INFORMACIÓN FITOSANITARIA 08 de abril

VIÑA

Mildio

As temperaturas tan baixas que se rexistraron durante a semana non favoreceron o crecemento dos gromos, que seguen a estar estacionarios e pouco desenvolvidos en xeral, aínda que loxicamente hai excepcións e, como é normal, os máis longos están situados en cada viña ao final da vara.

Gromos mais desenvolvidos na parte terminal da vara

Con todo, desde onte día 7 xa subiron as temperaturas nocturnas ao nubrarse os ceos. Con esta situación, unicamente se recolleron, entre o xoves 31 de marzo e o mércores 6 de abril, 4 esporanxios de mildio no captador que xa temos instalado en Areeiro. As choivas que se están a producir desde hoxe venres, que segundo as previsións consultadas poderán rexistrarse ata martes ou mércores, unidas a unhas temperaturas diúrnas e nocturnas suaves, favorecerán non só o desenvolvemento dos gromos senón tamén, con toda probabilidade, a presenza de máis esporanxios no aire. Faremos unha visita ás viñas entre luns e martes para volver publicar a situación observada o mércores día 13. Entre tanto, convén ir vixiando a viña, revisando a maquinaria de tratamentos e ir adquirindo os produtos que se vaian dar na primeira aplicación.

Outras incidencias.- As temperaturas tan baixas que se rexistraron estes días, con valores baixo cero nalgúns casos, queimaron os gromos nalgunhas viñas. Nestes casos haberá que estar pendentes á evolución da planta nos próximos días (pode brotar por outras xemas, ser recomendable -ou no- unha poda...) e á posible aparición de síntomas de botrite nos restos secos.

Gromos novos afectados polas xiadasAlguns gromos afectados por xiadas tiñan mais desenvolvemento

BUXO

Bolboreta do buxo (Cydalima perspectalis)

Tamén as temperaturas baixas destes días non foron favorables ao avance dos síntomas das eirugas desta especie. É certo que se atopan algunhas eirugas, pero en xeral os gromos están crecendo sen maior dificultade. De momento non é necesario tratar.

Hai algunhas eirugas de CydalimaEn xeral os buxos non estan moi afectados pola Cydalima