampa instalada nun pé de Pinus radiata: 22 machos. As trampas axudan a facer un seguimento da praga e decidir cando intervir, e poden servir tamén para estimar a densidade da poboación larvaria que se vai alimentar das agullas dos piñeiros, tanto no monte coma en parques ou xardíns (onde tamén os cedros poden estar afectados).