INFORMACIÓN FITOSANITARIA 20 de maio

Comeza a floración do albariño en todas as comarcas

Esta semana as temperaturas medias mantivéronse, en xeral, entre 16 e 20ºC. Esta circunstancia, unida á presenza dunha humidade relativa bastante elevada, provocou un avance significativo da fenoloxía das vides, de xeito que en todos os predios de todas as comarcas hai algunhas plantas de albariño en floración. Tamén observamos un incremento notorio no desenvolvemento vexetativo.

VIÑA

Estado fenolóxico: H I [57- (60) da codificación BBCH]

Mildio

Na información fitosanitaria anterior (publicada o 13 de maio) falabamos das condicións de humidade e temperaturas mínimas altas que se estaban a producir desde o día 10, que eran favorables ao patóxeno pero que aínda non tiveran o seu reflexo nas plantas. Pois ben, na revisión desta semana (día 18) ás parcelas da nosa rede e a outras que fomos visitando nos nosos percorridos, observamos como había algunha mancha nova, zona de avance nas poucas manchas antigas existentes, unha frutificación moi notoria e tamén os primeiros acios afectados. En todos os casos os síntomas non eran alarmantes e non chegaban ao 1% de follas; tampouco os acios afectados apareceron en todas as parcelas e a súa presenza no global observado non acadaba o 0,2% fronte ao total.

Mancha recente de mildioFrutificacion en zona avance mancha antigaApareceron os primeiros acios afectados

Tamén nas plantas abandonadas de variedades pouco sensibles que atopamos nos bordos das rúas e camiños, ata agora limpas de enfermidade, apareceron manchas esta semana, e igualmente en variedades tintas que non soen ter síntomas.

Aparece mildio tamén en abandonadas pouco sensiblesTamén manchas mildio en variedade tinta pouco sensible

Con todo, as consecuencias das infeccións xeradas pola climatoloxía pasada aínda terán que manifestarse nos próximos días e ser especialmente visibles nas plantas testemuña sen tratamentos, que de momento están practicamente limpas na nosa viña de Areeiro.

aspecto dunha planta testemuña Areeiro

O prognóstico meteorolóxico para as xornadas vindeiras fala de condicións, a priori, favorables á enfermidade ao preverse certa precipitación, tronadas algúns días e temperaturas altas para a época do ano, especialmente as mínimas, sobre todo a fin de semana e nos comezos da semana anterior. Por todo o mencionado, e tendo en conta tamén que a floración é un período especialmente sensible para as viñas, é preciso revisar moi ben as viñas (aínda que se atopen protexidas, na teoría, por unha intervención anterior), e renovar os tratamentos si se detecta a aparición de síntomas recentes, salvo aquelas persoas que o teñan feito xa.

Seguimos lembrando a importancia de facilitar, na medida do posible, a aireación nas viñas para poder conter as infeccións por esta enfermidade. De feito, esta semana xa recomendamos que nun predio se aclarase a vexetación das propias vides mediante unha poda en verde debido ao exceso de vigor que tiña e a que presentaba máis síntomas nas zonas máis ocultas
Nas viñas nas que tivera caído sarabia estes días, ao renovar os tratamentos antimildio deben elixirse produtos que conteñan tamén unha materia activa con efecto fronte a botrite como pode ser o folpet

Oídio

Non topamos aínda os primeiros síntomas desta enfermidade malia que nas nosas viñas aínda non demos tratamento antioídio algún e que as condicións climatolóxicas están a ser bastante favorables. Con todo, e dado que polas boas prácticas fitosanitarias é mellor non mesturar diferentes produtos na mesma aplicación, de momento só seguimos aconsellando incrementar a vixilancia.

Black rot

Tal e como estaba previsto, debido á climatoloxía púidose apreciar esta semana unha maior incidencia de síntomas desta enfermidade, que xa apareceu (timidamente de momento) nalgunhas viñas sometidas a tratamentos de case todas as comarcas. Como dixemos a semana anterior, non hai produtos específicos fronte ao fungo responsable desta enfermidade, pero si antimildios e antioídios capaces de conter tamén a este outro patóxeno.

Avanzaron manchas black rot

Outras incidencias

Ao marxe dos caracois que volveron aparecer en moitas viñas, e que continúan a alimentarse dalgunhas follas, e dalgunhas plantas manifestando síntomas de enfermidades de madeira (que poden sanearse EN TEMPO SECO, sen agardar ao momento da poda), esta semana atopamos os primeiros síntomas de altica na nosa viña de Areeiro. Amais, aínda que nalgunhas ocasións pensabamos que apareceran os primeiros glomérulos (niños da primeira xeración das avelaíñas do acio), en realidade en todos os casos observados eran agrupacións de botóns florais debidas simplemente ás precipitacións.

Primeira folla con síntomas Altica en AreeiroAgrupación de botóns florais por humidade

MACEIRA

Moteado

Nas plantas da variedade Golden de Areeiro apareceron esta semana os primeiros síntomas do fungo, favorecidos sen dúbida polas condicións de climatoloxía cálida e húmida dos días pasados e destas xornadas. Polo tanto é preciso aplicar un tratamento para evitar danos.

Manchas moteado en maceira sen tratar Síntoma incipiente moteado

KIWI

Bacterioses

As condicións meteorolóxicas seguirán sendo, polo menos a curto prazo, favorables a estas enfermidades que poden provocar danos importantes se non se controlan, polo que é preciso manter as plantas protexidas.

FOTOS: Pseudomonas syringae, síntomas nos botóns florais FOTOS: Pseudomonas syringae, síntomas nos botóns florais

BUXO

Cydalima perspectalis

Ao igual que a semana anterior, non observamos cambios nas sebes que controlamos, e tampouco vimos (ou capturamos nas trampas) os primeiros adultos. Manter a vixilancia.

Crisalida de C. perspectalis

PATACA

Mildio

O tempo húmido incrementa sensiblemente o risco desta enfermidade, polo que hai que manter as plantas protexidas mentres se manteñan esta climatoloxía.