INFORMACIÓN FITOSANITARIA 17 de xuño

VIÑA

Estado fenolóxico: J (71-73 da codificación BBCH)

Mildio

Esta semana volvemos recibir moitas chamadas, tamén doutras provincias, nas que nos informaban da aparición "repentina" de síntomas da enfermidade tanto en acio coma en folla malia ter realizado aplicacións fitosanitarias de xeito reiterado. Ben é certo que, finalmente, durante todos estes días predominou o tempo tormentoso, cunha humidade relativa media que non baixou do 67-70% pero que na maior parte dos días estivo arredor do 80% e mesmo con xornadas de máis do 90%. Tamén as temperaturas nocturnas foron e son ben elevadas, non baixan de 14ºC e hai días con mínimas de 19ºC que coinciden cos orballos nocturnos e provocan a frutificación do fungo. Amais, malia unha sensación térmica superior, os rexistros de temperatura nunha ducia de estacións de MeteoGalicia das principais comarcas vitícolas só superaron os 30 ºC de continuo durante 5 ou máis horas (fenómeno que esgotaría, en teoría, a capacidade xerminativa dos esporanxios) como moito nunha xornada. En realidade, todas estas condicións son semellantes ás que se veñen dando desde hai semanas e que provocan infeccións secundarias de xeito continuo, polo que a aparición de síntomas, aínda que o poida parecer, non é repentina.

Pola nosa parte, na revisión desta semana ás viñas habituais do noso seguimento e a outras que fomos observando no noso percorrido, atopamos todo tipo de situacións: desde viñedos aparentemente sas e cos síntomas antigos perfectamente controlados ata predios con varias plantas amosando abundantes manchas recentes en folla e tamén síntomas en acio que nalgún caso presentaban porcentaxes de afectación superiores ao 70%, do mesmo xeito que nas plantas testemuña sen tratamentos.

As peores situacións corresponderon a viñas con excesiva vexetación que, no caso das parras penduraba a modo de cortinas e, no dos espalleres, alcanzaba o solo, situacións que crean un ambiente aínda máis favorable ao fungo. Por outra banda, tamén atopamos un número moi elevado de manchas en todas as plantas abandonadas que tamén revisamos independentemente da súa variedade.

Ante a diversidade de situacións descritas e cunhas previsións meteorolóxicas que seguen a dar tempo inestable para os próximos días, aínda que con tendencia á diminución das temperaturas nocturnas, aquelas persoas que teñan próxima a finalización da protección teórica do tratamento anterior deben realizar unha aplicación aproveitando os períodos sen choiva e, moi importante tamén, sen vento. Aquelas que xa renovaran o tratamento deberán seguir coa vixilancia e as labores culturais que favorezan a aireación dos acios.

Nos momentos de elevado risco de enfermidade como é o actual, é prioritario que se fagan de xeito coidadoso os tratamentos, e que non se interveña con ventos superiores a 3 m/segundo (10,8 Km/h) porque neses casos a viña non quedaría protexida (aparte do dano medioambiental que implicaría).

Oídio

Nesta semana si atopamos o primeiro síntoma en albariño, só en folla. Porén, nunhas viñas doutras variedades que levaban anos abandonadas, amais dos síntomas en folla atopamos tamén nos acios. A partir de agora si será preciso engadir un funxicida antioídio nos tratamentos que  se realicen. 

Black rot

Tamén naquelas viñas abandonadas onde observamos os síntomas de oídio en acio, así coma noutras de diferentes comarcas, apareceron esta semana bastantes síntomas nos grans. Nas sometidas a tratamentos non observamos ningún, e nas follas só moi puntualmente, pero debido a que se prevé a continuidade das choivas, calquera intervención antimildio e/ou antioídio debe ser realizada con funxicidas que tamén estean rexistrados para usar fronte a esta enfermidade.

Outras incidencias

Están empezando a aparecer os primeiros síntomas de erinose de verán, que non require tratamento.

MACEIRA

Moteado

Ante a persistencia de tempo inestable segundo a case totalidade de previsións meteorolóxicas as maceiras que non estean tratadas, sobre todo se son de variedades sensibles, deben recibir un novo tratamento, en especial se o anterior se tivo feito cun funxicida de contacto.

Avelaíña da mazá

Do mesmo xeito ca semana anterior, nesta capturamos un só macho na trampa que temos instalada en Areeiro.

BUXO

Cydalima perspectalis

Fronte ás semanas anteriores, nesta si tivemos capturas de adultos nas trampas (5 e 6 machos respectivamente). Tamén observamos outra posta na mesma sebe cas semanas anteriores. Porén, coa climatoloxía inestable que se prevé, e sobre todo coa baixada das temperaturas, non é de esperar que avancen os síntomas.

PATACA E OUTRAS PLANTAS HORTÍCOLAS

Mildio e outros patóxenos

Recibimos esta semana no laboratorio mostras con ataques de mildio nas ramas, e tamén nos informaron do mesmo algunhas das persoas que nos chamaron. Débense manter as plantas permanentemente protexidas mentres dure esta situación de inestabilidade no tempo.